Os concursos de gando de Cimag – Gandagro contarán con 172 animais

Os certames desenvolveranse o 27 e 28 de xaneiro, con participación de ganderías galegas e de animais chegados de Portugal e Cantabria

Os concursos de gando de Cimag – Gandagro contarán con 172 animais

Imaxe dunha anterior edición dos certames de Cimag-Gandagro.

Un total de 172 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de distintos puntos de Galicia, Cantabria e Portugal participarán nos concursos morfolóxicos Autonómico e Internacional desta raza na II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag – Gandagro. Este certame celebrarase do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia, en Silleda.

O XXVI Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga, ao que concorrerán os exemplares máis destacados en Galicia, contará coa participación de 132 reses. Delas 50 proceden da provincia de Pontevedra, 43 de A Coruña e 39 de Lugo.

Pola súa banda, o XXXIV Open Internacional da Raza Frisona GandAgro´17 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Reunirá, ademais dos 132 exemplares galegos que participan no Concurso Autonómico, a outros 19 de Cantabria e 21 de Portugal. En total competirán 172 animais.

Galardóns
Os galardóns que se concederán nesta edición dos concursos serán Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e tamén Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca, incluíndose nestes últimos como novidade a entrega de premios en metálico.

Ademais recoñecerase ao Mellor Criador de Galicia e ao Mellor Criador Internacional e, por primeira vez, premiarase en ambos concursos á Mellor Gandería de Nova Participación. Os galardóns estarán patrocinados por firmas do sector, como Xenética Fontao, a empresa de seguros Ucoga ou Abanca Agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información