
Presentación do estudo de custos este mércores en Cervantes
O Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo presentou este mércores en Cervantes, durante unha xornada técnica, os resultados do estudo de custos sobre o vacún de carne en Galicia no ano 2024, que achega unha visión actualizada sobre a situación económica das explotacións de vacas nodrizas e cebadoiros e os retos de futuro aos que se enfrontan.
O estudo, elaborado pola Fundación Juana de Vega a partir de datos reais de explotacións, evidencia a dependencia das ganderías de vacún de carne de vacas nutrices galegas das axudas que reciben da PAC, que representan case un terzo dos seus ingresos totais, e a necesidade de mellorar a súa eficiencia produtiva, pois 4 de cada 10 vacas non acadan un parto ao ano.
O prezo mínimo que sería preciso percibir por kg canal vendido (becerros, vacas e touros de desvelle e animais para vida), sen ningunha subvención, para garantir unha renda dispoñible de 23.814 €/UTA (1,5 veces o SMI) estaría arredor de 8,35 €/kg canal. Isto supón que o prezo debería situarse un 46,23% por riba do prezo medio efectivamente recibido pola carne en 2024 (5,71€/kg)
Este estudo enmárcase nos traballos do Grupo Operativo Rede Galega Granxas Modelo, no que participan tamén a IXP Ternera Gallega e a cooperativa A Carqueixa
Este traballo forma parte das actividades do Grupo Operativo promovido pola Fundación Juana de Vega, o Consello Regulador das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego e a Cooperativa A Carqueixa, coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da AGACAL, e que conta cun orzamento de case 140.000 euros.
Un dos principais obxectivos deste proxecto é mellorar a capacitación dos responsables das explotacións e dos asesores técnicos, favorecendo unha xestión máis eficiente e, como resultado, unha maior rendibilidade e viabilidade das explotacións a longo prazo.
Granxa típica: 56 vacas e 61 hectáreas de superficie
O informe, realizado pola Fundación Juana de Vega, baséase na información subministrada en 2024 por 17 das 20 explotacións de vacas nutrices que forman parte desta Rede Galega de Granxas Modelo.
As ganderías que facilitaron os seus datos económicos do ano pasado para a realización do estudo de custos do sector están situadas nas provincias de Lugo (nos concellos de A Fonsagrada, Abadín, Baleira, Cervantes, Láncara, Navia de Suarna, Triacastela e Vilalba), A Coruña (Malpica, Mazaricos e Vilasantar) e Ourense (Montederramo e Vilar de Barrio).

Os datos revelan un modelo produtivo de dimensións pequenas e medianas, cun rabaño tipo de 56 vacas nutrices, un touro, 6 xovencas de recría e 37 becerros carniceiros, o que sumaría unhas 100 cabezas, equivalentes a 80 UGM.
As explotacións galegas teñen unha carga gandeira baixa, de 1,28UGM/ha
A base da alimentación do gando é o pasto, ben en sistema extensivo ou semiextensivo, complementado con silo de herba no inverno. A base territorial media é de 61 hectáreas, das cales 33 (o 54%) serían en propiedade e o resto ben alugadas (43%) ou cedidas (3%). A carga gandeira resultante é de 1,28 UGM/ha.
Estímase que é necesaria unha UTA por cada 50 vacas nutrices
O manexo do gando, a xestión dos pastos e o día a día das explotacións está sustentado fundamentalmente no traballo familiar, cunha dedicación equivalente 1,12 Unidades de Traballo Agrario por granxa (unha UTA equivale, de maneira aproximada, á dedicación laboral dunha persoa a xornada completa durante un ano).
A nivel produtivo, de media, estas explotacións comercializan 34 becerros ao ano, vendidos antes dos 10 meses dentro do selo de calidade da IXP Ternera Gallega Suprema, ao que hai que sumar as vendas de animais de desvelle (unha media de 7) e para a vida (1), acadando unha produción total de 10.460 kg de carne vendida por gandería e ano.
O 40% das vacas non paren todos os anos e o peso medio dos becerros vendidos foi de 246 kg/canal
En conxunto, as ganderías de vacún de carne en base a vacas nutrices, a maior parte delas de pequena dimensión e estrutura familiar, son responsables da xestión de máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU) e teñen un papel esencial na prevención de incendios e no mantemento da paisaxe rural de Galicia.
Resultados económicos das explotacións de vacas nutrices
O estudo revela que en 2024 os custos ou gastos medios dunha explotación de vacún de carne ascenden a 85.950 euros anuais, incluíndo neles o salario dos titulares como traballadores; mentres que os ingresos alcanzan os 88.615 euros. Isto deixa unha marxe media de beneficio, a maiores do salario, de 2.665 euros ao ano.
Traducido a quilos de carne, o custo de produción sitúase en 8,22€/kg, fronte a uns ingresos de 8,47€/kg, o que deixa unha marxe mínima de 0,25€/kg. Se se analiza a renda dispoñible, é dicir, o importe que quedaría para as persoas propietarias se non se imputase dentro dos gastos o seu salario, a cifra ascende a uns 29.400 euros anuais por explotación.

Dentro da estrutura de gastos, a alimentación é a principal partida, cunha media de 33.193 euros por explotación, o que representa case o 39% do total. Séguelle a retribución imputada ao traballo das persoas propietarias (31,1%), calculada tomando como referencia 1,5 veces o salario mínimo interprofesional, o que equivalería a 23.814€/UTA. As amortizacións supoñen un 8,4% dos custos e os arrendamentos de terras e instalacións, arredor dun 6%. O resto distribúese entre conceptos como sanidade e reprodución, seguros, tributos, gastos financeiros e outras partidas menores.
O gasto en penso equivale a 1,63€/kg canal de carne vendida, máis do dobre do custo das forraxes producidas na explotación
Dentro dos custos de alimentación, que equivalen a 3,17€/kg canal de carne vendida, a partida máis relevante é a da compra de concentrado para o cebo dos becerros, 17.022,96 € (1,63 €/kg; 19,81%), seguido polos cultivos e forraxes producidos na granxa, con 8.262,91 € (0,72 €/kg; 9,61%), o combustible e a maquinaria propia, con 7.480,54 € (0,72 €/kg; 8,70%), e, finalmente, as forraxes compradas, cun importe moi reducido de 426,45 € (0,04 €/kg; 0,50%).
Pola banda dos ingresos, a maior parte procede da venda de animais (67,4% do total), principalmente becerros (56% do total de ingresos da explotación), seguido das vacas de desvelle e dos animais para vida, que equivalen a unha pequena porcentaxe pero acadan un prezo medio que case duplica o dos xatos para matadoiro. O resto dos ingresos corresponde ás subvencións públicas, que representan o 34,2% dos ingresos totais, cun peso moi destacado das axudas recorrentes da PAC, que achegan de media uns 29.000 euros por gandería.
Dependencia das axudas da PAC
Analizadas estas variables, o estudo da Fundación Juana de Vega pon de manifesto que, actualmente, as axudas da PAC son determinantes para a viabilidade das explotacións do vacún de carne galego. Sen elas, os ingresos non permitirían cubrir nin sequera un salario para os titulares das explotacións.
O salario dos titulares das explotacións depende practicamente na súa totalidade da subvención da PAC
“Cómpre destacar a forte dependencia das subvencións, xa que a renda dispoñible por UTA sería de 26.243,42 € coas axudas recorrentes da PAC incluídas, pero apenas superaría os 300 € anuais por UTA sen elas. Esta situación evidencia a vulnerabilidade do sector e a importancia das políticas públicas para a súa viabilidade económica”, indica o estudo realizado no seu apartado de conclusións.
Case un terzo dos ingresos das explotacións proceden das axudas da PAC
“Noutras palabras, as axudas públicas equivalen practicamente á renda dispoñible das granxas, evidenciando a vulnerabilidade estrutural e a necesidade de políticas públicas estables orientadas ao fortalecemento dun sector estratéxico para o rural de Galicia”, manifestaba o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, na presentación dos resultados.
“O vacún de carne galego, engadiu, baséase nun modelo produtivo sostido polo traballo familiar e cunha forte dependencia das subvencións. Para garantir o seu futuro é imprescindible avanzar en estratexias que melloren a eficiencia produtiva, reforcen a estabilidade económica e valoricen comercialmente a carne galega”, dixo.
Evolución dos prezos da carne
Previamente, Adrián Sánchez, técnico da Fundación Juana de Vega, analizou a conxuntura actual do sector, centrando a súa intervención nos factores que explican os elevados prezos da carne de vacún na actualidade. Entre as principais causas destacou a redución da dispoñibilidade de gando rexistrada en 2021 e 2022, nun contexto de prezos baixos e custos elevados, que se viu agravado pola guerra de Ucraína. A este escenario sumáronse o impacto de enfermidades como a EHE e o longo período de dous anos necesario para incorporar novas vacas nutrices ao rabaño.
No que respecta á evolución 2022-2024, os datos amosan que a mellora dos prezos non foi suficiente para recuperar marxes, pois o prezo medio da carne total subiu arredor do 12% o ano pasado (e o do becerros un 15,92%), pero os custos de produción tamén medraron un 7,3% por factores como a retribución da man de obra e un menor volume de carne vendida, de xeito que a marxe económica e a renda dispoñible volveron a niveis de 2022.
A análise do prezo de equilibrio mostra que, sen subvencións, o prezo mínimo da carne para garantir a retribución de 23.814 €/UTA (1,5 veces o SMI) situaríase en 8,35 €/kg canal vendido, fronte ao 5,71 €/kg efectivamente recibido en 2024. E, se se quixese manter a mesma renda dispoñible ou a mesma marxe económica que en 2024, o prezo debería situarse en torno a 8,61 €/kg canal. Isto confirma a dificultade de acadar rendibilidade no mercado sen o soporte das axudas.
“O vacún de carne galego presenta un modelo produtivo sostido polo traballo familiar e as axudas da PAC. Sen elas, as explotacións galegas non serían viables cos prezos que reciben pola venda de carne”, conclúe o estudo. Neste contexto, di, resulta evidente a necesidade de avanzar na profesionalización e competitividade do sector.
Servizos ecosistémicos
No acto celebrado en San Román, Antonio Delpueblo, presidente da cooperativa A Carqueixa, e Ceferino López, presidente da Comunidade de Montes de Moreira, exemplificaron en primeira persoa o papel fundamental que desempeñan as explotacións de vacún de carne na conservación dos pastos comunais de alta montaña e na xestión territorial.
As explotacións de vacas nodrizas son responsables directas da xestión de máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU) en Galicia. A súa actividade contribúe de maneira decisiva á prevención dos incendios forestais e á conservación da paisaxe en mosaico agroforestal, un dos sinais de identidade do territorio galego.
“Para que poidan seguir cumprindo este papel esencial, é imprescindible garantir a súa rendibilidade, condición tamén necesaria para asegurar o relevo xeracional e o futuro do sector no medio rural”, defenden os autores do estudo.
“Cos prezos da recría do 2024, os cebadoiros resultan viables, mesmo sen subvencións”
O estudo inclúe ademais tres cebadoiros, dous situados na provincia de Lugo e un na da Coruña, que, “malia non encaixar no modelo de explotación de vacún de carne definido como típico, teñen un peso relevante no sector en Galicia”, asegura o documento.
Nos tres casos, trátase de cebadoiros que non traballan baixo o sistema de integración pero dependen igualmente da compra de concentrado para a alimentación do gando, debido á escasa base territorial da que dispoñen (40 hectáreas de media).
Aínda que os sistemas de produción de cada un destes cebadoiros é dispar, o peso medio dos animais enviados a matadoiro foi de 237,16 kg canal, cun prezo medio de venda de 5,52€/kg. De media, estes cebadoiros mercaron 600 animais, cun custo medio dos becerros comprados de 356,48€, dos que foron enviados a matadoiro 522 (as baixas supoñen unha perda do 18% dos ingresos).
Os tres cebadoiros estudados tiveron uns custos totais de 4,44€/kg no 2024 e unha marxe de beneficio de 0,46€/kg
A marxe de beneficio (descontado o salario das persoas propietarias) foi o ano pasado de 0,46€/kg e, a diferenza das explotacións de vacas nutrices, as subvencións recibidas tan só supoñen, no caso dos cebadoiros, o 4,37% dos seus ingresos (0,21€/kg de carne producido).
O gasto en alimentación (2,95€/kg, dos que 2,33€ corresponden ao concentrado) representa o 66,41% dos custos totais. Os custos de man de obra (3,17 UTAs de media), supoñen o 21,63% do total de gastos. Os custos de produción dos cebadoiros, sumados os gastos fixos e variables, foron de 4,44€/kg.
“Os cebadoiros presentan unha estrutura de custos moi intensiva en alimentación, xa que o concentrado representa o 52,34% do custo total. No contexto de prezos da recría do 2024, este modelo de produción resulta claramente viable, incluso sen subvencións, ao situarse o prezo de equilibrio en 5,07€/kg (5,28€/kg sen subvencións), por debaixo do prezo medio de venda recibido (5,52€/kg)”, conclúen os autores do estudo, que aclaran sen embargo que os tres casos analizados “non constitúen unha mostra estatisticamente representativa”.
Galego









Control OJD