Os compradores críticos seguirán sen acudir este martes á poxa de becerros do mercado de Silleda

app dixital central silledaO sector crítico duns 60 compradores de becerros de recría seguirá sen acudir á poxa do vindeiro martes da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA ao non ofrecer esta semana a Xunta de Galicia unha solución ao conflicto que manteñen coa directiva do mercado de Silleda, que persiste na obriga de que a poxa se faga únicamente de xeito dixital a través da súa aplicación.

“A pesar de que na reunión que mantivemos este pasado martes co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, na que lle pedimos que as propostas de solución nolas trasladasen canto antes, para darnos tempo a nós, e sobre todo aos gandeiros, de organizarnos para poder volver a Silleda, a única resposta que tivemos por parte da Xunta foi unha chamada este venres ás 7 da tarde na que nos pedía que primeiro volvamos a mercar en Silleda e logo xa se irá vendo que hai que reformar, cando nós pedimos o contrario: primeiro cambios – principalmente a adecuación das instalacións para os becerros ao volume de gando que se move, e mentres tanto que se poda seguir utilizando a poxa en papel- e logo volveremos ao mercado. En definitiva, non se nos ofreceu ningunha solución”, explica Marisol López Núñez, representante da Asociación Galega de Empresarios do Gando.

Na mesma liña se manifesta José Manuel García, que fala en nome dos compradores de recría que se opoñen á total dixitalización, e fai un chamamento a que “os gandeiros non envíen o gando a Silleda porque nós non imos subastar, e corren o risco de malvendelos ou de que vaian devoltos, como ocorreu nas dúas últimas semanas”.

O conflito entre a directiva da Central Agropecuaria de Galicia e un grupo de compradores está a levar a que unha parte dos becerros de recría se estean a derivar cara o mercado de Amio, así como para a venda directa nas explotacións ou nas chamadas “cortes de trato”.

Na semana que entra haberá que agardar se a Xunta propón medidas que desactiven o conflicto, ante a incapacidade de chegar a acordos entre os tratantes críticos e a directiva de Silleda, e que como acaba afectando esta situación aos gandeiros, os principais perxudicados, nun momento no que despois de moitos anos os prezos dos becerros estaban a acadar por fin boas cotizacións. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información