A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Os depósitos Labaronne para o xurro son un complemento perfecto en explotacións leiteiras con separador de purín”

SAT Arcicos, situada na parroquia de Arcillá, en Cospeito, conta cunha cisterna de almacenamento montada no ano 2020 con capacidade para 2 millóns de litros. Destacan a facilidade de instalación e o menor custo con respecto a unha fosa ou balsa convencional

Ana Piñeiro, socia xunto ao seu home, Manuel, en SAT Arcicos, diante da cisterna flexible Labaronne da granxa

Ana Piñeiro, socia xunto ao seu home, Manuel, en SAT Arcicos, diante da cisterna flexible Labaronne da granxa

A capacidade de almacenamento de xurro é un dos condicionantes á hora de ampliar unha explotación leiteira. Ademais dun dos requisitos legais que é necesario cumprir, é tamén un parámetros a ter en conta á hora de establecer axudas como as destinadas aos Plans de Mellora das granxas.

En Galicia, a Xunta calcula que unha vaca leiteira estabulada produce 26 metros cúbicos de xurro ao ano (segundo establece nas Instrucións Técnicas para a realización do Plan de Xestión de Dexeccións Gandeiras e Fertilización) , polo que é necesario dispoñer dun volume suficiente por cabeza para cubrir cando menos un período de medio ano.

“Nós tiñamos pouca fosa e no ano 2020, cando reformamos o establo e eliminamos o emparrillado, quedamos practicamente sen capacidade de almacenamento de purín. Así que á hora de pedir o Plan de Mellora e instalar o separador, decidimos poñer un depósito flexible de 2 millóns de litros de capacidade”, explica Ana Piñeiro, que é socia xunto ao seu home, José Manuel González, e ao seu sogro, Luis, de SAT Arcicos, ubicada na parroquia de Arcillá, pertencente ao municipio de Cospeito (Lugo).

SAT Arcicos foi a granxa leiteira galega que ata agora instalou o depósito flexible máis grande para o xurro

Despois de ir ver este sistema nunha granxa de Navarra, SAT Arcicos decidiu montalo e 5 anos despois os resultados son máis que satisfactorios. “Estamos contentos. Nós non temos problemas porque o xurro que gardamos nela é líquido porque pasa antes polo separador pero quizais lle ampliaría un pouco a boca de entrada para evitar posibles atascos se o purín fose máis espeso”, propón Ana.

Solución ideal en combinación co separador

A balsa está pegada ao separador do purín

A cisterna Labaronne está pegada ao separador do purín da granxa

Asesorados por Construcciones Rivas, a empresa de Láncara que lles fixo a ampliación do establo, montaron a cisterna Labaronne xunto ao separador do purín, de maneira que a fracción sólida é reutilizada na cama das vacas, como material de recheo para os cubículos, e a parte líquida almacenada no depósito flexible, que baleiran en distintas épocas do ano para fertilizar os cultivos forraxeiros da explotación, tanto as terras de millo como as pradeiras.

Os depósitos Labaronne contan con 10 anos de garantía e poden cambiarse de sitio en caso de que no futuro se necesite ampliar o establo

“Eu considero que este tipo de depósitos de almacenaxe son a solución perfecta cando se monta un separador”, asegura Ana, que destaca a mellora do poder fertilizante do xurro, que mantén dentro da cisterna flexible e en ausencia de osíxeno, todos os seus nutrientes. “Eu penso que abona máis o xurro que botamos agora que o que tiñamos antes”, afirma.  

Simplificación burocrática

A explotación moxe hoxe unhas 145 vacas e produce máis de 2 millóns de litros de leite ao ano

A explotación moxe a día de hoxe unhas 145 vacas e produce máis de 2 millóns de litros de leite ao ano

A facilidade de instalación e o menor custo a respecto dunha foxa convencional ou unha balsa cuberta son algunhas das vantaxes desta alternativa. Ademais do importante aforro económico, a colocación dun depósito Labaronne vólvese moito máis sinxela, xa que non se precisa facer obra, unicamente hai que achaiar o terreo sobre o que se vai pousar, polo que a obtención dos permisos e autorizacións necesarias se simplifica moito.

Ao non precisar obra, a obtención dos permisos e autorizacións é moito máis rápida e doada

Ao non ser unha instalación fixa nin ser preciso botar formigón, non se require licenza de obra e a súa montaxe é rápida, polo que se volve unha solución sinxela e económica para resolver o problema de almacenamento de xurro que teñen moitas explotacións leiteiras.

Ademais, existe a posibilidade de reubicar o depósito noutro lugar, cambiándoo de sitio, de maneira que cando se coloca non se está a hipotecar o terreo de cara a usos futuros ou posibles ampliacións da granxa cara ese lado, como ocorre moitas veces con pozos de purín de formigón antigos.   

Almacenamento limpo e seguro

A explotación moxe hoxe unhas 145 vacas e produce máis de 2 millóns de litros de leite ao ano

O depósito do xurro é estanco e está ubicado a carón dos silos da explotación

A cisterna Labaronne de 2 millóns de litros de capacidade que instalou SAT Arcicos mide 43,8 metros de longo por 31 metros de anchura e canto está chea ten unha altura de 1,6 metros. Cando eles a puxeron era o tamaño máis grande dispoñible no mercado, pero nese momento xa se fabrican solucións a medida de maiores volumes que se adaptan ás necesidades concretas do cliente.

Aínda que os depósitos Labaronne, de fabricación francesa e que distribúe en España a empresa Nutriset, están feitos dun tecido específico de alta resistencia e teñen 10 anos de garantía, é recomendable facer un balado perimetral para evitar a entrada de animais salvaxes ao recinto.

Ao ser estanca e impermeable estamos máis tranquilos, sempre tes menos risco de que haxa un problema medioambiental

A normativa esixe neste momento que os pozos de purín e balsas de xurro estean cubertas, como un xeito de reducir as emisións de amoníaco e as entradas de auga, algo que no caso dos depósitos flexibles non é necesario. “Evitas ese gasto de ter que cubrir a balsa e tes maiores garantías de que non se che vai encher de auga se vén un inverno chuvioso ou de que non vai haber fugas, porque o material do que está feito é impermeable e estanco”, asegura Ana.

O medo a un posible rebordamento da fosa de purín cobra maior importancia no caso de SAT Arcicos, que se atopa tan só a uns 250 metros do río Miño, que desborda o seu cauce con facilidade nesta zona da Terra Chá. De feito, para colocar o depósito onde o puxeron, a carón dos silos, tiveron que subir a finca dous metros mediante recheo para evitar que puidese chegar alí a enchenta do río.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *