Os cambios nunha aplicación informática enredan a presentación de proxectos de ordenación forestal

Medio Rural vese obrigada a ampliar o prazo para permitir a entrega dos plans. Forte descontento entre os técnicos forestais, que teñen que prolongar durante semanas a tramitación burocrática da documentación precisa

Os cambios nunha aplicación informática enredan a presentación de proxectos de ordenación forestal

A Xunta dispón dunha ferramenta informática, a Xorfor, para a tramitación dos proxectos de ordenación forestal. É unha aplicación que obriga a rexistrar os datos de cada plan, así como tódalas parcelas asociadas ó mesmo e a cartografía complementaria. Trátase dun proceso de por si lento, que derivou en caos cando a Xunta decidiu cambiar, sen previo aviso, a configuración da aplicación, introducindo novas táboas e requisitos.

O cambio do sistema Xorfor fíxose o 13 de setembro, a dous días de que rematase un dos prazos de presentación de proxectos de ordenación que eran beneficiarios de subvención. Tal modificación do Xorfor derivou en que tódolos técnicos que tiñan proxectos cargados pero aínda sen presentar, pendentes dunha última revisión, víronse imposibilitados de entregar os proxectos en tempo, pois precisaban de novo modificar todos os proxectos, un proceso que nalgún caso esixirá de semanas de traballo.

As modificacións introducidas no Xorfor colmaron a paciencia dos técnicos, que trasladaron por distintas canles o seu enfado e malestar. Un dos afectados sinala que os erros e cambios no sistema Xorfor sucédense desde hai anos, ata tal punto que “leva moito máis tempo subir un proxecto ó Xorfor que facer ó propio proxecto de ordenación forestal en si”.

Consultada sobre a situación a xerente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, Patricia González, confirma os problemas. “Hai un enfado importante dos técnicos polo feito de que as actualizacións se estan a facer sen previo aviso. Podíase poñer na plataforma un aviso indicando, por exemplo, que en 15 días se fará unha actualización, de xeito que os técnicos teñan marxe para rematar a presentación dos proxectos en trámite e non se vexan dun día para outro con que teñen que refacer os proxectos”, explica.

O malestar vén tamén derivado de que os cambios se fixeran a dous días de que rematase un dos prazos de presentación de proxectos de ordenación. “Ante esa situación, desde o Colexio falamos con Medio Rural e conseguiuse unha ampliación de prazo. Do 15 de setembro, ampliouse ó 30 de outubro, en tanto os proxectos que tiñan data límite de entrega o 15 de outubro pasan ó 15 de novembro” -explica Patricia-. “A cuestión de fondo é que os profesionais teñen o seu traballo organizado e planificado e dun día para outro viron como se enfrentan a semanas adicionais de traballo pola modificación do Xorfor”, conclúe.

Valoracións de Medio Rural
Desde Medio Rural, pola súa banda, sinalan que os cambios no Xorfor veñen motivados pola necesidade de recabar datos adicionais sobre os proxectos de ordenación, xa que o Plan Forestal de Galicia establece 70 indicadores de cumprimento, sobre os que a Administración debe levar un control.

Entre as novidades introducidas no Xorfor, figura a delimitación de zonas de alto valor natural ou a indicación do dióxido de carbono absobido polo monte. Medio Rural precisa que, en todo caso, a indicación destes novos datos nos proxectos é voluntaria, non obrigatoria.

Por último, a Consellería lembra o importante esforzo que está a facer para apoiar a ordenación do monte en Galicia. No 2020 existían preto de 300.000 hectáreas ordenadas en Galicia -un 15% da superficie forestal da comunidade-, e a Xunta concedeu o pasado ano axudas para ordenar outras 196.000 hectáreas, cunha subvención total de 4,3 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información