“Os cubículos son o punto de partida para deseñar unha granxa”

A comodidade e o benestar das vacas poden supoñer a diferenza entre que unha granxa láctea dea perdas ou sexa altamente rentable. Canto máis se analice e mellor se deseñe cada punto das instalacións, máis a gusto estarán os animais e maiores serán os ingresos. Da man do técnico Alberto Jurado, coñecemos os aspectos clave do deseño nas granxas

ganderia rey martinez sc mazaricos vacas establo cubiculos camas pasillo

As vacas de leite en sistemas non extensivos son como atletas de alta competición, polo que todo o que as rodea ten que manter un alto nivel de perfección. Coidar os detalles que determinan esa perfección é o que nos leva a obter a máxima produtividade e rendibilidade. Baixo esa premisa, Alberto Jurado, do Grupo COVAP, expuxo os puntos clave no deseño de instalacións nas ganderías leiteiras.

“Dado que é o ser humano quen introduce as vacas no establo, ten que ser tamén responsable de reproducir nel as condicións máis semellantes ao medio natural do gando e incluso melloralas.”, dixo Jurado durante unha xornada formativa organizada pola Cooperativa Central de Frades. Enxeñeiro agrónomo e Máster en Produción de Leite pola USC, Jurado é tamén responsable de instalacións gandeiras na COVAP.

Así, o técnico describe catro apartados esenciais na planificación do deseño:

Conseguir a comodidade dos animais. Que estean o máis cómodas posibles para que descansen as horas que deben, nin menos nin máis horas das que precisan. Iso vaise traducir en maior produción de leite, mellor saúde das vacas, mellor recuperación tras o parto e máis lonxevidade.

Buscar a eficiencia produtiva e laboral do persoal. Que as persoas poidan executar as súas tarefas con comodidade e rapidez e reducindo no posible a carga física. Para iso é clave deixar espazos de modo que o traballo se mecanice ao máximo. E procurando que os empregados actúen sen necesidade de pensar como abordar o traballo.

Deixar espazo para ampliacións futuras. Independentemente da idade do gandeiro ou da antigüidade das instalacións hai que contemplar que se pode aumentar o número de animais ou que aparecerán novas tecnoloxías e máquinas -como ocorreu cos robots- que precisarán de espazo físico na gandería.

Contar coa opinión dos técnicos. É recomendable escoitar a valoración de veterinarios, podólogos, nutrólogos, técnicos de reprodución e todos aqueles que interveñen no proceso produtivo. E, se é posible, hai que xuntalos a todos para facer un ditame conxunto.

Logo destes pasos, é preciso coñecer o comportamento das vacas. Saber canto tempo dedican cada día a cada apartado da súa vida: comer, beber, desprazarse, estar tumbadas, estar de pé e ser muxidas. Por norma xeral, si as vacas pasan máis tempo do normal comendo, bebendo ou andado significa que descansan menos do necesario no cubículo e, por tanto, producirán menos.

Hai que medir o tempo que cada animal dedica a cada apartado da súa vida. Unha alteración deses tempos é sinal de problemas

No caso de ter pensado deseñar ou reformar salas de muxido, hai que evitar que as vacas pasen máis dunha hora entre o tempo que esperan e o que están muxíndose. Para iso, hai que adecuar o tamaño dos lotes co da capacidade da sala (tamaño, número de puntos, man de obra…).

En ganderías con robots, independentemente da súa marca e características, é básico contar con suficiente espazo na contorna do robot e determinar -en función do tamaño da nave- se o fluxo das vacas vai ser guiado, semi-guiado ou libre. Para ganderías de dous robots no mesmo lote, Jurado recomenda tres filas de cubículos para que a distancia ao robot sexa menor.

A medición do tempo de permanencia no cubículo permite coñecer o estado sanitario da vaca

A medición do tempo de permanencia no cubículo permite coñecer o estado sanitario da vaca

 

Cubículos

O cubículo é a parte máis importante da instalación. “Sempre digo que hai que saber cantos cubículos e de que tamaño imos precisar para que as vacas estean o mellor posible. E, dese modo, deseñaremos o resto da nave. Hai que deseñar do cubículo cara a fóra.”, sinalou Jurado.

O técnico explicou que é mellor perder cubículos que reducir o espazo na contorna do robot. No caso dunha soa máquina, o mínimo ideal serían 6 ou 6,5 metros e, se hai dous, podemos ir a 7 ou 7,5. Incluso hai ganderías que dispoñen de dez metros e obteñen resultados óptimos.

O ideal é que as vacas estean tumbadas entre 10 e 14 horas diarias. E que se tumben e se levanten entre 9 e 13 veces. Así, pasan tumbadas en cada ciclo un tempo de entre unha hora e unha hora e vinte minutos. Se os animais non están cómodos e están estresados polo manexo ou dimensións do cubículo ou polas condicións ambientais, poden reducir o tempo en cada ciclo ata só 45 minutos.

Os cubículos tamén serven como indicadores do estado de saúde da vaca. Por exemplo, e aínda que sexan totalmente cómodos, se a vaca pasa pouco tempo neles pode ser que teña problemas de ubre. Se, pola contra, pasa neles máis tempo do normal pode indicar que ten problemas de patas.

Os cubículos son o mellor indicador do estado das vacas. O tempo que pasan neles e a postura en que se deitan son claves

Xeralmente, o cubículo estándar para unha vaca frisona adulta en produción debe medir aproximadamente de 2,75 a 3,50 metros de largo (incluíndo o espazo para a cabeza) e entre 1,20 e 1,32 metros de ancho. Estas dimensións permiten que a vaca se tumbe e levante comodamente e minimizando lesións e sucidade. Pero cada gandeiro ten que establecer as medidas en función das características do rabaño, da xenética, do espazo… non hai nada aplicable a todas as ganderías.

No deseño do cubículo é moi importante a observación, comprobar como se tumba e como se levanta a vaca. “Tendemos a priorizar a parte traseira do cubículo, pero é na parte dianteira onde a vaca exerce todo o peso para levantarse polo que debe de estar sempre branda. É moi importante ter espazo para que o animal poida avanzar a pata dianteira e avanzar a cabeza a rás do chan. Porque así actúa no campo e así ten que actuar no cubículo.”

Jurado insistiu en que hai que buscar que os cubículos se adapten ás características do rabaño e non ao revés

Jurado insistiu en que hai que buscar que os cubículos se adapten ás características do rabaño e non ao revés

Un parámetro clave é o denominado “espazo de balanceo”. Aínda que se tende a introducir cubículos máis anchos, sempre hai que fixarse na posición da vaca tumbada. Se se coloca en diagonal é porque non está cómoda ou porque atopa algún obstáculo. Nesa postura, carece de espazo de balanceo e non atopa acomodo.

No Grupo COVAP empregan a técnica de medición das vacas antes de establecer as dimensións dos cubículos. Especialmente no tocante á anchura. Tomando as medidas do rabaño conséguese que os cubículos estean adaptados ás vacas e non obrigar as vacas a adaptarse aos cubículos.

Independentemente dos materiais utilizados, é imprescindible que o cubículo estea sempre cheo, seco e brando

O bordo do cubículo é mellor que no sexa moi alto, 15-18 centímetros é unha altura óptima para que non se perda demasiado material das camas e que os animais non se manchen pola parte traseira, sobre todo na parte traseira nos meses de verán.

A barra de pescozo, que guía ao animal cando se levanta e se tumba, reduce a cantidade de esterco que entra nos cubículos, ten que colocarse ben. “Se a colocamos demasiado atrasada de modo que a vaca non manche nada teremos máis hixiene na cama pero causará malestar na vaca. Un 10% de dexeccións no cubículo é unha porcentaxe perfectamente asumible. Se está todo limpo, é que a vaca estivo pouco ou nada tumbada.”

Considerando unha taxa de reposición do rabaño dun 30% anual, o lóxico é cambiar ou recalibrar a barra de pescozo -e outros elementos do cubículo- cada tres anos. É algo traballoso pero imprescindible para o benestar da vaca.

Finalmente, Jurado asegurou que é imprescindible que o cubículo estea sempre seco, cheo e, sobre todo, brando. Independentemente do material que se use na cama. Unha boa técnica para comprobar que se cumpren eses tres parámetros é observar se as patas da vaca quedan parcialmente cubertas polo material de cama.

Comedeiros e bebedoiros

O que se busca nos comedeiros é que as vacas coman moita cantidade e no menor tempo posible. Poden situarse no centro da nave ou nos laterais, ambos os modelos son habituais en Galicia. Se están no centro, teñen a vantaxe de que os arrimadores de comida van ir moito máis rápido. Jurado ve positiva a colocación de 7 cornadizas en cinco metros, é dicir, entre 70 e 75 centímetros por cornadiza. Ou 8 cornadizas en 6 metros e que a diferenza de altura, de onde pisan a onde comen, sexa de entre 10 e 15 centímetros é unha medida adecuada.

Cantas máis veces se arrime a ración no comedeiro, máis regular será a inxesta e menos oscilacións haberá no proceso de rumia

O manexo do comedeiro é de suma importancia polo que un arrimado frecuente é moi necesario. Deste modo evítase que se produzan oscilacións de inxesta, con picos moi elevados e outros extremadamente baixos. E é que hai que ter en conta que unha rumia constante significa saúde ruminal, mentres que se é oscilante pode provocar problemas produtivos e da saúde do animal.

A intervención de Jurado produciuse nunha xornada formativa organizada pola Cooperativa Central de Frades

A intervención de Jurado produciuse nunha xornada formativa organizada pola Cooperativa Central de Frades

O espazo que Jurado considera idóneo para os bebedoiros é de 10 centímetros por vaca, a unha altura superior a 65 centímetros e inferior a 80 e cunha distancia entre cada eles dun máximo de 15 metros. E cun fluxo forte de caudal, especialmente no verán.

O tamaño e ubicación dos bebedoiros teñen que conseguir evitar aglomeracións na súa contorna, sobre todo cando vai calor

Os bebedoiros poden estar colocados nos corredores dianteiros, nos de cruce e nos traseiros. E sempre deben ter amplitude na contorna. “Ten que haber espazo para que unha vaca beba, outra estea comendo e que outras dúas poidan pasar entre elas. Nas granxas con robot deben estar preto da saída pero coa suficiente distancia como para non provocar taponamentos.”

Algo importante é ter os bebedoiros afastados dos cepillos que se usan para que as vacas se rasquen. Porque os cepillos acaban soltando pelos e eses pelos manchan os bebedoiros e poden causar contaminación na auga.

Mitigación dos efectos da calor

O estrés por calor é cada ano un problema máis grave por causa do cambio climático. Jurado recomenda buscar sistemas que empapen á vaca con auga nos días de máis temperatura. “Os microdifusores non son efectivos. A vaca tinese que mollar enteira. E temos unha ferramenta como as cámaras térmicas para comprobar se as vacas están correctamente duchadas.”

Hai que tentar evitar aglomeracións das vacas en todos os procesos e espazos da granxa

Hai que tentar evitar aglomeracións das vacas en todos os procesos e espazos da granxa

O técnico de Grupo COVAP asegura que os métodos máis efectivos para combatir os efectos da calor son os que combinan irrigación e ventilación. “Na sala de espera, os ventiladores deben ser potentes, cunha velocidade superior aos 3 metros por segundo. E as duchas terán que estar a unha altura de 3 metros e separadas entre si uns 2,5 ou 3 metros. Con gota de bo grosor e forte caudal.”

A forma máis eficiente de combatir os efectos da calor é combinar sistemas de regado e de ventilación

A alternancia auga/aire será máis eficiente se no primeiro ciclo se aplica unha secuencia de 1 minuto de auga por 5 de aire e nos seguintes se pasa a 30 segundos de auga e 5 minutos de aire. Obviamente, os ciclos dependerán da dispoñibilidade de auga de cada gandería.

Nos comedeiros, a altura máxima recomendada das duchas, segundo Jurado, será de 2 metros desde a boquilla ata o chan. E sempre orientadas para que a auga vaia da parte dianteira da vaca cara á traseira. Nos días de máis calor, o ciclo no comedeiro será de 30 segundos de auga por 5 minutos de aire. E irase dilatando a frecuencia a medida que baixe a temperatura.

Os pasillos, independentemente da súa ubicación, teñen que ser o máis amplos que se poida

Os pasillos, independentemente da súa ubicación, teñen que ser o máis amplos que se poida

Nas zonas de descanso non é indispensable unha achega de aire superior a tres metros por segundo, podemos traballar con velocidades de 2 metros por segundo. “A diferenza é que na sala de espera o que queremos é secar ao animal e no cubículo queremos que estea ventilado.” Unha distancia adecuada entre ventiladores sería a equivalente á do dobre do seu diámetro. Aínda que non hai inconveniente en colocalos máis preto entre eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información