“Os contratos lácteos poden vincularse mensualmente a custos de produción”

A directora general de Producciones y Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, advirte da drástica redución de marxes das granxas. Defende a necesidade de que a suba de prezos da alimentación animal se traslade ao longo de toda a cadea

“Os contratos lácteos poden vincularse mensualmente a custos de produción”

As marxes das explotacións gandeiras caeron desde o último trimestre do 2020 entre un 50 e un 95% en comparación coa media dos últimos cinco anos. Son as estimacións que manexa a directora general de Producciones y Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, que precisa que se trata dunha tendencia a nivel mundial. “Estamos ante un aumento de custos da alimentación animal que se debería trasladar en cadea ata o consumidor final. O que nós queremos é que as marxes das granxas non se resintan”, defende.

O asunto chegou estes días ó Consello de Ministros de Agricultura da UE, onde o ministro español, Luis Planas, pediu que se faga un seguemento estreito das marxes das ganderías de vacún, en especial das de leite.

O problema radica en que as ganderías non están sendo capaces de trasladar esa suba de custos ós prezos que perciben. A situación preocupa sobre todo nas granxas lácteas, pois a maioría asinaron a inicios de primavera contratos a un ano que, no mellor dos casos, mantiñan os prezos do pasado ano, cando non os baixaban.

Protexer ás granxas
A directora general de Producciones y Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, avoga por buscar fórmulas que protexan ás ganderías. “O prezo dos contratos lácteos podería vincularse mensualmente á evolución dos custos de produción, que é algo que non se está facendo. En ocasións, estase optando nos contratos por un prezo do leite variable, vinculado a determinados factores de mercado, pero non ós custos de produción”, cuestiona.

“Sería algo tan fácil como referenciar ese contrato ás estatísticas de prezos de pensos que semanalmente elabora o Ministerio de Agricultura en colaboración coa CESFAC (Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales)” -sinala Esperanza Orellana, que estes días participou na presentación do informe anual de CESFAC-. “Fago un chamamento ó sector para que se teñan en conta parámetros que protexan ás ganderías”, conclúe.

Desde a perspectiva da directora general de Mercados, é positivo que haxa contratos anuais entre as partes, “pois aportan estabilidade”, pero tamén incide en que hai que ter en conta o que está pasando nos mercados.

“Cando se senten a negociar contratos as industrias lácteas e as cadeas de distribución, non sería de recibo que unha das partes non tivese en conta o que pasou no mercado nos últimos meses” (Esperanza Orellana)

Papel das cadeas de distribución
Orellana amósase en especial preocupada polo papel das cadeas de distribución. “Cando as industrias lácteas e as cadeas de distribución se senten a negociar contratos -que están obrigadas a ter por lei-, non sería de recibo que unha das partes se sentase sen ter en conta o que pasou nos últimos meses ao longo da cadea” -valora Esperanza Orellana-. “Cando a distribución asina contratos, ten que ter en conta os custos da industria e que haxa un reparto de valor”, defende.

“Os alimentos teñen que ter un valor. A gandería é unha profesión dura que nos abastece de alimentos e crea emprego no rural. Que as granxas pechen debería ser motivo de alarma para toda a sociedade”

“Os alimentos teñen que ter un valor. Comparto o que di unha organización agraria que advirte de que non nos podemos acostumar a que o leite teña un prezo como o da auga. A gandería é unha actividade dura e complicada e que pechen granxas debería ser un motivo de alarma. Temos un modelo de granxas familiares que nos está abastecendo de alimentos e que crea emprego no rural. Debemos manter unha permanente atención sobre as súas marxes de rendibilidade e a Ley de la Cadena Alimentaria ten que funcionar para que ninguén se vexa obrigado a pechar”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información