Os danos provocados pola vaga de lumes reabren o debate sobre a desorde territorial

Medio Rural emitiu este ano máis de 1.400 denuncias por incumprimentos das distancias de prevención de lumes, por plantacións ilegais e por cambios sen autorizar sobre o uso de superficies. Os ecoloxistas, pola súa banda, pídenlle á Fiscalía que actúe contra a Xunta por “desleixo” no dispositivo de prevención e extinción

Os danos provocados pola vaga de lumes reabren o debate sobre a desorde territorial

Lume en Verín a inicios de agosto. / Imaxe: Brif Laza.

A vaga de lumes deste verán levouse por diante aldeas e casas en comarcas como o Courel (Lugo), Valdeorras ou Verín (Ourense), con moitos máis núcleos de poboación ameazados polos incendios en toda Galicia. Desde hai 15 anos, na comunidade hai consenso sobre o que facer para evitar este tipo de situacións. No 2007 aprobouse unha lexislación que marca distancias das masas forestais a vivendas, poboacións e estradas, na idea de protexer a seguridade de persoas e infraestruturas. Pero unha cousa é a normativa e outra a súa aplicación práctica.

Calquera paseo por unha comarca rural de Galicia deixa imaxes de casas rodeadas por masas arboradas, eucaliptos plantados nos últimos anos ata na cuneta das estradas ou antigas terras agrarias con plantacións vizosas de eucaliptos. A desorde forestal e urbanística chegou a tal punto que xa constitúe unha cuestión cultural de difícil solución.

Apercibementos e sancións
O control da normativa nun territorio como o galego, con arredor de 20.000 quilómetros cadrados de monte, preséntase como unha tarefa titánica. Medio Rural cursou 1.446 denuncias no que vai de ano (ata o 31 de xullo) por incumprimentos da normativa forestal, en especial por incumprimentos das distancias a núcleos de poboación e estradas, así como por plantacións ilegais. Nos tres anos anteriores (2019-2021), a Xunta suma outras 6.000 denuncias.

Esas denuncias derivaron en apercibementos ós propietarios afectados, de cara a que subsanasen as irregularidades, pero en preto do 30% dos casos esa subsanación non chega. Por elo, desde o 2019 houbo un total de 2.319 denuncias que culminaron en expedientes sancionadores, ó non correxirse as irregularidades. Só neste ano xa foron 511.

No que vai de ano, Medio Rural abriu 511 expedientes sancionadores en materia forestal

As multas por plantacións ilegais considéranse infraccións graves e poden ir desde 601 a 3.000 euros, en tanto os incumprimentos de distancias ás franxas de prevención con vías de comunicación e casas tamén se consideran casos graves, con multas mínimas de 1.000 euros e máximas de 100.000, segundo o estipulado na lei.

No debate parlamentario, os grupos da oposición adoitan afearlle ó Goberno galego que unha parte que consideran importante das denuncias e sancións derívanse máis de denuncias particulares que de actuacións de oficio da Administración. Pero non hai datos oficiais sobre iso, e máis alá dos dimes e diretes políticos, a cuestión de fondo permanece. E é que tras 15 anos de normativa de prevención forestal en Galicia, as vagas de lumes revelan que os avances para unha maior prevención foron insuficientes.

Iniciativas
Xunto coa vía coercitiva, trala vaga do 2017, a Xunta adoptou unha serie de iniciativas coas que buscaba aumentar a prevención do lume nos núcleos de poboación. É o caso da posta en marcha de aldeas modelo ou o acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias para colaborar cos Concellos na roza de franxas de prevención en áreas problemáticas.

Son todas elas medidas que desde o sector forestal vense como positivas, pero advírtese da necesidade de darlles máis corpo para afrontar a dimensión do problema. Boa parte do rural presenta ou ben problemas de abandono, envellecemento e despoboación, ou ben de abandono da actividade primaria. En calquera dos casos, están a desaparecer os mellores cortalumes que tiña o territorio, os prados e as terras cultivadas.

Na vaga de lumes deste verán, no Courel, a maioría das aldeas salváronse polos soutos de castiñeiros que circundan os pobos, onde se puido apagar o lume, pero nalgún caso nin sequera iso as salvou da destrución, como pasou no pobo de Vilar. Ademais, os soutos ardidos en Valdeorras con lume de copas demostran que, en situacións extremas, as frondosas caducifolias están lonxe de ser a solución máxica que en ocasións se reivindica desde o ecoloxismo.

O problema é complexo, pois a ecuación do caos territorial complétase coa desorde urbanística que abunda no territorio, pero a vaga de lumes do 2022 é un novo aviso da necesidade de seguir buscando solucións. Como demostran as sucesivas vagas de lumes das últimas décadas (1989, 2006, 2017, 2022), a pregunta non é se Galicia volverá ter unha vaga de lumes que ameace á poboación, senón cando será e que perdas haberá.

Os ecoloxistas levan a actuación nos lumes da Xunta ante a Fiscalía e a Valedora do Pobo

A Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, integrada principalmente por organizacións ecoloxistas, vén de emitir unha nota de prensa na que asegura que “denunciou ante a Fiscalía o desleixo do Goberno da Xunta ante a vaga de lumes”. O colectivo, no que participan tamén asociacións forestais como Frouma e a Organización Galega de Comunidades de Montes, pediu asímesmo a actuación da Valedora do Pobo.

Desde a perspectiva da Plataforma, os efectos da vaga de lumes agraváronse porque -sostén- estaban sen executar a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o 2022 por parte da Xunta. Ademais, aseguran que o alcance dos incendios tería sido “moito menor” de estar activido todo o operativo de extinción de incendios.

“O operativo para extinguir os incendios estivo desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos. Así, había brigadas que entraban día si e día tamén con só 1, 2 ou 3 compoñentes, cando a brigada forestal tipo dos servizos forestais de Galicia é de 5 compoñentes; as poucas autobombas dispoñibles estiveron sen cubrir as 24 horas do día por falla de condutores, houbo vehículos autobombas gardados nos garaxes, brigadas de reforzo de verán das bases de helicópteros sen contratar, brigadas de concellos sen activar, vacantes e baixas do operativo de prevención e extinción de incendios forestais sen cubrir”, enumeran.

A Plataforma insiste igualmente en que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes co fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes”.

O colectivo agarda que a Fiscalía abra unha investigación ante o enorme prexuizo causado polo “desleixo” do que acusan á Xunta.

Axudas por danos
Noutra orde de cousas, a Unión de Tecores de Galicia (Unitega) solicitou por escrito á Consellería de Medio Ambiente que amplie aos meses que restan de verán a Orde de axudas económicas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (TECOR) de Galicia afectados polos incendios do mes de xullo de 2022.

Durante o mes de agosto de 2022, Unitega sinala que continuou habendo incendios, polo que o número de Tecores afectados foi aumentando “e é probable que o siga facendo tamén nos meses de setembro ou mesmo outubro”. Por ese motivo Unitega solicitou á Consellería de Medio Ambiente que amplíe o ámbito das axudas aos Tecores ao resto de meses de verán de 2022, de forma que poida cubrir os danos que se produzan desde xuño ata outubro de 2022.

A mesma necesidade podería darse nas axudas habilitadas pola Consellería do Medio Rural para o sector agrario, se ben polo de agora ningunha organización se pronunciou ó respecto.

O abc da normativa forestal para prevención de incendios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información