Os controis de brucelose bovina en Galicia faranse este ano a través de probas no leite de tanque

Os controis de brucelose bovina en Galicia faranse este ano a través de probas no leite de tanque

Galicia fará as probas de brucelose bona a través das mostras de leite que se envían ao Ligal, e non do soro nas explotacións

A Consellería do Medio Rural anuncia que “o bo estado sanitario que rexistra a cabana gandeira galega en xeral, e en particular a bovina, permitirá reducir no presente exercicio o peso dos controis de saneamento que soportan os titulares das explotacións”.

En concreto, a novidade para a campaña de saneamento gandeiro 2018 é na brucelose bovina, onde Galicia foi declarada libre da mesma o pasado mes de outubro, despois de cinco anos consecutivos sen casos de brucelose. Para manter esta categoría, a normativa comunitaria esixe que cada ano sexan revisados todos os bovinos de máis de 24 meses en polo menos o 20% dos rabaños, con resultados negativos ás probas serolóxicas ou, se se trata de rabaños leiteiros, mediante probas en mostras de leite. “Así, Galicia fará as probas pertinentes a través do leite de tanque enviado ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e non do soro nas explotacións”, informan dende a Consellería de Medio Rural.

Controis no vacún de carne

No caso das explotacións bovinas de reprodución para carne, na campaña de saneamento 2018 tomaranse mostras de soro nos animais maiores de 24 meses do 25% das explotacións. Nos concellos limítrofes con Portugal tamén se establecerá un cordón de seguridade.

Por outra banda, Galicia tamén é libre de perineumonía contaxiosa bovina e de leucose bovina. Actualmente, en relación a estas enfermidades, realízase un programa de vixilancia, a través do cal anualmente se revisan aleatoriamente destas enfermidades unhas 455 explotacións.

En canto á cabana de ovino e cabrún, Galicia é unha rexión oficialmente indemne de brucelose dende o ano 2013. Para manter este estatus sanitario, a normativa comunitaria esixe que se realicen anualmente controles aleatorios nas explotacións que inclúan o 10% do censo gandeiro de ovinos e cabrúns nos que se obteñan resultados negativos. Aínda así, dende Medio Rural aseguran que “Galicia superará estas esixencias co fin, precisamente, de manter este bo nivel sanitario chegando ao 100% das granxas nos concellos limítrofes con Portugal (país de alta prevalencia desta enfermidade) para establecer unha franxa sanitaria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información