Ao igual que está a acontecer cos prezos, as vendas de madeira por parte dos propietarios forestais tamén se están a manter estables neste momento. Manuel Galdo é o presidente de Promavi, a asociación de produtores de madeira de Viveiro, que fai venda en conxunto nos montes dos seus asociados. Lembra que “desde finais do 2022 até mediados do 2023 a madeira estivo moi baixa, despois recuperouse pouco a pouco e a partir da primavera do 2024 mantén prezos bastante bos”, admite.
A mesma opinión ten a outra parte. “O prezo actual non é malo, está en liña aos últimos anos, fóra da época post-pandemia, cando os mercados quedaran moi baleiros e houbera unha alza importante nas cotizacións”, consideran fontes do sector de primeiros compradores.
As compra-vendas de madeira en monte melloraron con respecto a fai un ano pero non acadan os niveis nos que estiveron despois da pandemia
“A nivel de venda de propietarios a cousa está agora algo mellor que estivo o ano pasado porque a xente cando caen os prezos espera, pero ao ver que o mercado non se move acaba vendendo”, asegura unha empresa que corta piñeiro e eucalipto na comarca da Mariña.
Sacar a madeira pasou de 13 a 17 euros
Tanto propietarios forestais como madeiristas poñen o foco no incremento dos custos que concleva facer a madeira, un factor que reduce as marxes tanto para os donos das fincas como para as empresas operadoras. “Os prezos seguen sendo razoables, pero o problema desde a pandemia é que o custo dos aproveitamentos subiu moito. Antes podían estar en 13-14 euros a tonelada; agora vaste a 17-18 euros a tonelada”, calcula Manuel.
Os prezos seguen sendo razoables, pero o problema desde a pandemia é que o custo dos aproveitamentos subiu moito
Ese incremento está penalizando aínda máis a compra de lotes pequenos. “Os propietarios de montes pequenos están case obrigados a vender en conxunto porque o prezo baixa moito cando pos á venda montes de pequeno tamaño”, di.
As condicións da saca teñen cada vez máis relevancia á hora de fixar o valor da madeira. “Non hai prezos fixos. En función do volume de corta e de onde estea o cargadeiro, se o camión pode cargar cerca do monte ou non, a madeira ten un prezo ou outro. De 300 toneladas para baixo hai un prezo, entre 300 e 600 toneladas outro e cando son máis de 600 cambia outra vez. De 1.000 toneladas para arriba é cando se logran bos prezos”, afirma o presidente de Promavi.
Os propietarios de montes pequenos están case obrigados a vender en conxunto porque esas parcelas están deixando de ser viables
A asociación acada para lotes grandes e con boas condicións de aproveitamento prezos de 40 euros por tonelada para o glóbulos con corteza e 45-46 sen casca. “Pero é máis difícil atopar prezos bos pelado ca sen pelar”, admite Manuel. En canto ao nítens, está 4-5 euros menos.
Desde hai anos, a tendencia no norte galego camiña a vendas en couto redondo, nas que poder lograr mellores prezos pola agrupación da comercialización da madeira. Outra tendencia que se está tratando de promover é a da agrupación da xestión do monte, para lograr a maiores reducir custos nos traballos forestais, ao facelos en conxunto.
Estabilidade nos prezos de eucalipto e na demanda para os primeiros meses do 2025
Plantacións: máis eucalipto nitens e piñeiro pinaster
O eucalipto nitens converteuse por primeira vez no 2024 na principal especie forestal de Galicia en volume de cortas, co distrito forestal Santiago-Meseta interior á cabeza, superando ás comarcas do norte da provincia da Coruña e Lugo (Bergantiños-Mariñas Coruñesas, Ferrol-Ortegal e Mariña lucense).
Neste momento parece que non hai tanto problema de mycosphaerella
Este feito débese a varios factores, considera Manuel. “Neste momento no nítens parece que non hai tanto problema de mycosphaerella e os custos de aproveitamento en zonas como a Mariña, Ortegal e Ferrolterra son máis elevados que na comarca da Terra Chá ou no centro da provincia da Coruña. Alí son fincas grandes e pouco pendentes e poden estar en 11 euros a tonelada”, calcula.
Ao igual que o glóbulus, outra especie que está en descenso nas plantacións é o piñeiro radiata, afectado polas enfermedades fúnxicas e aínda sen un claro substituto a nivel de monte.
As plantacións de radiata están tocadas polas bandas e o pinaster non acada os mesmos rendementos
“O crecemento que tiña o piñeiro radiata en Galicia fai uns anos, que estaba producindo ben aos 22 anos, xa non se está dando porque as plantacións están tocadas polas bandas e o pinaster non ten eses rendementos porque os crecementos son máis lentos”, recoñece o presidente de Promavi.
“En xeral, e con eses condicionantes, eu creo que a perspectiva para os propietarios forestais non é mala para os vindeiros meses porque o mercado recuperouse e se o mercado está recuperado os prezos teñen que ser acordes”, conclúe Manuel Galdo.
O piñeiro mantén prezos en monte, tras unha lixeira recuperación de mercado no 2024