“Os ciclos complicados son cando se toman mellores decisións de investimento”

Falamos con Gabriel Guijarro, subdirector xeral de Caixa Rural Galega, para coñecer a relación da entidade co sector agrario, así como a súa visión das perspectivas de futuro da gandeiría láctea

“Os ciclos complicados son cando se toman mellores decisións de investimento”

Gabriel Guijarro, subdirector de Caixa Rural Galega.

Caixa Rural Galega cumpre este ano o seu 50 aniversario. A entidade, que naceu para apoiar á gandeiría e á agricultura, suliña a continuidade da súa aposta polo agro, no que mantén un 20% do seu volume de traballo. Analizamos co subdirector xeral de Caixa Rural Galega, Gabriel Guijarro, tamén director de investimento crediticio da entidade, a fase actual pola que pasan as explotacións gandeiras e as perspectivas de futuro.

Caixa Rural Galega é a única entidade privada de crédito que mantén unha orixe galega. Explíquenos que papel xoga o sector agrario e o rural no traballo da Caixa.
– Caixa Rural Galega, na súa orixe Caixa Rural Provincial de Lugo, naceu fai agora 50 anos, como un proxecto moi humilde, para axudar a mellorar as condicións do campo na provincia de Lugo, onde o sector primario tiña un enorme peso na economía, pero apenas había estruturas organizativas e a formación dos nosos gandeiros era pequena.

“Nacemos para valorizar o noso entorno e sentímonos orgullosos do apelido rural”

Nos últimos 50 anos, estas estructuras productivas agrarias avanzaron moito, igual que a sociedade galega en xeral e na actualidade temos un sector gandeiro que ten uns niveis de competitividade superiores ós do resto do Estado, que só pode competir con nós en dimensión e cercanía ós grandes núcleos de consumo.

En todo este proceso de mellora continua, que ten todavía moito camiño por percorrer, estivo presente sempre a Caixa Rural. Nacimos para valorizar o noso entorno e sentímonos orgullosos de levar o apelido “rural”: recollemos os cartos do noso entorno e prestámolos para construir novas instalacións gandeiras (establos, almacéns, fosas, silos, etc.), financiación de maquinaria (tractores e máquinas para traballar a terra, salas de ordeño ou robots), adquisición de terras, ampliación e construcción de novas granxas, adquisición de materias primas, adquisición de animais e mellora xenética, prestamos para o asociacionismo, formación e viaxes de gandeiros e cooperativas a outros lugares, etc.

“O sector agrario chegou a supoñer o 40% do traballo da Caixa, pero a baixada do agro no PIB galego e a expansión de Caixa Rural a núcleos urbáns reduciu ese peso”

Nos últimos anos, a Caixa tamén medrou e abriuse ó resto de Galicia, buscando núcleos de poboación de certa importancia que permitisen paliar o despoboamento nos núcleos rurais da Galicia interior, pero sen esquecernos da nosa orixe.

Como os sectores e a poboación do noso ámbito pasou a equilibrarse entre zona rural e urbana, e como o peso do sector agrario no PIB galego é cada vez menor (pois hai outros sectores moi puxantes), hoxe en día o peso do sector agrario no traballo da Caixa está aproximadamente nun 20%, cando por exemplo no ano 2000 achegábase ó 40%. Pero como dixen, este descenso non é por non adicar todos os nosos esforzos ó sector, se non polo menor peso que cada vez ten na nosa economía, e pola apertura da Caixa ó resto de Galicia, principalmente ós grandes núcleos urbáns.

– A situación de crise que atravesan as explotacións gandeiras, ¿en qué medida se está a notar na súa situación financieira? Perciben un aumento de impagos de préstamos?
– Os titulares de explotacions e as entidades de crédito anticipámonos na maioría dos casos a situacións de falta de liquidez. Neste senso, por mor dos precios actuais do leite, nos últimos meses obsérvase un incremento de solicitudes de préstamos que en moitos casos se destinan a repagar operacións actuais facendo máis levadeira a carga financeira, créditos de circulante destinados a gastos correntes, ou ben ampliación de plazos de vencemento e carencias nas operacións actuais para mellorar a liquidez das explotacións.

“A crise do sector leva a un aumento dos préstamos e obsérvase tamén unha significativa reducción de saldos medios en contas correntes”

O programa posto en marcha polo Igape para explotacións lácteas, con obxecto de financiar circulante ou refinanciar pasivos, tamén está a ter unha boa acollida.

Pero sobre todo obsérvase una significativa diminución de saldos medios en contas correntes. Nas épocas nas que os prezos son máis elevados, os saldos medios en conta corrente das gandeirías son moito maiores.

– É posible hoxe en día o acceso das explotacións a préstamos para investimentos e plans de mellora? Detectan interese no sector ou a incertidume polos prezos do leite e da carne está a paralizar o investimento?

– A incertidume está máis presente nestes momentos, e desbota ideas, pero os gandeiros, como empresarios que son, sempre pensan a medio e longo prazo, de aí que afortunadamente sempre haxa novas inversións e demanda de crédito para financialas. Os momentos complicados son cando, por regra xeral, se toman boas decisións de investimento, xa que todo é máis medido e meditado, aquilatando os custos, sen gastos superfluos. Ademáis, o día a día da gandeiría necesita de melloras continuas e de reposición, motivo polo cal tampouco se poden parar as necesidades perentorias por mor da crise.

“Hai menos proxectos de investimentos, pero os que chegan son máis sólidos e de maior importe”

En xeral hai menos proxectos, pero os que veñen son máis sólidos e de maior importe, tamén porque cada vez quedan menos actores pero máis grandes e máis profesionais.

– Que servizos destacaría de Caixa Rural Galega para o sector gandeiro e agrario en xeral, como facilidades financieiras e outras?

– As liñas de financiamento especiais veñen de plans de mellora, adaptados ó prazo de investimento, tanto para activos fixos como para maquinaria, con condicións de mercado ventaxosas. En xeral, van ligadas a subvencións, que permiten rebaixar a carga financeira e un mellor repago dos préstamos.

“Somos especialistas en facer ‘traxes a medida’ para cada explotación, adaptando os prazos ós retornos reais dos investimentos”

O programa Igape sector lácteo é outra vía específica, destinada a refinanciación de pasivos das gandeirías ou ben a gastos de circulante necesario. Os anticipos de impostos e de subvencións tamén son liñas moi demandadas. Loxicamente, poderanse anticipar sempre e cando estean domiciliadas na Caixa, e por ese mesmo motivo en condicións ventaxosas de mercado.

Pero realmente somos especialistas en facer “traxes a medida” para cada explotación, adaptando os prazos ós retornos reais do investimento, tomando sempre as garantías xustas (evitando tamén sobregarantías que mermen a capacidade de crecemento da explotación) e a uns prezos éticos, contando que a Caixa ten que gañar tamén para poder continuar co seu fin estatutario. Estas liñas ademais non se vinculan a outros produtos bancarios obrigatorios que os gandeiros non queren nin precisan.

“O reto segue a ser producir barato, para o que o acceso á base territorial é un factor clave”

– Cales son as súas perspectivas de futuro que ven para o sector gandeiro?
– A modernización de instalacións, xenética e o manexo dos animais melloraron moito nos últimos anos, o que derivou nunhas cifras de producción por animal altísimas, impensables fai só uns anos. Pero o proceso de modernización das gandeirías debe continuar para mellorar a eficiencia e reducir o custo de producción por litro, apoiado por estudos de rendibilidade e manexo adaptados a cada comarca e gandeiría particular. Neste senso, son de louvar os traballos das grandes cooperativas galegas nos seus respectivos entornos.

“O escaso desenvolvemento das organizacións de produtores perxudica ás granxas na negociación coas industrias”

Os retos seguen a ser producir barato (non tanto en cantidade), para o cal o acceso á base territorial é un factor clave. Ó mesmo tempo, o asociacionismo dos productores permitiría maior poder de negociación coa industria, xa que actualmente a oferta está enormemente desagregada, o que ocasiona un desnivel a favor da industria.

Sede central de Caixa Rural Galega, en Lugo.

Sede central de Caixa Rural Galega, en Lugo.

Outras iniciativas como a de xerar máis valor na cadea de producción, creando empresas envasadoras de leite ou de productos derivados (queixos, iogur, etc) poden ser interesantes, pero obrigaría a enfrentarse ós retos de valorizar unha empresa productora, coas dificultades dun entorno altamente competitivo, maduro e dominado pola gran distribución.

Ó favor do campo galego está o feito de ser unha producción enormemente sostible a medio e longo prazo, que valoriza o entorno, dunha calidade excepcional (cercana en todos os casos ó ecolóxico), pero queda camiño que facer para dar a coñecer esta calidade.

Dende a “crise” do 2007 prodúcese ademáis o fenómeno de retorno ó campo por parte de novas xeracións, coa maior cualificación que nunca tivemos, orgullosas de sí mesmas e con moitas gañas de facer da súa explotación o seu proxecto vital, que poñen en valor os recursos naturais que teñen na casa e que o queren dar a coñecer a través das redes sociais, o que sen dúbida contribuirá a unha maior sensibilización e coñecemento directo por parte do consumidor final.

“Cando as materias primas suban, as grandes gandeirías de zonas próximas ós núcleos de consumo non poderán manter a competitividade”

A coxuntura actual de baixos prezos é debida ó pouco desenvolvida que están as organizacións de produtores, con baixo poder de negociación fronte á industria, e á situación especial de baixos precios das materias primas nos mercados internacionais, que fai que unha vez que desapareceron as cotas lácteas (o cal de por sí non é malo), calquera explotación de gran dimensión poida xerar grandes economías de escala, coa vantaxe da cercanía ós núcleos de consumo, o que fai que a industria traslade as compras a estes grandes productores que, sen esta situación de materias primas, non serían rendibles, e por tanto de por si non son sostibles a longo prazo. Veremos cando as materias primas suban, “quen estaba nadando na beiramar sen bañador”.

Por todo esto son optimista de cara ó futuro, aínda que a situación actual estea moi complicada cos prezos actuais, xa que as nosas xentes sempre demostraron capacidade de resistencia, e sen dúbida saben que están facendo as cousas ben. Como sempre terán de aliado á Caixa Rural Galega para apoialos no que precisen.

– Pode poñer algún exemplo dos proxectos asociativos ou cooperativos que está apoiando Caixa Rural no sector agrario?

– Proxectos asociativos: agrupación de productores (asociacións, sociedades agrarias de transformación, cooperativas, cumas de maquinaria) para a explotación común da terra e do gando, construcción de novas instalación de gran capacidade, con tecnoloxía punteira. Anticipo de subvencións por asociacionismo para diversos proxectos en común. Adquisición de maquinaria para a explotación común. Búsqueda de novas canles de comercialización do producto, e incluso a internacionalización.

Proxectos cooperativos máis chamativos: construcción de novas fábricas de manturios para substitución de plantas obsoletas e sen medidas de trazabilidade; centro de alimentación comunitario, que programa cultivos, sementa e recolle nas fincas dos socios, ensila e reparte a comida dos animais entre as granxas dos socios diariamente; tenda agraria, gasocentro, centro de recría de gando, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información