
Gráfica do Observatorio europeo.
O Observatorio europeo do mercado lácteo vén de facer público un informe que confirma que o custo de produción por litro nas explotacións lácteas xa supera ó prezo do leite. O estudo ten en conta exclusivamente os ingresos derivados da produción láctea e os custos de produción directos (alimentos, gastos veterinarios, etc.) e parte dos indirectos (enerxía, maquinaria, impostos, etc.). No capítulo de ingresos non se teñen en conta nin os cartos recibidos da venda de animais nin as subvencións; se ben no de gastos tampouco se computa a man de obra nin os gastos en terra nin os custos financieiros.
A gráfica do informe amosa como o primeiro trimestre do 2015 é o primeiro periodo dos últimos dous anos nos que os custos de produción por litro se sitúan por riba do prezo do leite. Eses datos explican a tendencia europea a unha produción en abril similar ou mesmo menor á do mesmo mes do 2014, a pesar de ter concluido o sistema de cotas lácteas o 31 de marzo. Neste contexto, producir máis supón máis perdas, o que levou a que países como Francia reducisen en abril as súas entregas un 3,3% en relación a abril do 2014; en tanto en Alemania a baixada foi do 1,7 %.
Produtos lácteos industriais
Os últimos datos de mercado sobre produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, etc.) reflicten a continuación da caída das cotizacións. O Global Dairy Trade, unha plataforma global de subastas de lácteos, pechou onte unha das dúas subastas mensuais que organiza cunha baixada media nas cotizacións do 2,2%.
Os datos do Observatorio lácteo europeo tamén seguen esa liña descendente en relación a anteriores semanas.
Organizacións agrarias
Ante a crise do sector, as organizacións agrarias apuran contactos co Ministerio de Agricultura na busca de solucións. Para hoxe está previsto un novo encontro entre representantes de cooperativas e organizacións agrarias co Ministerio. Doutro lado, o Sindicato Labrego ten previsto anunciar hoxe a convocatoria de mobilizacións en Galicia.