Os ecorréximes de pastoreo extensivo abranguen en Galicia 203.000 hectáreas, o 60% delas en Lugo

O mantemento da biodiversidade e as capturas de carbono son os principais beneficios dunha práctica que pode aportar ata 141,74 € por hectárea as granxas que a apliquen. Foron algúns dos aspectos abordados nun foro organizado en Chantada pola Rede PAC no que se constatou a ampla variedade dos pasteiros galegos.

ECORREXIME VACAS

No marco da xornada sobre boas prácticas de pastoreo extensivo en pastos húmidos aplicables a ecorréximes en Galicia organizada pola Rede PAC, José Manuel Ferreiro, do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), explicou os principios que guían a aplicación dos ecorréximes (ER) en xeral e as condicións técnicas e legais dos de pastoreo extensivo en particular. Ferreiro lembrou que se trata de compromisos anuais voluntarios, cun pagamento anual por todas as hectáreas subvencionables acollidas a unha determinada práctica. Para cada hectárea só se subvenciona 1 práctica e actualmente hai 7 activas en Galicia.

En canto as disposicións específicas que rexen os ecorreximes (ER) de pastoreo extensivo, o técnico do FOGGA lembrou as seguintes:

– Aplícase sobre superficies de pastos permanentes ou temporais sobre as que se declare aproveitamento en pastoreo.

– Pastorear un mínimo de 90 días ao ano

– Pastorear en todas as parcelas acollidas ao réxime, polo menos 1 día ao ano.

– Non hai porque pastorear con tódolos animais da explotación pero si que hai que dicir o número deles cos que se vai facer á hora de solicitar a axuda.

– Manter unha carga gandeira sobre as superficies de pastos mínima de 0,4 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea e unha carga gandeira máxima 2 UGM/hectárea.

Ferreiro destacou tamén a importancia do caderno de explotación e da obrigatoriedade de inscribir todas as accións que se realicen vencelladas ao ecorrexime (ER). Así, sinalou que hai que asignar as datas de inicio e fin de pastoreo por cada grupo de parcelas na solicitude única. E, no caso de que estas datas se modifiquen en mais de 15 días, hai dúas opcións:

– Se se usa caderno dixital, anotalas no prazo máximo dun mes.

– Se usa papel: comunicalo a autoridade competente no prazo máximo dun mes.

Finalmente, o funcionario lembrou algúns dos fundamentos fixados pola UE que deron lugar a aplicación dos ER. Entre eles destacan a mitigación do cambio climático, incluída a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes das prácticas agrícolas, así como o mantemento dos depósitos de carbono existentes e a mellora da captura de carbono. E tamén a protección e mellora da calidade da auga e redución da presión sobre os recursos hídricos; a prevención da degradación do solo, a protección da biodiversidade, conservación ou recuperación de hábitats ou especies, o uso sostible e reducido de praguicidas ou a mellora do benestar animal.

Situación en Galicia
Susana Fernández, tamén do FOGGA, fixo un repaso pola situación actual dos ER en Galicia e máis polo miúdo dos de pastoreo extensivo, Na nosa comunidade houbo este ano 9.644 solicitudes que abranguen 551.350 parcelas e un total de 203.810 hectáreas para que pazan as diferentes especies de gando. Esas cifras supoñen que o 65% das solicitudes e o 60% da superficie do ecorrexime de pastoreo extensivo de toda España están en Galicia.

Mapa das solicitudes de ER de pastoreo por concellos

Mapa das solicitudes de ER de pastoreo por concellos

Por provincias, Lugo encabeza con moita diferenza todos os parámetros. En territorio lugués están o 61% dos solicitantes, que supoñen 5.697 explotacións, 295.000 parcelas e 123.514 hectáreas. A moita distancia queda A Coruña, co 16% das solicitudes (2.220), 73.207 parcelas e 33.454 hectáreas. Cifras similares ten Ourense, aínda que con menos solicitantes (930) pero máis parcelas (124.000). Pontevedra, con só o 7% das solicitudes abrangue algo máis de 14.000 hectáreas.
As comarcas luguesas da Terra Chá, Lemos e A Fonsagrada son as que teñen unha meirande concentración de solicitudes, chegando nalgúns concellos a entre 3.000 e 6.500 hectáreas de terreo que se pediu acoller ao ER de pastoreo extensivo.

Nas dúas últimas campañas, os gandeiros galegos no ER de pastoreo ou de pasto húmido recibiron un total de 20.350.184,74 € por acollerse a esas prácticas. Malia descender o número de solicitantes en case 1.000 (pasando de 10.549 no ano 2023 a 9.642 en 2025), aumentou a cantidade de hectáreas por explotación, pasando de 19,70 a 21,14.

Os gandeiros lugueses levan recibido dende 2023 a cifra de 12.555.368,72 €, fronte aos 3.256.569,74 de A Coruña, os 3.168.751,57 de Ourense e os 1.369.494,71 da provincia de Pontevedra.

Incidencias detectadas
Fernández sinalou que as principais incidencias que o seu organismo está a detectar na xestión dos ER son a declaración de pastos con práctica de pastoreo extensivo, pero sen explotación gandeira con clasificación zootécnica e/ou sistema produtivo compatible, o incumprimento da regulación sobre carga gandeira mínima e máxima, ou a ausencia de declaración do código REGA asociado ás parcelas.

A Rede PAC
Teresa López, da Rede PAC, fixo un repaso polo que é e a actividade que desenvolve a rede. Especialmente, as chamadas “antenas”. Son un grupo de 9 técnicos que traballan coordinadamente por todo o territorio estatal. Entre as súas funcións, López destacou as seguintes:

• Coñecer as distintas realidades rexionais.
• Identificar proxectos de boas prácticas.
• Organizar actividades no territorio.
• Mellorar a difusión dos contidos e actividades da Rede PAC.
• Recopilar información das necesidades territoriais para conseguir un impacto positivo na poboación local.

Tipos de ER solicitados e activos en explotacións galegas

Tipos de ER solicitados e activos en explotacións galegas

O peso do pastoreo no medio ambiente

O pasto sen gando non é pasto. Así comezou a súa intervención Rosa Mosquera, profesora do departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo, quen explicou a súa definición do pastoreo extensivo: acción de pastar en grandes superficies mediante consumo a dente do estrato herbáceo ou leñoso, co aproveitamento eficiente dos recursos, a redución da compra de recursos externos e a provisión de servizos ecosistémicos asociada á agricultura do carbono (PAC).

Unha das cuestións polas que é importante manter a biodiversidade é porque non sabemos que usos vai ter cada especie no futuro. (Rosa Mosquera, EPS)

Mosquera abondou nos protocolos que rexen o ER de pastoreo extensivo, citando as importantes diferencias entre Galicia e o resto do estado. Malia que a norma di que o pastoreo debe ser de 120 días anuais, de forma alterna ou continua, o certo é que en Galicia se reduciu a 90 días. Algo que suscitou debate entre os asistentes porque as causas aducidas para esa redución son de tipo climático.

A profesora de EPS quixo facer unha distinción clara entre pastos temporais e permanentes e entre pastos húmidos e mediterráneos. Os húmidos, os propios da maior parte de Galicia, teñen por riba de 650 mm de precipitacións anuais e poden soportar unha carga gandeira de entre 0,4 e 2 UGM por hectárea. E apuntou que o control debe facerse por parcelas e non polo conxunto da explotación. Para este exercicio, o importe máximo que se pode percibir no ER de pastoreo é de 141,74 € por hectárea e o mínimo de 43,64 €.

As diferencias entre zonas de pasto dentro de Galicia semellan claras, dixo Mosquera, polo tipo de razas que mellor se adaptan a cada comarca. Así, as zonas máis secas do interior son aptas para, por exemplo, as vacas cachenas porque resisten mellor o clima e o tipo de pasto que nace. A diversidade de pastos en territorio galego é unha enorme riqueza, asegurou.

Por outro lado, a profesora fixo un chamamento a que se recupere o uso de gando en parcelas forestais polo proveito que supón para árbores e animais. “A razón de que non se faga máis está en que a PAC fixaba un uso concreto para cada parcela. Por eso custa dar o paso administrativo para que se poida primar ese dobre aproveitamento que, ademais, axuda na chamada agricultura do carbono, que tanto promove a UE.”, dixo.

Evolución do pastoreo en Galicia
Mosquera valorou a evolución dos sistemas de pastoreo galego no que vai de século. Ata hai poucos anos, había unha enorme produción nos prados en primavera e unha segunda tanda se o outono era suave. E no inverno e o verán, o frío e a calor reducían o alimento dispoñible. “Galicia está nunha zona de transición atlántico/mediterránea, que aínda fai máis difícil a xestión da pradería. É moi complicado facer unha planificación da proporción silo/pasto porque o gandeiro nunca sabe o nivel de precipitacións que vai haber e como van estar repartidas.”

Para reducir esa incertidume, Mosquera propuxo métodos tradicionais. Ademais do antedito aproveitamento pastoril das masas forestais, propuxo practicar a trashumancia onde e cando sexa posible, ou recuperar para alimentación do gando follas e ramas de árbores (o coñecido “ramoneo”) como a moreira e a falsa acacia ou ata incorporar á dieta landras e castañas.

A biodiversidade é unha das grandes beneficiarias do pastoreo extensivo. As zonas onde se practica supoñen mosaicos paisaxísticos. Ademais de fomentar as razas autóctonas e frear o risco de lumes pola desaparición da maleza e a fixación de carbono no chan. “Os animais no prado fan unha primeira selección, comendo o que lles gusta e deixando o demais. E as súas dexeccións fertilizan ao tempo que co pisoteo as moven por toda a parcela.”

Un exemplo da necesidade de conservar a biodiversidade témolo, segundo Mosquera, no toxo. “Agora semella que hai que arrincalo todo porque pode traer incendios. Pero durante séculos foi un dos elementos máis importantes da agricultura e gandería en Galicia, posto que era o principal fertilizante. Non sabemos que usos van ter as especies no futuro, por eso debemos conservar o maior número delas”.

O secuestro de carbono e a fixación de materia orgánica son outros conceptos vencellados co pastoreo extensivo. A profesora da EPS presentou e comparou mostras de solos nas que había pasto permanente sen fertilización química, piñeiros e forraxes. Os maiores niveis de materia orgánica acadábanse nos solos con pasto permanente non fertilizado quimicamente, con ata 30 cm de acumulación. Algo que se prima economicamente pola captura de carbono que exerce toda esa materia orgánica.

Mosquera rematou facendo un chamamento a non caer nin no infra nin no sobrepastoreo, que poden ser igual de perxudiciais. “Abusar do número de animais nun terreo durante demasiado tempo é tan negativo como deixar parcelas sen utilizar porque cremos que nos chegan as que temos ou porque son de difícil manexo.” Nesa liña, a profesora fixo un repaso polos sistemas de colares GPS e valados virtuais que se están a empregar en Europa. “Polo de agora son caros, pero co tempo serán máis asequibles e permitirán superar a falta de man de obra, así como aproveitar todo o terreo dispoñible, concluiu.

O pastoreo na historia do planeta

A historia da acción dos herbívoros no planeta centrou a intervención de Pablo Manzano, investigador Ikerbasque no Basque Centre for Climate Change. Os estudos do profesor sudafricano William J. Bond sentaron as bases para considerar que boa parte do planeta foi nalgún momento un sistema de devesas nos que os herbívoros compartían espazo coas árbores. Sen embargo, as especies de herbívoros -moitas das cales conviviron no tempo co homo sapiens- acabaron extinguidas (ata 50 só en América do Sur). A caza, o tamaño e a necesidade de migrar na procura de novos pastos puideron estar detrás desas extincións.

Manzano insistiu en que practicamente toda a superficie terrestre foi alterada pola acción do home ao longo dos séculos. Moitas veces, en compañía dos herbívoros. Incluso as paisaxe que poden parecer máis virxes, como a selva amazónica, foron modificadas. “Antes da chegada dos europeos, había no Amazonas arredor de 10 millóns de persoas que cultivaban o terreo, levaban gando con eles e tiñan unha constante mobilidade. A acción do home cos herbívoros explica que en lugares moi lonxanos entre si haxa paisaxes moi semellantes.”

A acción do home combinada cos herbívoros ao longo da historia en todo o planeta explica que haxa paisaxes similares en zonas moi lonxanas. (Pablo Manzano, investigador Ikerbasque)

O investigador sinalou que antes da derradeira glaciación había zonas do planeta que chegaron a ter unha carga de ata 12 toneladas de herbívoros por quilómetro cadrado. É decir, que esas cargas que hoxe se presentan como excesivas xa se produciron anteriormente. “O problema hoxe non é que teñamos demasiado gando, senón que non sabemos ben que facer con el. O pastoreo ben executado garante a biodiversidade, a captura de carbono, a redución de fitosanitarios e químicos, a salubridade dos alimentos…”

Manzano cre que o reparto dos herbívoros polo planeta e os recursos dos que se nutre pode ser mellorado. “En Gran Bretaña hai unha enorme cabana de rumiantes que aproveitan un solo ao que se lle aplica moito potasio e nitróxeno químicos. Ou en España temos disparado o número de porcos que dependen de alimentos que veñen de fóra. E, por contra, nas taigas temos un recurso pasteiro de primeiro nivel que está totalmente desaproveitado.”

Experiencias galegas

A xornada rematou cunha mesa redonda na que participaron catro gandeiros adscritos a ER de pastoreo en Galicia. Xosé García, de Casa da Fonte (Pantón), Tania Rancaño, de Gandería Dradas (Fonsagrada), Nieves Fernández produtora de ovino en Viana do Bolo e José Lorenzo, de Casa do Carril (Lalín) relataron as súas experiencias e falaron do funcionamento das súas explotacións.

Mesa redonda dos gandeiros en ER de pastoreo que participaron na xornada

Mesa redonda dos gandeiros en ER de pastoreo que participaron na xornada

Nieves ten unha explotación de ovella galega en ecolóxico. Toda a alimentación que consume o seu gando procede do que eles mesmos colleitan, non compran ningún produto de fóra. As ovellas saen todos os días pacer. Dende 1982 ata 2023 apenas variaron os métodos de traballo e chegaron a ter ata 500 cabezas de ovino galego, que aínda segue en perigo de extinción. E todo nunha das zonas máis secas e de orografía máis complexa de Galicia.

Nas épocas de máis seca -xullo e agosto- alimentan os animais con restos das podas dos castiñeiros e coa felpa do centeo, é decir, o centeo novo no que poden pastar os animais. Prácticas estas que están acollidas ao sistema de ER pero que son ancestrais en toda a montaña ourensá. Dende 2023 desenvolveron un sistema para aproveitar mellor os pastos e as parcelas tardan en ser pacidas o suficiente tempo como para que a carga parasitaria se reduza notablemente.

En Casa do Carril son pioneiros na gandería rexenerativa en Galicia. Casa do Carril traballa unhas 50 hectáreas de terreo, case todas elas de pradería e con sementeira directa nos meses de setembro e maio. Alternan nas leiras alfalfa e raygrass, de xeito que introducen un deles cando o outro remata o seu ciclo. José Lorenzo explicou que as vacas de carne pasan toda a vida no prado e as de leite só dormen na corte no inverno.

Nesa explotación de Lalín aplican as normas do Pastoreo Rexenerativo Voisin e fan agrupación de partos para que os picos de produción de leite se dean nos meses de primavera, que é cando hai máis pasto e de mellor calidade. Na granxa traballan con 6 razas diferentes de vacas e cos seus cruzamentos; frisoa, jersey e pardo-alpina para leite e angus, hereford e salers para as de carne.

Tamén en Gandería Dradas traballan cun rabaño do máis heteroxéneo. Fleckvieh, parda, rubia galega, limusín, cruzamentos de frisoa e ata galloway compoñen unha cabana orientada a produción de carne. A diferencia doutros proxectos adscritos ao ER de pastoreo, o silo xoga un papel importante na explotación.

Algún ano fan ata 1.000 rolos de silo. Porque o clima e a orografía da Fonsagrada tampouco permiten un pastoreo continuo. O frío e a neve impiden saír pastar diariamente no inverno e a calor e a seca son os obstáculos no verán. Ademais, o cambio climático leva a que nunca poidan saber canta herba van producir as 100 hectáreas nas que traballan.

Na xornada desenvolveuse un exercicio práctico no que se xuntaron os participantes en grupos para que respostaran catro preguntas:

– Que pasos fixestes no voso modelo de explotación para acollervos a esta práctica?

– Que se debe evitar á hora de introducir este ecorréxime?

– Cales son os atrancos que interfiren nestas prácticas?

– Que facer para superar esas dificultades?

As respostas a estas preguntas e as conclusións que se tiren delas serán incluídas nun traballo sobre o ER que xa preparan no sistema de antenas PAC.

Dividimos o terreo en pastos de diario, zonas de reserva e áreas intermedias

Casa da Fonte, en Mañente (Pantón) foi a explotación que visitaron os participantes na xornada. Están no ER de pastos húmidos. E hai dous anos acolléranse tamén ao de illas de biodiversidade pero deixárono por simplificar o traballo burocrático, se ben cumpren perfectamente os requisitos de ambos ER. “Adherímonos porque as prácticas que se reclaman xa máis ou menos as viñamos aplicando e resultan nunha xestión máis eficaz. Aparte das achegas económicas, por suposto.”, di Xosé G. Freire.

Xosé G. Freire co seu rabaño que califica de "Raza Casa da Fonte"

Xosé G. Freire co seu rabaño que califica de “Raza Casa da Fonte”

O pastoreo de Casa da Fonte é moi particular posto que, ademais das vacas leiteiras, que son a principal actividade, inclúe porcos celtas, un par de burros, cabalos e ata galiñas. “As vacas si que van todos os días ao prado e case sempre dormen nel. Para o resto de gando temos parcelas separadas ou que alternamos con moito tempo. O importante non é a carga de gando que haxa na parcela, senón o tempo que pasan nela e o estado en que a deixan cando saen para outra.”

A observación e comprensión da natureza son claves. Hai que entender os procesos que se dan nos solos e nas plantas. E ir tomando decisións baseadas nesa observación. (Xosé G. Freire, Casa da Fonte)

Adóitase pensar que o problema do sobrepastoreo consiste en ter demasiados animais nun terreo. Pero non é así. “O sobrepastoreo é volver levar o gando a unha parcela antes de que a esta lle dea tempo a recuperar a pradería. A herba ten unha parte aérea e outra subterránea. A subterránea perde sistema radicular cando se pace. Hai que deixar que o recupere para cando veñan as xeadas ou as secas, para que a planta teña reservas.”, explica o gandeiro.

En función da época do ano que se trate e de cada zona da explotación, deciden o tempo que deixan descansar a cada parcela. “Dividimos a superficie por áreas. Temos unha que empregamos durante a época de crecemento na primavera, na que deixamos que cada leira teña un repouso de arredor dun mes. E logo temos zonas que reservamos para que os animais teñan comida cando non hai crecemento vexetativo (inverno e momentos de seca). Neses casos, o repouso pode ser de ata seis meses.”

E tamén habilitan unha chamada “zona intermedia” que se utilizará para pasto ou para reserva en función de como estean as outras leiras. “Por exemplo, se a primeira parcela de pastoreo que utilizamos aínda non está de todo recuperada, pasamos a utilizar unha das reserva.”

“Se a primeira parcela de pastoreo, á que toca a volver tras acabar o ciclo, aínda non está recuperada, imos a unha de reserva”

En calquera caso, os prazos de repouso e a rotación no uso que se da as parcelas non é algo que veña fixado no ER senón que é unha decisión de manexo dos responsables das explotacións que se acollen a el. En Casa da Fonte as parcelas de reserva seméntanse por si mesmas deixando que a herba deixe caer a semente. O que si teñen claro é que as leiras deben ter un uso diferente cada ano para evitar que se “especialicen” nun único aproveitamento.

Casa da Fonte está no ER de pasto húmido, se ben o seu responsable lembra que as secas e temperaturas que se acadan en Mañente levan a que haxa similitudes coas zonas de pasto seco. Para a rega das leiras non teñen limitacións que impoña o ER, de feito, están na zona de influencia do regadío do Val de Lemos.

“A observación e comprensión da natureza son claves. Hai que entender os procesos que se dan nos solos e nas plantas. E ir tomando decisións baseadas nesa observación. E as decisións non só teñen en conta o pasto que vaia estar dispoñible para o gando senón tamén aquelo que é máis beneficioso para os solos.”

Aínda que a valoración do sistema de ER é positiva en Casa da Fonte, tamén teñen claro que non van cambiar o seu manexo se a regulación os obrigase a facelo. “Se o que xa estamos facendo serve para ter un ingreso extra, benvido sexa. Pero non imos cambiar o que está dando resultado.” Na granxa teñen unha cabana gandeira de 76 vacas leiteiras, 40 porcos celtas, entre 50 e 100 galiñas poñedoras ao longo do ano e crían 200 polos anuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información