A Xunta de Galicia indica que o texto do proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento que rexerá os contratos temporais de xestión pública dos montes está pendente da súa tramitación final e publicación. Así se trasladou na comisión de Agricultura da Parlamento galego ante a pregunta formulada polo grupo socialista.
O director xeral de Planificación Forestal, José Luis Chan, lembrou que ante a necesidade de adaptarse ás novas demandas sociais, ambientais e económicas, así como á evolución da normativa forestal e ambiental, deseñouse o texto do decreto, o cal será publicado proximamente. Este foi consultado previamente ó Consello Forestal de Galicia, onde se recolleron e incorporaron as súas achegas. Logo foi revisado e informado por organismos externos competentes para logo ser sometido a consulta pública preceptiva.
En canto aos prazos que terán as comunidades de montes con convenios en vigor para adherirse ós novos contratos, Chan detallou que as comunidades de montes pediron modificar o período de solicitude da substitución dun consorcio ou convenio existente polo novo contrato, de xeito que pase dos seis meses previstos inicialmente a un ano. Ese será o prazo, que comezará a contar unha vez publicado o decreto.
“O que damos é unha opción de transformar o consorcio e convenio, de acordo coa vontade dos propietarios, para asinar o novo contrato de xestión pública, sempre e cando se cumpran cos requisitos legais; senón serán rescindidos”, aclarou.
Por unha banda, todas aquelas persoas propietarias de montes en xestión pública que cumpran os requisitos e o desexen poderán asinar un contrato temporal de xestión pública. Por outra, as persoas propietarias que se atopen incluídas no apartado do artigo 123 da Lei de Montes de Galicia e que non gocen actualmente dun consorcio ou convenio asinado coa administración, poderán solicitar o contrato unha vez publicada a orde que regule as bases da convocatoria para a formalización destes contratos.
Máis de 120.000 hectáreas de montes de xestión pública en media montaña
Durante a súa intervención, Chan ofreceu algúns datos e considerou “totalmente desconsiderado” comparar a rendibilidade dos montes de xestión pública cos outros montes, cando non poden facer os mesmos aproveitamentos. Puxo de exemplo que 120.000 hectáreas das preto de 200.000 hectáreas de montes en xestión pública están a máis de 800 metros de altitude, “co que iso conleva na rendibilidade”.
Así mesmo, o director xeral indicou que nos últimos anos foise reducindo a superficie baixo consorcio e convenio, achegándose ao obxectivo do Plan Forestal (menos de 200.000 hectárea en xestión pública). En concreto, dende o 2018 a superficie reduciuse en 72.000 hectáreas e 427 montes, preto dun 25 %.
A Xunta tamén lembrou que a administración forestal deberá certificar a xestión sostible dos montes cos que asine un contrato temporal de xestión pública, via PEFC e/ou FSC.