Os danos do xabarín e o “Tecorexit” que ven

Artigo de opinión de Jacobo Feijoo Lamas, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, sobre a xestión dos danos do xabarín. Defende un“Tecorexit”, onde os dereitos de caza nas zonas con xestión neglixente, se lles retiren aos Tecor e volvan ser responsabilidade e tutela da Xunta de Galicia

Os danos do xabarín e o “Tecorexit” que ven

Leira de millo arrasada polos xabaríns

Os danos do xabarín na agricultura son un problema social en Galicia, que precisa para a súa solución da implicación leal de cazadores e da Administración. No caso do xabarín hai que actuar para compatibilizar o dereito dos cazadores cos dereitos dos produtores que están a sufrir os estragos das mandas de xabaríns que campan ás súas anchas por prados e sembrados.

Para elo é fundamental actuar cando hai danos, nas épocas sensibles dos cultivos, sexa ou non época de caza, pois unha cousa é a caza deportiva e outra a caza por xestión de danos, que se debe de practicar baixo criterios de prevención e de eficacia.

O caso é que dende hai 5 anos as organizacións agrarias, cazadores e Administración estableceron un protocolo de actuación para que se poida actuar con esa eficacia cando hai danos na época de veda, que coincide coa etapa máis sensible da campaña produtiva anual no noso campo, como é a sementeira dos cereais (millo forraxeiro fundamentalmente). Para que se aplique o protocolo fai falta a boa vontade da Administración e dos cazadores de cada zona.

“Primeiro a xente, as súas vidas e o seu traballo, e despois os animais”

Porque se os acordos pactados con boa fe non son para aplicarse, senón para escudarse detrás deles para non facer nada, ou para facer que se fai, ou para facer xestos pero non tomar decisións, teremos que pensar noutras formas de afrontar o problema da xestión dos danos do xabarín cara ao inmediato futuro.

A curto prazo esa vía é pasar polos xulgados e reclamar os danos. A medio prazo está en que os veciños se plantexen se vale a pena ceder os dereitos cinexéticos das súas propiedades aos TECOR e Sociedades de Caza, que non mostran o interese debido en xestionar con dilixencia aquelo que por lei lles corresponde.

“Tecorexit: onde os dereitos de caza se xestionan mal deben saír do Tecor e volver á Xunta”

Trataríase dun “Tecorexit”, onde os dereitos de caza nas zonas con xestión neglixente saíran dos Tecor e volveran ser responsabilidade e tutela da Xunta de Galicia. ¿Arranxaríamos así o problema? Visto o mellorable interese que se pon dende a Administración, onde parece que priman máis uns animais que son unha praga, que os problemas que lle xeran á xente do campo, evidentemente non o ían facer moito mellor. Pero cando menos, de momento, a Xunta non é insolvente, e cando se pasara polo Xulgado terían que abonar ata o último céntimo por uns danos que, coa leal colaboración de todos, poderíamos xestionar e manter baixo control. Pero hai que querer e poñerse mans á obra con boa vontade e coas prioridades das actuacións claras: Primeiro a xente, as súas vidas e o seu traballo, e despois os animais e os seus estragos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información