Os danos do xabarín no agro derivan nunha campaña de denuncias no xulgado

Medio Ambiente defende que se reduciron os avisos por danos do porco bravo na campaña 2019-2020 trala declaración de catro comarcas en emerxencia cinexética, pero Unións Agrarias sostén que o problema segue en aumento. A organización anuncia unha cadea de accións xudiciais contra Tecores polas perdas que deixa a especie no agro

Os danos do xabarín no agro derivan nunha campaña de denuncias no xulgado

Danos do xabarín na sementeira do millo. / Arquivo.

As perdas que causa o xabarín no agro continúan sen ter unha solución clara. Medio Ambiente destinou este ano 1,5 millóns de euros a cubrir os danos do porco bravo en millo, horta, pradeiras e outros cultivos, cun máximo de 2.000 euros por explotación, pero desde o sector ven os apoios insuficientes. “As perdas superan os 12 millóns de euros ó ano, segundo os nosos cálculos”, cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Así as cousas, logo de anos de busca de solucións, Unións Agrarias anuncia unha campaña de denuncias no xulgado contra os Tecores de caza. “As indemnizacións da Xunta cubren arredor de 8.000 metros cadrados dunha parcela de millo, pero hai casos de produtores que suman 5 ou 6 hectáreas de danos. Sempre que un afiliado quere presentar denuncia, dámoslle apoio e nos dous últimos meses obtivemos varias sentencias positivas no xulgado” -detalla García-. “Por tanto, ante a falta doutras alternativas, imos entrar nunha estratexia de xudicialización do problema”, declarou hoxe en rolda de prensa.

A organización agraria é consciente de que os Tecores carecen de capacidade económica para afrontar a dimensión dos danos, pero adopta este camiño como xeito de presión á Administración. “A Consellería vive nunha dinámica de espera, sen mover ficha. Non entendemos que pola mañá a conselleira se leve as mans á cabeza polo lobo e que pola tarde mire para outro lado cos danos do xabarín. Desde Unións démoslle cobertura ás demandas da conselleira ante Madrid polo lobo, pero tamén apelamos a ela para que busque solucións para o problema do xabarín”, argumenta o secretario xeral de Unións.

“É necesario un plan público para reducir a poboación de xabarín, pois o problema segue fóra de control” (Roberto García, Unións Agrarias)

Desde a óptica da organización agraria, a prioridade pasa por unha estratexia pública para reducir as poboacións da especie. “O seguinte paso, unha vez reducido o censo e cando haxa un volume de danos razonable, sería indemnizar tódolos danos que se produzan”, valoran.

“Estamos ante unha praga que ten que xestionar a Administración. A nivel xudicial, a responsabilidade é dos Tecores porque no seu día non houbo consenso para cambiar a Lei de Caza, pero a responsabilidade moral de actuar é da Xunta”, defende a organización agraria, que avoga por un plan de control acompañado de medidas disuasorias, como o establecemento de puntos de alimentación provisionais durante as épocas de sementeira do millo.

Ante a falta de censos da especie, Unións bota man da estatística de sinistros na estrada para dar conta da espiral de expansión na que semella ter entrado o porco bravo. “No 2014 houbo 1.500 accidentes de tráfico causados polo xabarín. Cinco anos despois eran máis do dobre, 3.200”, conclúen.

Desde outras organizacións do campo, como Agromuralla, advertiron tamén recentemente dunha espiral de danos do xabarín que calificaban de “bestial”. Agromuralla pediu que a Xunta actuara “contra a praga” reducindo as poboacións da especie, pois considera que as medidas adoptadas nos últimos anos non foron efectivas.

Balance da declaración de catro comarcas en emerxencia cinexética

A visión do agro contrasta coa da Administración. Medio Ambiente ve encamiñada a solución do problema e defende as actuacións realizadas nos últimos anos, en especial a declaración de catro comarcas en emerxencia cinexética no outono do 2019. Esa declaración, que afectou ás comarcas do Eume (A Coruña), Deza (Pontevedra) Terra Cha (Lugo) e Viana (Ourense) permitiu aumentar os días de caza, eliminar os cupos de captura e establecer outras facilidades para os cazadores, como a redución do número mínimo de persoas por batida ou o emprego doutras modalidades de caza.

“Os Tecores de todas estas comarcas cumpriron coa súa parte e fixeron un esforzo adicional de control de danos” -defendeu recentemente no Parlamento a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo-. “Froito destas medidas, pasamos nestas comarcas de 910 avisos por danos no agro na campaña 2018-2019 a 642 avisos na campaña 2019-2020. Houbo unha redución do 29,4%”.

“Os avisos por danos do xabarín no agro baixaron un 29,4% na última campaña nas comarcas en emerxencia cinexética. Os Tecores fixeron un esforzo adicional de control de danos” (Belén do Campo, Medio Ambiente)

Os datos esgrimidos pola directora xeral foron cuestionados no Parlamento polo deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, quen apuntou que “os avisos non funcionan, pois a xente está cansa de chamar ó teléfono 012 para falar cunha máquina”, criticou.

‘Mini’ entende que “hai Tecores e tecores”: “É certo que por exemplo en Castro Dozón (Deza) cazaron 160 xabaríns nunha campaña, pero ó lado dese, hai outros tecores en zonas de incidencia de danos que igual capturaron 0 pezas” -sostén-. “A cuestión cinexética non funciona. É necesario un Plan de Xestión serio que combine distintas medidas”.

O deputado do Bloque, por último, manifestou o seu temor a que nun futuro a gran presenza da especie en Galicia se convirta nun problema no caso de que a peste porcina africana chegue a España, se ben polo momento a enfermidade está expandida só en países do Leste de Europa, estando o foco de Bélxica -o máis cercano-, aparentemente baixo control, segundo destacou a directora xeral de Patrimonio Natural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información