Os Concellos da Serra do Xistral presentan alegacións diante do Ministerio polos cambios normativos sobre o lobo

Os alcaldes de Abadín, Alfoz, Cervo, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro, Xermade e Xove, de todas as cores políticas, rexeitan o proxecto de modificación do RD 139/2011 que inclúe o lobo na listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e no Catálogo Español de Especies Ameazadas

A Comunidade de Montes de Santo Tomé ten unhas 80 eguas

A Comunidade de Montes de Santo Tomé, no Valadouro, ten unhas 80 eguas. Os ataques do lobo son constantes

O proxecto de Orde Ministerial pola que se modifica o Anexo do Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e o Catálogo Español de Especies Ameazadas, segue cultivando rexeitamento en Galicia. Desde distintos ámbitos, tanto desde o sector agrogandeiro como desde a esfera política galega, critícase a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de incluír ao lobo neste réxime de especial protección, o que implicaría prohibir a súa caza ao norte do río Douro.

Os últimos en sumarense á onda de críticas son os Concellos da Serra do Xistral, na provincia de Lugo, unha das zonas con maior presencia de lobos de toda Galicia e onde os ataques ao gando son habituais. Os alcaldes de Abadín, Alfoz, Cervo, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro, Xermade e Xove, de todas as cores políticas, rexeitan a decisión do Ministerio e acaban de rexistrar alegacións ao cambio normativo.

A posible inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial implica o paso da consideración do lobo como especie regulada polas normas cinexéticas a especie protexida polas leis de patrimonio natural

“A publicación dunha norma xenérica para regular a situación do lobo en toda España, non é efectiva, nin xusta, nin apropiada, dado que, non son uniformes as zonas (hábitats) onde coexiste o lobo con outras especies e coa poboación da contorna, e desta forma, faise necesario contar con estudos pormenorizados que reflictan a realidade existente e determinen as accións necesarias en cada caso específico”, esgrimen.

Os alcaldes solicitan no seu escrito conxunto de alegacións “un aprazamento na toma de decisións relativas ao lobo ibérico e a apertura de diálogo con todos os sectores afectados: os Gobernos autonómicos, os Concellos, así como os gandeiros e os seus representantes” e tamén “que se recoñeza a actividade gandeira de cría de cabalos e gando vacún en liberdade no Xistral, así como noutras montañas galegas, como unha actividade económica, patrimonial e cultural a protexer así como os seus beneficios para o medio ambiente e o modo de vida das zonas rurais”, para o que piden que “todos aqueles instrumentos normativos e dotación de recursos favorezan a viabilidade desta actividade económica nas mellores condicións, co propósito de frear o seu declive e propiciar a súa recuperación para as próximas décadas”.

Os ataques ao gando cuadriplicáronse nos últimos 7 anos

ataque lobo poldro MVMC Santo Tomé (Valadouro)6“Esta coexistencia entre o cabalo e o lobo prodúcese en contados lugares do planeta (Galicia, Norte de Portugal, Mongolia e poucos outros) e cando se chega ao desequilibrio, feito contrastado, por exceso poboacional do lobo (pasamos de 237 avisos de ataque en 2013 a case 1000 en 2020, sen contar os non denunciados por diversas cuestións) abócase á actividade gandeira ao abandono polo risco de ataques aos seus animais, fundamentais para a conservación de toda a contorna”, argumentan os rexedores nas súas alegacións.

No Xistral pasouse de 237 avisos por ataques de lobo en 2013 a un milleiro no ano 2020

“O manexo ancestral que fixeron os poboadores desta serra caracterizouse pola tradición de manter unha gandería extensiva en estado salvaxe ou semi-salvaxe conformada por mandas de cabalos e rabaños de vacas, os cales pastaron en liberdade e preservado a peculiar vexetación deste hábitat. Son os cabalos e vacas que pastan no Xistral, o seu manexo secular, os curros e as rapas unha das maiores manifestacións culturais, etnográficas e turísticas da nosa comarca. Ao noso pesar, este patrimonio natural, económico e cultural-identitario do noso territorio sucumbe por un declive acelerado desta peculiar forma de criar gando equino e vacún en liberdade, nun fenómeno común a outros lugares froito do esquecemento das distintas Administracións estatais e autonómicas, o que leva ao mundo rural ao abandono, despoboamento e cambios de usos máis agresivos no territorio”, proseguen.

Risco para a maior reserva de turbeiras de cobertor de Europa

Bestas nunha zona de turbeiras de cobertor da CMVMC de Montouto. FOTO: Laura Lagos, Proxecto Life in Common Land

Bestas nunha zona de turbeiras de cobertor de Montouto. FOTO: Laura Lagos, Proxecto Life in Common Land

A Serra do Xistral é un espazo natural incluído na Rede Natura 2000, no que están localizadas o 90% das turbeiras de cobertor de toda Europa, paraxe única e irrepetible, cuxa conservación depende en gran medida da gandería extensiva, en especial do gando equino. “A excesiva presión do lobo sobre esta actividade gandeira extensiva, intensifica a renuncia á mesma, poñendo en serio perigo o ecosistema. A inexistencia ou escaseza do gando equino que nesta zona habita en forma libre (cabalo salvaxe) e que actúa como auténtico limpador ecolóxico, practicando unha roza natural, sitúa en serio risco de incendio ao noso territorio pola invasión de especies altamente inflamables, cuxas consecuencias poden chegar a ser fatais para as turberas”, indican.

O lobo é só un habitante máis da súa contorna. Non é o único problema nin a única solución

Dada a importancia que ten a Serra do Xistral os alcaldes piden “que se considere por parte do Goberno do Estado e do Goberno autonómico este territorio como un enclave natural prioritario na posta en marcha de actuacións e investimentos para xerar experiencias e modelos demostrativos que fagan viable este tipo de gandería e a súa coexistencia co lobo”. Finalmente piden que se implementen os mecanismos necesarios para a coordinación entre os Ministerios competentes, así como cos Gobernos autonómicos, os Concellos afectados e os axentes sociais para a posta en marcha de “estudos técnicos que determinen as pautas para seguir nos próximos anos para alcanzar o obxectivo real do reequilibrio natural dos ecosistemas”, debido a que, aseguran, “o lobo é só un habitante máis na súa contorna”.

Anuncio de concentración

Desde o ámbito das organizacións agrarias, Unións Agrarias anuncia tamén alegacións e unha concentración ante a Delegación do Goberno, probablemente o 9 de marzo, aínda que a data depende da evolución da pandemia. A organización tamén cuestiona que a Consellería de Medio Ambiente teña sen pagar “todas as indemnizacións por danos de lobo correspondentes ó 2020 e parte das do 2019”, polo que non descarta outros posibles actos de protesta ante a Consellería.

O aumento da protección do lobo xerou nas últimas semanas unha reacción maioritaria de oposición no agro. No ámbito estatal, Asaja, Upa (a matriz de Unións Agrarias) e Coag están protagonizando accións de protesta unitarias. En Galicia, a maiores da concentración anunciada por Unións, tamén expresaron a súa oposición á medida a Asociación Agraria de Galicia e a Asociación de Gandeiros do Macizo Central de Ourense (Agromacen), entre outros colectivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información