Europa sofre escasez de manteiga. É xa un feito constatado e o Observatorio do Mercado Lácteo Europeo pronostica que o déficit a final de ano rondará as 60.000 toneladas, segundo destaca no seu último informe. A situación suscita preocupación na industria pasteleira e de galletas, que en países como Francia podería ter que reducir os niveis de produción previstos polas factorías.
O progresivo aumento da demanda mundial de manteiga, unida a un lixeiro descenso da produción de leite no primeiro semestre do ano, tanto a nivel europeo como mundial, está a provocar a escasez de manteiga no mercado. Os prezos do produto, entre tanto, levan un ano disparados. Se a mediados do 2016, a manteiga cotizaba en Europa a 2,50 euros o quilo, a comezos deste ano xa estaba en 4,3 euros e na actualidade chegou ós 5,77 euros, sen que se poida prever cal é o seu tope.
A manteiga cotizaba hai un ano a 2,50 euros o quilo en Europa. Agora chegou a 5,77 euros e subindo
O aumento da demanda débese en parte á mellora da súa consideración entre os consumidores, tras constatarse polos científicos que as graxas lácteas semellan presentar un menor risco cardiovascular. De xeito paralelo, as autoridades sanitarias están a incidir no risco das graxas hidroxenadas vexetais, como o aceite de palma. Esa situación, xunto a unha imaxe da manteiga como un produto natural, levou a que, por primeira vez en 50 anos, o seu consumo supere ó da margarina en Estados Unidos.
En Europa, a evolución do consumo varía en función dos países. Un tradicional país consumidor de manteiga coma Bélxica aumentou o seu uso un 18% no que vai de ano. Tamén o seu gasto está en ascenso en España, se ben outros estados reflicten baixadas de consumo tanto na manteiga como noutros lácteos, en especial no leite líquido.
Situación do mercado lácteo
A produción europea de leite nos primeiros cinco meses do ano caíu un 1,1%, aínda que no mes de maio xa se rexistrou un aumento en relación ó mesmo mes do pasado ano dun 0,1%. Os prezos medios en maio no campo situábanse en 32,9 céntimos, segundo o Observatorio do Mercado Lácteo Europeo, e a previsión para xuño é de 33,1 céntimos.
A produción de queixo e soro é máis vantaxosa economicamente que o mix ‘manteiga + leite en po desnatado’
En paralelo, o mercado de produtos lácteos industriais está a mellorar nas últimas semanas, coa excepción do leite en po desnatado, que rexistrou lixeiras baixadas, e do soro en po. A diferenza de prezos entre a graxa láctea, coa manteiga disparada, e a proteína, co leite en po próximo ós niveis de intervención pública, segue a acentuarse.
Entre tanto, os queixos atópanse nos mellores niveis de cotizacións dos últimos catro anos, convertendo a produción de queixo e soro en máis vantaxosa economicamente que a de manteiga e leite en po.
O mercado atópase en xeral nunha boa situación, se ben hai nerviosismo por coñecer as previsións da Comisión Europea sobre a liberación das arredor de 350.000 toneladas de leite en po que se mercaron en intervención pública o pasado ano.
Perspectivas de produción
A Comisión Europea agarda que a UE remate o 2017 cun 0,7% máis de produción que a pasada campaña. En canto a outras grandes áreas produtoras, Estados Unidos continúa incrementando mes a mes as súas entregas e espérase que Nova Zelanda e Australia, que nos últimos meses rexistraron caídas de produción, se recuperen a partir de agora.
Así as cousas, os mercados de exportación da UE melloraron no que vai de ano, con China como principal destino. Os queixos aumentaron o volume das súas vendas ó exterior un 6,3% no periodo xaneiro-maio, con bo comportamento tamén do leite en po e da manteiga. En manteiga, sen embargo, os altos prezos e a escasa dispoñibilidade de materia prima limitan as vendas. En leite en po, o Observatorio considera posible que os países compradores agarden por maiores baixadas do seu prezo.
En Europa espérase a ver a evolución nos próximos meses tanto de grandes compradores, caso de China, como doutras grandes áreas produtoras, como Nova Zelanda e Australia, pois o seu comportamento condiciona a marcha do mercado europeo.