No verán do 2024, a Rapa das bestas da Capelada cumpriu 50 anos. Anteriormente, cada propietario facía a súa propia rapa particular, pero desde hai medio século, o colectivo de besteiros da Serra uniuse para celebrar unha Rapa festiva un domingo de xuño, cun traballo previo toda esa semana de localizar, xuntar e desparasitar os animais.
Visitámolos na Rapa do ano pasado e elaboramos a peza audiovisual e as entrevistas que seguen.
Jorge Bellón. Presidente da asociación San Andrés de Teixido Eventos
“A Rapa une a paixón polas bestas e o compañeirismo da xente que as manexa”

Jorge Bellón.
A asociación San Andrés de Teixido Eventos é a cabeza promotora da Rapa das bestas da Capelada, para a que conta cunha ampla colaboración de besteir@s que veñen doutras zonas de Galicia.
– Explícanos en qué consiste a Rapa que organizades.
– Como o propio nome indica, trátase de rapar as bestas, cortarlles o rabo e a crin, e que queden menos expostas aos parásitos e estean máis cómodas. Desde hai uns anos, tamén se fai un tratamento veterinario desparasitante para parásitos internos e externos. Así están máis protexidas e cómodas.
Toda a vida desde que hai cabalos existiu a rapa, antigamente era de xeito individual, cada un facíaa coas súas bestas. Pero como rapa aberta ao publico, este ano é o 50 aniversario. Non deixa de ser o mesmo, pero máis visual, para que a xente poda vir a ver e disfrutar do que facemos.
-¿Quen participa na Rapa?
– A rapa lóxicamente necesitas a moita xente para facela e temos moita colaboración. Vén xente de Lugo, de Pontevedra, Ferrol, a parte da xente de San Andrés (Cedeira). Sen todos eles sería imposible e é moi de agradecer a axuda. Ao final é unha piña de amigos, de amantes das bestas, hai que compenetrarse, levarse ben… somos un grupo grande.
É un traballo longo. A xente ve o último día, o domingo, que se lle chama o da Rapa, porque é o día que vén o público, pero levamos traballando varios días, desde o mércores ata o domingo, collendo a pé e a cabalo os animais, no medio desta extensión tan grande… Dá moito que facer, por iso somos tanta xente.
É un chollo moi agradecido, pero mércores, xoves, venres, sábado… Ao final vas mallado e tenche que gustar moito porque chega o domingo e vas mazadiño…Pero moi agradecido, ao fin e ao cabo, de todo o que nos dan os animais.
– Pódese dicir que facedes un traballo voluntario e altruísta. Cal é a vosa motivación?
– Loquiños da cabeza porque non hai outra explicación… É unha paixón, porque se atendes ós números, non dá máis que gasto, beneficio económico ningún. Antes podías vender algún poldro, pero agora mesmo nada porque estaos matando o lobo. A viabilidade por ese lado é complicada.
En Galicia, ademais, o cabalo non adoita ser unha carne de consumo humano, malia que é unha carne espectacular, porque non temos ese costume, como si pasa en Francia ou en Andalucía, por exemplo.
En resumo, unha cousa que só dá gasto e problemas institucionais, sen beneficio (económico), é difícil que continúe. Entón, ou estas tralladiño da cabeza e che encantan as bestas ou abandonas todo… E de momento, pois seguimos.
– Como son os cabalos da Capelada, teñen algunha particularidade?
– É un cabalo moi especial, non é un cabalo de pura raza galega, nin moito menos, pero polas características do lugar onde viven, cos temporais, temperaturas extremas, son duros por natureza. Son máis ben baixiños, con cores moi variadas, hai castaños, rubios, pintos, un pouquiño de todo.
O coidado das bestas é sinxelo, entre comillas, porque elas mesmas viven no seu hábitat, son autónomas. Simplemente estás máis pendente se hai algunha a punto de parir e miras de localizala varios días seguidos…
– Falabas antes de que os cabalos non dan beneficio económico, pero tamén dicías que vos dan moito. Explícanos o que pensas que aportan.
– Tenche que gustar, se non, non os tes. Se os tes e non che dan beneficio, é que é unha paixón.
Polo lado humano, polo beneficio de todos, son as segadoras dos nosos montes, é dicir, co que van comendo, están evitando durante todo o ano futuribles focos de incendios, que o monte se perda de todo, pois en xeral está moi perdido e abandoado.
Se non se inviste no monte, o que antes era un pasto agora é unha silveira, onde era unha silveira agora non se anda… O cabalo é un animal que come toxo, unha braña, é de boa boca… Axuda un pouco por ese lado, mantén os nosos montes.
-Que problemas vos atopades no voso día a día?
– As crías non saen adiante porque as come o lobo… Se non as come, mórdeas e acaban morrendo por infección, porque non é un cabalo de corte que teñas contigo todos os días e podas menciñar.
E as trabas administrativas cada vez son máis. Eu entendo que ten que haber un control e hai que ter unha serie de cousas, pero estamos falando de animais case salvaxes que tes que ter chipeados e co seu libro.
-Que futuro cres que ten o cabalo na Capelada?
– Espero que sexa próspero e bo. Esa é a miña esperanza, pero realmente, polo que falamos, non sei se lle quedan moitos anos, polo menos a estes niveis.
Antes había moitos propietarios con menos cabezas e agora hai moi poucos propietarios con máis cabezas, que amplían porque lles gusta. Pero que pasará cando eses propietarios non estean? Non hai relevo xeracional…
Un lado é o que eu desexo e outro lado é a vía pola que pode ir.
-En dúas palabras, que é a Rapa para vós?
Paixón, compañerismo. A paixón polas bestas e o compañeirismo da xente que as manexa… Se unha das dúas falla, non funciona, e son demasiados anos funcionando, o que demostra que esas dúas cousas están ben.
A maioría dos que vimos á rapa, vimos por axudar, por botar unha man e polo bo ambiente e bo rollo, por disfrutar con eses compañeiros… Que hai berros? Hai berros, pero en cinco minutos pasa todo. Ese calor e amizade entre todos é o que nos une e fai que funcione.
José Manuel Durán. Gandeiro e criador de cabalos
“O problema máis grave que temos é o lobo, mata arredor do 70% dos poldros que nacen”

José Manuel Durán.
– Fálanos do gando que tes na Capelada.
– Todos os gandeiros que temos animais aquí temos unha mezcla de gando vacún, cabalar, que ademais se complementan moi ben para manter o monte limpo. Os cabalos encárganse máis do mato como as brañas, os toxos… E esa herba que aparece nos espazos libres, pástana as vacas. Compleméntanse ben.
– Canto gando pode haber na Serra?
– Na Capelada hai 7 sociedades agrarias de transformación, que teñen un promedio de 50 cabezas de vacún cada unha. No monte libre, onde pastan os cabalos, pastan tamén unhas vacas mostrencas polo medio deles. En toda a serra, pode haber sobre 300 cabezas de gando cabalar e posiblemente 600 cabezas de gando vacún.
Hai moito máis vacún porque é moito máis rentable. Pero os cabalos tamén fan a súa labor porque son os encargados de manter os pastos libres e limpos.
-De onde che vén a afección polos cabalos?
– Eu creo que xa nacín con ela. Na miña casa houbo sempre cabalos, meu pai tiña cabalos, meus avós seguramente tamén, que non cheguei a coñecelos… Segue a tradición viva de todos os ancestros.
-Que dificultades atopades no manexo dos cabalos?
– As dificultades administrativas, unha delas é ter que microchipear aos animais, porque estamos falando de animais que case se pode dicir que son salvaxes. A non ser no momento da rapa, que é unha vez ao ano, están en total liberdade. Entón, ter que porlles un microchip e ter que ás veces pasar inspeccións en monte. E logo levar un libro… Son trámites que dan o seu traballo.
O seguinte problema é o lobo e o máis grave que temos… Preséntase na Capelada desde hai algo máis de 10 anos, ata daquela non houbera lobo aquí. Ao principio, dubidamos porque non sabiamos se era o lobo ou non… porque non houbera.
Pero a medida que pasou o tempo démonos de conta que sí que era o lobo. Van medrando porque non teñen depredadores de ningún tipo, cada vez hai máis, e agora aquí, na Capelada, contaremos con 2 ou 3 mandas de lobos, que se alimentan principalmente de poldros. Ao final, vannos deixar sen cabalos.
-Que beneficios cres que aporta o cabalo no monte?
– O maior beneficio que aporta é a loita contra os incendios, porque é un animal que pasta o que outros animais non pastan. Come o toxo, come as brañas… mantén o monte limpo e así medra a herba para que pasten as vacas, que son as que nos dan un pouco de beneficio económico.
-Que vos motiva a seguir esta tradición?
– Os que nacemos aquí e con isto, para nós é unha forma de vivir, pásalo ben, gústache, mantés a tradición e intentas que os teus fillos e netos que che seguen, que sigan mantendo a tradición. É como a quen lle gusta o fútbol ou outra cousa.
-Como ves o futuro dos cabalos na Capelada?
– O futuro píntoo negro polo lobo, é un animal que había que controlar. Non é que teña que desaparecer, porque ningunha especie de animal debe desaparecer, pero sí telo controlado. Ao non ter depredador de ningún tipo, hai unha superpoboación de lobo aquí agora mesmo, e é problemático.
Non sei de que maneira pero había que controlalo. Non se pode deixar criar a libre albedrío e que el acabe con outra especie como é o cabalo, porque acaba. Ao mellor, o 70% dos poldros que nacen mátaos… E iso ao final vai mermando e acaba co cabalo salvaxe.
Que nos axuden as administracións co tema do lobo porque a verdade é que nos desespera. É moi triste aos que nos gustan os cabalos, ir ao monte e que a besta teña un potriño e mañá o potriño xa non estea ou que estea mordido, que sabes que dentro dun par de días vai morrer cunha infección.
María Garrote. Besteira e colaboradora da Rapa
“Isto é a nosa vida, o noso entorno e os nosos cabalos necesítano”

María Garrote.
-Cóntanos como é o traballo que facedes os días previos á Rapa.
– Os días previos o que facemos é xuntar todos os rabaños de bestas. Isto é unha extensión moi grande de monte e cada rabaño está nun lugar, e o que temos que facer é xuntalos todos.
Para iso fai falla moita xente e coordinación, porque os cabalos, ao fin e ao cabo, teñen sentido común e van intentar sempre escaparse, porque a eles o que lles gusta é a liberdade.
Entre a maña e a experiencia, vamos levándoos e xuntándoos, na idea de coidalos. Desparasitamos, cortámoslles as crinas e controlamos que non haxa feridas, e se as hai, tratalas.
A desparasitación interna e externa é moi importante, tamén cortar as crinas para que non se lles enguedellen os bichos nelas. E todo hai que facelo un a un, a man, somos os homes e as mulleres quen o facemos, pola saúde deles.
-Cantos anos levas colaborando?
– Son unha socia máis, e este mundo é o meu mundo, levo desde pequena criada entre cabalos, porque é algo que me transmitiu meu pai e entón crieime entre eles, e sempre tivemos cabalos na casa. Respecto á Rapa da Capelada, viñen desde moi pequena, pero a verdade é que participar a este nivel, como agora, levo tres aniños.
-Que vos anima a seguir ano a ano?
– Porque nos gusta, porque é a nosa vida, porque o noso o entorno e os nosos cabalos o necesitan. Eles necesitan uns coidados e nós dámosllos, porque eles tamén nos dan beneficios a nós, coidan os nosos montes.
É a mellor prevención que hai para incendios, dannos crías, que nós coidamos, e dependendo das súas calidades, amansámolas, para que sexan futuras nais ou cabalos de montura, como os que vedes estes días traballando, para que sigan facendo equipo con nós.
-Que evolución ves na Rapa?
– A extensión a cubrir non cambia, sempre é a mesma, pero os cabalos van a menos. Agora mesmo temos unha cousa moi mala entre nós que é o lobo, e está acabando con todas as crías. Entón, se non hai crías, as bestas vellas van morrer e entón aí si que non hai xeración de animais que se quede no noso monte.
Sei que todos os animais teñen que convivir no monte, que todos fan falta, pero agora o problema é que estamos tendo demasiados animais dunha especie que prexudica a outra máis débil e acaba con ela.
Hai moito ecoloxista, pero non me vale o de despacho, senón o que vén ó monte e sabe de todas as especies, e sabe en que mundo nos movemos e onde está o punto para que haxa un equilibrio…
O vuitre tamén nos está afectando, en menor caso, pero isto é unha vía de paso para eles e claro, cando pasan por aquí, paran, e son carroñeros, téñense que alimentar e van polos animais máis débiles.
José Bouza. Integrante do grupo promotor da primeira Rapa
“Quen limpa os montes?. Os cabalos, se non fosen os cabalos non se daría entrado”

José Bouza.
– Como lembras os inicios da Rapa?
– Cando empezou, tiña 25 anos e levo 50 anos vindo tódolos anos. Daquela andaba a cabalo mellor ca hoxe, e penso que era un dos bos acurradores. Algúns xa faleceron. Quedan Claudio e Carlos, que son maiores ca min, deben ter 90, e logo son eu dos maiores que quedan.
Antes había moita máis xente dedicada aos cabalos, pero claro, a xente desanímase cos problemas que hai.
Lembro tamén que antes na Rapa comprábanche as crines, hoxe quedan aí tiradas. Facían colchóns con elas e usábanas para cepillos, brochas…
– Nos tempos de teus pais ou avós, non se facía Rapa?
– Estes curros son de despois. Antes rapaban pero cada un collía as súas bestas, levábanas para un corral e era onde se facía a rapa, pero era cada un as súas, practicamente, non había esta reunión que hai agora. Porque agora andan todas xuntas e reunímonos e facemos a Rapa.
-Desde que empezaches ti, como foi evolucionando nestes 50 anos?
– Foi evolucionando moito, pero cada vez perdes máis o humor porque co conto do lobo, que che mata os poldros… A nós o ano pasado matounos trinta e algo de potriños… Isto non sei que vai ser. E quen limpa os montes? Os cabalos, se non son os cabalos os montes serían un bosque que nin dios entraría por eles.
-Cantos cabalos da vosa casa tedes aquí?
– Eu non sei… Pasaremos dos 100 cabalos, entre os fillos e eu temos máis de cen. É algo que nos gusta, a xente disfruta cos cabaliños, é unha cousa bonita, a min isto encántame. E aos meus fillos tamén, aínda van comprar máis cabalos…
Son cabalos do país, agora vanse cruzando tamén con cabalo de fóra, pero normalmente é cabalo do país, que é o que se adapta mellor aquí no terreo, os outros aquí non aguantan. Teñen que ser nacidos aquí. Moitos viñeron de fóra pero comprados de montes como este.
-Que vos aportan os cabalos?
– A nivel particular pouco aportan porque mátaos o lobo. Antes si, que vendíanse, non che daban moito, pero igual 200-300 euros por potro. Axudábanche á vida.
-Que futuro lle ves ao cabalo na Capelada?
– Como non quiten o lobo, non lle vexo ningún futuro, acaban con eles. E xa digo, como falten os cabalos, o monte vai ser un bosque que vai arder todo.
Galego









Control OJD