Os coidados das abellas durante a primavera

Artigo de Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), no que apunta recomendacións técnicas para os abelleiros

Os coidados das abellas durante a primavera

Apicultor inspeccionando as alzas.

Na primavera, é cando os campos están cheos de flores, o salgueiro dá a primeira floración onde as abellas acopian pole, cousa moi favorable para a cría de novas abellas, é a época do ano cando o enxame desenvolve a máxima actividade, a nai apura a posta, nacen moitas obreiras e algún centos de abázcaros. Tamén é a época da enxamía.

O apicultor pode aproveitar para reproducir as súas colonias, para repoñer baixas ou incrementar a cabana apícola propia ou para a venda a outros abelleiros e abelleiras. Tamén é a época de ampliar a colmea, colocar alzas, para que teñan espazo suficiente para almacenar o néctar e o pole.

Varroa e loque americano, principais doenzas

Durante a primavera tamén teremos que vixiar a aparición de doenzas, sobre todo a loque americana e a porcentaxe de varroa. Hai apicultores partidarios de eliminar o enxame en caso de aparecer a loque, outros prefiren trasladar o enxame a unha colmea limpa e agardar a que cure, se se volve a reproducir a doenza o mellor é eliminar a colonia. De ser preciso tamén haberá que realizar un tratamento contra a varroa.

A saída do inverno tamén é cando máis enxames desaparecen debido ao efecto dos insecticidas neonicotinoides . Durante os meses de marzo, abril e maio tamén é apropiado colocar trampas para capturar raíñas fundadoras de vespa velutina nigrotorax, xa que raíña que capturemos niño que evitaremos cara o verán e desta maneira poderemos manter un nivel de vespas asiáticas soportables polas nosas abellas.

Tamén é a época de seguirse formando e informando. Neste sentido, desde AGA organizamos un amplo abano de actividades nas que todos os abelleiros e abelleiras de Galicia poden participar.

Xesús Asorey.

É secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información