Luis Miguel Rivera Otero, é gandeiro de ovino en Cospeito (Lugo), e acaba de ser escollido como novo presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que agrupa a 143 gandeiros socios e outros case 40 socios colaboradores. Con Rivera coñecemos algúns dos proxectos que están a impulsar a curto prazo, así como as preocupacións e retos que afronta o sector, entre os que se inclúe a convivencia co lobo ou a xestión da la das ovellas.
– Cal é a situación na que se atopa na actualidade o sector ovino e cabrún en Galicia?
– Nas ganderías de ovino e cabrún a rendibilidade está a ser mínima, máis agora coas subas tan importantes que está habendo de insumos como os pensos ou o gasóleo. Do mesmo xeito que acontece co vacún de carne, as granxas están a ter moitas dificultades para seguir producindo mentres non se lle compense cos prezos que se paga a carne.
– Que liñas de traballo queredes priorizar dende Ovica a curto prazo?
– Un dos temas que máis nos preocupa é a comercialización. Por un lado estamos traballando coa nosa marca Pastores de Galicia e tamén estamos pendentes de impulsar proxectos de man da Consellería de Medio Rural como o matadoiro móbil ou a Estratexia da carne, coa que tentar mellorar os prezos que industria e distribución pagan. Tamén queremos impulsar un plan de formación e encontros cos socios, para fomentar o intercambio de experiencias entre os asociados e visitas a ganderías que poidan axudar a mellorar e seguir a profesionalizar o sector.
Ademais, aínda que o Covid-19 paralizou un pouco o tema, queremos abrir as nosas granxas a visitas de escolares coas que amosarlle ás novas xeracións as oportunidades destas ganderías e estes sabores. Buscamos un achegamento ó mundo urbano e novas oportunidades ofrecendo a carne galega para comedores escolares.
– Segue sen valorarse como debera o cordeiro ou o cabrito galego?
– O cordeiro galego segue sen ser valorado e a carne que se vende nos supermercados non se reflexa que sexa galega. Escúsanse dicindo que se indican que é cabrito ou cordeiro galego non se vende igual de ben que se ten outra orixe. Aínda que xa hai xente que comeza a apreciar a calidade da carne de cordeiro ou cabrito galego, segue moi estendida a crenza de que o cordeiro de Galicia non é tan bo como o de outros puntos de España. Tanto os tratantes como comerciantes aseguran que a industria e a distribución seguen sen marcar un prezo acorde ó valor da calidade que ten a carne galega.
– A marca Pastores de Galicia, impulsada por vós, é unha vía para poder abrir mercado para a carne galega?
-Coa marca buscamos precisamente iso, poñer en valor a carne que producimos en Galicia. Estamos a producir unha carne de calidade. As nosas ovellas e cabras pacen en pradeiras verdes e as crías maman das nais, a diferenza de moitos dos cordeiros doutras zonas onde os crían a base de amamantadeira, e adoitan destetalos ó mes, para logo pasalos ós cebadeiros. Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai, aínda que na última fase se complemente a alimentación con aportes de cereal e penso; e iso marca unha diferencia, tanto no benestar do animal que permanece todo o tempo coa nai, como na carne que se obtén.
– Que presenza ten esta marca actualmente en Galicia?
– Antes da pandemia estabamos empezando a traballar no relanzamento da marca para conseguir un posicionamento da carne galega no mercado, pero coas restricións viuse todo paralizado. Dende a pandemia non comercializamos ningunha carne con este selo. Ademais na asociación tamén pasamos de ter varios técnicos a só ter unha técnica, que está a traballar moi intensamente, pero esta redución de persoal tamén dificultou sacar adiante todo o que queriamos. Agora estamos volvendo a retomar os traballos para impulsar a marca, xa que é moi importante para nós, é unha demanda dos socios.
– O Nadal é un dos momentos de auxe das vendas da carne de cordeiro e cabrito, como está a ser a campaña?
– En Galicia os produtores seguen a centrarse máis nas vendas do verán que nas do Nadal. Agora mesmo hai moita demanda desta carne, o que fai que tamén melloren minimamente os prezos, con todo o prezo aínda segue por baixo do que se precisa.
– Falta produción galega para abastecer a demanda do Nadal?
– Hai moitos socios que prefiren ter os partos noutras épocas do ano, xa que agora contra o inverno é máis difícil ter pasto, polo que as parideiras que se fan para esta época supoñen un maior custo de alimentación. Dende Ovica cremos que sería importante que máis socios programasen os partos para ter maior produción nesta época e poder atender a demanda. Non todos os produtores o poderían facer polas propias características e xestión das súas ganderías, pero hai moitos gandeiros de semiextensivo ós que non lles resultaría difícil e para os que sería interesante e rendible. Tampouco podemos darlle as costas ó mercado e se nesta época hai demanda, temos que axustar a nosa produción para poder satisfacelas peticións dos consumidores.
– Estades abordando xa este cambio de manexo das parideiras cos gandeiros?
– Estamos traballando xa coa ADS para proporcionarlle asesoramento ós socios sobre a programación dos partos, para que vexan que é posible e se lle pode sacar rendibilidade. É un paso máis cara a profesionalización do sector, xa que a programación dos partos tamén axuda a que os gandeiros non só teñan máis oportunidades para a súa produción, senón que pode mellorar a súa calidade de vida. Ademais de para as parideiras, tamén queremos traballar estreitamente coa ADS noutras cuestións para seguir mellorando o sector.
– No sector galego é habitual a variabilidade das canais fronte a outros territorios, ten sido un lastre para a comercialización?
– Dende logo. Téñensenos pechado portas por non ter canais uniformes. Isto en gran medida débese a non ter nas ganderías unha raza que propicie ter crías boas e iguais.
– Valorades impulsar medidas para fomentar a homoxeneización entre os produtores socios?
– É un dos temas nos que queremos traballar de man da ADS. Queremos prestarlle asesoramento ós gandeiros en cuestións como a elección dos sementais das súas ganderías con mellores aptitudes cárnicas, para que se logren cordeiros uniformes, xa que é fundamental para a rendibilidade económica da gandería. Se consegues sacar tódolos cordeiros ou cabritos no prazo previsto, sen que ningún deles teña que quedar máis tempo porque non alcanzou o peso preciso afórranse gastos extras. A rendibilidade nas granxas é mínima, polo que é preciso ter en conta estes detalles.
“A dispersión dos nosos socios pódese converter nunha oportunidade para ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores”
– Outro dos desafíos para o sector galego é a dispersión das granxas, como valoras esta cuestión? Que dificultades vos supón?
– É certo que é un sector moi disperso. En Ovica temos ganderías nas catro provincias, aínda que a maioría dos nosos socios están en Ourense e Lugo. Con todo, hai moita distancia entre os socios, o que dificulta cuestións como as visitas ás granxas. Pero máis alá desas dificultades, a dispersión dos nosos socios tamén se pode converter nunha oportunidade, xa que ó ter ganderías en tódalas provincias podemos ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores. Para Ovica tamén é satisfactorio ter socios en toda Galicia, oxalá houbera máis!
– O matadoiro móbil impulsado pola Consellería de Medio Rural pode ser unha solución fronte esta dispersión?
– Temos moitos socios ós que lle quedan lonxe os matadoiros, algúns a máis de 100 quilómetros, por iso vemos que esta pode ser unha alternativa para estas ganderías. Aínda que o matadoiro non vaia directamente á granxa, se os teñen que achegar a un punto que lles quede preto xa pode resultar unha gran mellora. Redúcense os gastos de transporte e increméntase a rendibilidade para a gandería. Ademais, esta solución tamén mellora o benestar dos animais, xa que os cordeiros e cabritos pasan menos tempo no transporte. Polo momento non está operativo e estamos á espera dunha reunión con Medio Rural para seguir tratando o tema e conseguir que vaia para adiante.
“Os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos”
-Con referencia á xestión do lobo, como valoras a situación actual?
-Estamos a ter bastantes ataques do lobo nas ganderías. Hai que ter en conta que as ovellas e cabras son as máis vulnerables e cando estes animais entran sempre causan grandes estragos, non só polos animais que mata ou deixa feridos, senón polo estrés que provoca en todo o rabaño, co que se hai animais preñados é moi habitual que terminen abortando.
-Que medidas contribuirían a mellorar a situación actual?
-Xa tivemos unha reunión coa Consellería de Medio Rural para transmitirlle a necesidade de facer melloras nas axudas que teñen activas. No caso da liña destinada á prevención dos ataques precísase máis tempo á hora de xustificar as obras de peches fixos, xa que moitas axudas estanse a perder por non poder aportar a documentación en prazo, ó estar moitas veces pendentes de licenzas.
Tamén vemos preciso que se incrementen as axudas para ter mastíns nas ganderías para previr os ataques. Máis que as axudas para a adquisición dos animais cremos que é máis importante proporcionar unha axuda para mantelos, xa que é aí o que realmente supón un desembolso. Hai que ter presente que os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos. Entre vacinas, desparasitación e alimentación supoñen importantes gastos para as ganderías. En rabaños de 300 ovellas tes que ter catro ou cinco mastíns, co que pode estar gastándose uns 5.000 euros, o que supón un gasto importante na gandería.
“Estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que a poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros”
– Outro dos retos para o sector parece estar na xestión da la das ovellas ante a falta de mercado para ela. Que saídas ten agora a la da rapa?
-O ano pasado xa tivemos dificultades para sacala adiante. Aquí xa non hai quen recolla a la, viña xente doutras zonas de Galicia por ela. Levábana case sen pagar nada por ela. Este ano, despois de tentalo con moitos xestores xa non houbo quen viñera recollela e moitos témola gardada aínda na granxa. Agora temos o problema de que para a PAC precisamos un certificado de ter entregada esta la a un xestor. Se non hai outra alternativa imos ter que pagar por desfacernos da la cando se podería empregar noutros usos no canto de tratala como un residuo. Por iso estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros e non un residuo do que desfacerse.
-A curto prazo tedes xa actividades previstas cos socios?
-A intención é fomentar as xuntanzas cos socios aínda que polo momento, polas restricións do Covid-19, tampouco puidemos xuntarnos moito. Tamén queremos ofrecer xornadas formativas para seguir a profesionalizar o sector. Con esta formación buscamos fomentar o relevo xeracional nas granxas, formando a persoas mozas que poidan poñerse ó fronte de granxas que vaian pechar por xubilación, así como asesorar ós mozos que queiran crear a súa propia gandería.
Ademais, queremos seguir sumando socios en Ovica, xa que hai moitos gandeiros de ovino e caprino en Galicia que aínda non están no colectivo e cremos que sumando forza entre todos é máis viable buscar oportunidades para o sector.
Tamén estamos colaborando en rede con outras asociacións e colectivos do resto de España para afrontar problemáticas que temos en común e tratar entre todos de fortalecer o sector.