Boa parte dos gandeiros comezaron a campaña láctea, o 1 de abril, con contratos a 6 meses. Eses contratos expiran a finais de setembro e as industrias lácteas xa lle están a trasladar acordos á baixa por outros 6 meses á maioría dos produtores. Lactalis baixa medio céntimo, Río aumenta as penalizacións por graxa, Larsa aumenta do 20 ó 30% o volume de leite que paga a un prezo menor e outras empresas están a seguir camiños similares. Ante esta situación, o agro ve nos movementos do Goberno “maniobras sen fondo real”.
Había moitas expectativas postas na reunión do conxunto do sector o pasado martes co Ministerio. O propio secretario de Agricultura, Carlos Cabanas, asegurara na última visita a Galicia que na reunión do 18 de agosto esperaban ver a que compromisos se ofrecían a chegar as partes. Chegado o día, sobre a mesa non houbo ningunha oferta de compromisos. Só se abordou unha proposta de medidas a medio prazo, en boa parte a modo de táboa reivindicativa do Ministerio, da que se volverá a falar en setembro.
“O documento do Ministerio é pouco crible. Lembremos outros compromisos que impulsou no pasado” (Isabel Vilalba, SLG)
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, abogou onte por “forzar un acordo, no sentido ben entendido do termo, no sector lácteo¨, pero ó sector xa se declara canso de “maniobras sen fondo real”, en palabras das organizacións agrarias, e anuncia un endurecemento das protestas.
Valoracións
“O documento que presentou o martes o Ministerio é pouco crible” -valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba-. “Só hai que lembrar outros documentos de compromisos que impulsou no pasado, como o acordo da etiqueta Producto Lácteo Sostenible (PLS), que asinaron as industrias para logo incumplilo, ou o acordo de boas prácticas que se impulsou coa distribución e que tampouco supuxo cambios que levasen á recuperación dos prezos en orixe”, critica. “En definitiva, estamos ante maniobras de distracción. O compromiso que queremos ver é a recuperación dos prezos en orixe”.
“As industrias están forzando ós gandeiros a asinar contratos á baixa. Non hai vontade política en parar iso” (Anxo Escariz, OPL)
Pola Organización de Productores de Leche (OPL), o seu coordinador, Anxo Escariz, advirte de que en tanto desde Madrid chegan “só declaracións de intencións”, as industrias están trasladando de xeito masivo contratos á baixa e forzando, tamén no sentido ben entendido do termo, a que se asinen de xeito inmediato. “En teoría hai ata o 20 de setembro para asinalos, dez días antes de que entren en vigor, pero as industrias están comunicándolles ás explotacións que se non llos devolven asinados xa, que lles deixan de recoller o leite”, critica. “Non hai vontade política en solucionar isto e ademais percibimos nas responsables de Medio Rural e de Agricultura un profundo descoñecemento do que está a pasar no campo”, lamenta.
Desde Unións Agrarias, Román Santalla, xa advertía tras a reunión do martes o escenario “dramático” que se lle presentaba ás granxas. “Temos contratos á baixa por seis meses sobre a mesa e aquí na reunión nin Ministerio nin industrias se mollaron sobre este problema”, criticou. “A realidade é que as explotacións ata marzo non aguantan con estes prezos. Ata marzo non chegamos”, advirte.
“A realidade é que a marzo non damos chegado así, pero nin industrias nin Ministerio se mollan” (Román Santalla, Unións Agrarias)
Similares críticas expón o coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza. “As reunións no Ministerio non están a servir para nada. Se había expectativas creadas, truncáronse. Non hai interese, só declaracións de intencións que a estas alturas non serven”, zanxa.
O alargamento da crise láctea tamén foi onte comentada por políticos locais, como o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, e o seu edil de Agricultura, Xosé Manuel Hermida, que advertiron da “situación de emerxencia” pola que pasa o agro e laiáronse da falta de medidas das Administracións. “Quizais sexa o momento de endurecer as protestas”, apuntou Cuiña, en liña coas valoracións das organizacións agrarias.