Trasfegar o viño, enviñar, embotellar, sacar o bagazo, etc. Esta é época de importante actividade nas adegas, con distintos niveis de riscos de accidente segundo estean máis ou menos modernizadas e profesionalizadas.
Para coñecer cales son os puntos clave a ter en conta para evitar sinistros, falamos con Héctor González Nóvoa, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) na delegación de Ourense, centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
-O sector do viño en Galicia é unha importante fonte de riqueza e emprego, pero non está exento de sinistralidade, en concreto nas adegas. Cales son os datos de sinistralidade dos que dispodes no ISSGA e como foron evolucionando nos últimos anos?
-Efectivamente é unha importante fonte de riqueza, emprego e fixación de poboación. As 5 denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras), e as 5 indicacións xeográficas protexidas (Viños da Terra de Barbanza e Iria, Viño da Terra de Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia) están espalladas pola xeografía galega e fan un importante labor no territorio.
Entre os anos 2020 e 2023 declaráronse en Galicia 51 accidentes laborais producidos en adegas cun lixeiro descenso no número de accidentes de ano a ano.
-Os accidentes prodúcense en adegas profesionais ou tamén nas adegas tradicionais enfocadas fundamentalmente ao autoconsumo?
-Os accidentes prodúcense nos lugares en que existen riscos sen identificar ou fronte aos que non se adoptaron medidas preventivas. Polo tanto, os accidentes poden ocorrer tanto en adegas grandes como pequenas e sufrilos tanto traballadores por conta allea durante a súa xornada laboral como autónomos, ou os propios particulares nas tarefas enfocadas ao autoconsumo.
Entre os anos 2020 e 2023 declaráronse en Galicia 51 accidentes laborais producidos en adegas
A diferenza é que nas adegas onde existen traballadores por conta allea a normativa obriga a contar cunha avaliación de riscos e cunha planificación preventiva de cara a adoptar medidas que eviten os accidentes. Os accidentes destes traballadores, así como os dos autónomos do sector, son considerados laborais e deben ser comunicados á autoridade laboral, mentres que os dos particulares non. As adegas profesionais dispoñen, con carácter xeral, da maquinaria, equipos e instalacións máis axeitados para evitar os riscos.
-Un dos principais riscos de accidente nas adegas procede da emanación e acumulación de gases. Como se produce este proceso e que medidas de prevención deberíamos adoptar?
-Este proceso de emanación e acumulación de gases prodúcese durante a fermentación alcohólica do mosto para producir viño. Neste proceso, os lévedos converten o azucre das uvas en alcohol (etanol), xerando gases coma o dióxido de carbono (CO2). Este gas non ten cor nin olor, polo que non pode ser detectado sen usar equipos específicos de medida. É máis denso que o aire, polo que vai ás partes baixas das cubas, depósitos ou da propia nave, quedando estancado en zonas non ventiladas.
O gas en si non é velenoso pero despraza ao osíxeno, facendo que a respiración non aporte suficiente osíxeno aos pulmóns e, polo tanto, ao cerebro, producíndose unha rápida perda de consciencia e, se non se procede ao rescate, a morte, ben por asfixia ou por caída.
As medidas a adoptar son, entre outras:
- Identificar as zonas onde se poden acumular os gases e sinalizalas. Se é posible, instalar sistemas de detección.
- Ventilar a adega en xeral, con especial atención ás zonas baixas e aos recunchos a cuberto das correntes de aire.
- Evitar entrar en cubas e depósitos se se pode facer o traballo desde fóra.
- En caso de ter que entrar, ventilar o interior das cubas e os depósitos e medir para comprobar as concentracións de gases antes de entrar. A utilización de candeas, chisqueiros ou similares para ver se a chama se apaga non é un sistema seguro.
- Adoptar medidas coma o uso de equipos de respiración autónoma ou semiautónoma en caso de ter que introducirse nestes recintos, cando sexa preciso.
- Contar cunha persoa no exterior que vixíe o estado da persoa que entra para que a poida rescatar.
Os depósitos máis perigosos son os que se atopan por baixo do nivel do chan e con ventilación unicamente pola parte superior.
Ás veces, accidéntanse varias persoas cando intentan rescatar a outras, sen adoptar as medidas necesarias para acceder ao depósito ou cuba.
-O manexo das cubas de madeira e a súa limpeza -nas cubas de maior tamaño tradicionalmente facíaa dentro da mesma unha persoa- poden ser tamén unha fonte importante de accidentes?
-Si, tanto o manexo das cubas de madeira como a súa limpeza poden ser unha fonte de accidentes. No manexo por golpes, contusións, atrapamentos ou esmagamentos. Durante a limpeza, fundamentalmente por introducirse dentro sen ventilar adecuadamente, sen medir a inexistencia de gases, sen contar con medios de respiración autónoma ou semiautónoma e sen ter a unha persoa fóra que poida vixiar e levar a cabo as tarefas de rescate en caso de incidentes.
Os depósitos de aceiro diminúen notablemente o risco de accidentes nas adegas
-Pódese concluír que as adegas con depósitos de aceiro teñen menores riscos de accidentes deste tipo ca aquelas nas que a fermentación e/ou garda do viño se fai en cubas de madeira?
-Os depósitos de aceiro diminúen notablemente a necesidade de acceso ao interior, minimizando os riscos, debido a que dispoñen de:
- dúas bocas, unha superior e outra inferior, que facilitan o baleirado total e a ventilación do interior
- billas “toma mostras” e tubo de nivel lateral
- válvulas de seguridade para a entrada e saída de aire
- dispositivos de limpeza
- tubo de remontado fixo e sistema de aspersión que tamén se emprega para a limpeza
- camisa de refrixeración
- tamén pode dispor de sistema de descube automatizado autobaleirante
-As caídas desde altura e os esvaróns son outras das causas frecuentes de sinistros nas adegas. Que pautas deberiamos seguir para reducir este risco?
-Como sempre, temos que identificar os riscos e propoñer medidas preventivas fronte a eles.
Fronte ás caídas de altura (por exemplo, desde zonas altas de pasarelas ou depósitos), debemos adoptar medidas de protección, preferentemente colectivas, tales coma as plataformas e escadas con varandas. Se non fose posible, adoptaranse medidas de protección individual, como o uso de arneses de seguridade con puntos de ancoraxe ou liñas de amarre a onde suxeitalos. Todos estes elementos deben cumprir coa lexislación en vigor e ser aptas para o uso e resistentes.
Fronte aos esvaróns, debemos ter o chan en bo estado e limpo e seco, así como facer uso de calzado antiesvaradío. Tamén ter os equipos e as mangueiras ordenadas.
-Que outros factores inciden no risco de accidentes nas adegas e que medidas de prevención deberiamos adoptar?
-Ademais dos riscos por atmosferas baixas en osíxeno e por caídas de altura e os esvaróns podémonos atopar distintos riscos cuxas medidas preventivas poden ser diversas e deben ser valoradas en cada caso. Entre os riscos máis comúns atoparíanse:
- Atropelos por carretas ou vehículos
- Caídas de obxectos en manipulación, como sacos ou caixas de botellas
- Cortes nas zonas de lavado de botellas ou embotellado
- Atrapamentos ou cortes por máquinas ou equipos (embotelladoras, parafusos sen fin, correas de compresores, cintas transportadoras…)
- Explosións por filtros de terras ou depósitos calefactores
- Contactos ou queimaduras por risco eléctrico
- Trastornos musculoesqueléticos na manipulación de cargas (caixas, cestos, pipotes…)
- Contactos, inhalación, inxestión ou ben incendio ou explosión por uso ou almacenaxe de substancias químicas ou mesturas
- Exposición ao ruído
- Alerxias a insectos ou ás luvas de látex
- Exposición ao frío ou á humidade
- Entre as medidas preventivas que poderían adoptarse estarían:
- Manter aos traballadores lonxe das zonas de tránsito de carretas ou vehículos
- Almacenar de forma estable, segura e coa menor altura posible
- Facer uso de botas de seguridade con punteira reforzada
- Usar luvas anticorte e gafas antiproxeccións
- Contar con maquinaria con marcado CE, mantela en bo estado e non retirar as súas proteccións
- Protexer especialmente os parafusos sen fin e outras zonas de risco grave por atrapamentos
- Ter en bo estado e revisadas as instalacións a presión, así como controlar os manómetros
- Dispor dunha instalación eléctrica adecuada, non sobrecargala e non pontear os interruptores diferenciais e os elementos de protección
- Manipular as cargas preferentemente de forma mecánica, axudarse por un compañeiro cando sexa preciso e adoptar posturas correctas
- Almacenar as substancias químicas, inflamables ou explosivas en lugares adecuados
- Dispor dun plan de emerxencia e evacuación e contar con dispositivos de detección e/ou extinción de incendios
- Adquirir máquinas pouco ruidosas e, cando sexa preciso, facer uso de protectores auditivos
- En caso de alerxias, prestar especial atención ás picaduras de insectos ou ao uso de luvas de látex
- Abrigarse e protexerse contra a humidade
- Sinalizar adecuadamente as zonas de riscos
-O Issga vén desenvolvendo campañas de formación de prevención de riscos laborais nas adegas. Como ten sido a acollida?
-Neste ano 2024 levouse a cabo a actualización dos documentos relacionados coa viticultura, entre os que se atopa o de adegas. Esta documentación vaise empregar para as campañas que se leven a cabo a partir do próximo ano e nela pódense ver os principais riscos e as medidas preventivas máis comúns que se poden adoptar para evitalos.
A acollida das campañas desenvolvidas ata o de agora foi moi boa, tanto por parte das empresas e dos traballadores como tamén por parte dos técnicos de prevención.
-Algo máis que queiras engadir?
-Soamente dicir que é fundamental identificar os riscos e adoptar medidas preventivas para evitalos ou minimizar as súas consecuencias. Facer o traballo é moi importante, pero é básico facelo sen estar expostos a sufrir accidentes laborais e enfermidades profesionais que poden ter consecuencias moi importantes sobre a saúde.