Tódolos contratos de compravenda de leite entre gandeiros e industrias lácteas deberán levar unha cláusula de obrigado cumprimento que sirva para cubrir os custos de produción. Así o anunciou no Senado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen comprometeu un Real Decreto para abordar esta cuestión de xeito específico no sector lácteo. Esta é unha reivindicación histórica dos gandeiros e unha cuestión ‘de xustiza e de lóxica’, segundo a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias.
“As declaracións do presidente do Goberno son positivas, pero hai que actuar xa para salvar a un sector que está a morrer aos poucos”, sinala o gandeiro lalinense Román Santalla, secretario de Gandaría de UPA.
Pero, como lograr o pago dun prezo xusto aos gandeiros, que cubra os seus custos e lles permita obter unha mínima rendibilidade?. Son xa varios os avances que se produciron a nivel lexislativo mentres os gandeiros ven como os contratos seguen sen avanzar en prezo. UPA sinala varias das claves: que os datos de custos de produción proveñan de fontes oficiais e se publiquen semanal ou mensualmente.
Outra das claves é que as industrias actualicen tódolos contratos, con independencia da súa data de finalización. “Non é admisible que os gandeiros esteamos a asumir toda a suba de custos e sexan industrias e distribución os que queden cos céntimos de suba do leite aos consumidores”, critican desde UPA.
Os gandeiros instaron ás industrias a dar ‘pasos adiante’ nas negociacións para que incrementen o prezo pago aos produtores. Están a ser tempos para a negociación, pero tamén para a reivindicación.
Protestas en Lugo
En Galicia, as protestas gandeiras polo baixo prezo do leite continuaron esta semana na cidade de Lugo. Nesta ocasión a acción levouse a cabo no Eroski do Centro Comercial As Termas organizada por Unións Agrarias. O colectivo continúa coa campaña de concienciación do consumidor para evitar que se merquen certas marcas que seguen sen pagar un prezo xusto ós produtores.
O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas que comercializan Lactalis e Capsa, as dúas industrias que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. Nesta ocasión, a propia cadea de supermercados Eroski xa tiña retirada estas marcas do liñal de venda cando se iniciou a protesta nas súas instalacións.
Moratoria de 15 días
Unións Agrarias anunciou que paralizará as accións de protesta durante os próximos 15 días logo de que se iniciase esta mesma semana unha mesa de negociación coas principais industrias, que aínda non trasladaron unha suba dos prezos do leite ós gandeiros. “Agardamos ter resultados nestas dúas semanas, e se non se logran reiniciaremos a campaña de sensibilización e seremos moito máis contundentes, non só con estas dúas industrias senón con aquelas que prometeron subas ós gandeiros que non acaban de chegar”, explicou Óscar Pose, responsable de Área do Sector Lácteo de Unións Agrarias, durante a protesta en Lugo.