Como cada ano, o Recinto Feiral de Amio (Santiago de Compostela), acolleu este 25 de xullo a Feira de Gando Equino, Asnal, Ovino e Caprino do Apóstolo. Nesta edición contabilizáronse un total de 394 animais: 196 cabalos e eguas para a vida, 158 eguas e cabalos para abasto; 31 burros e 9 reses de ovino.
En canto aos prezos medios, os cabalos e eguas para a vida conseguiron un valor medio por cabeza de 1.350 euros, mentres que no caso do gando para sacrificio situouse nos 1.500 euros. O prezo dos burros fixouse nos 850 euros de media e o do gando ovino foi de 120 euros.
O valor estimado do mercado ascendeu a 529.030 euros, dos que 501.600 euros corresponden ao valor das vendas de cabalos e eguas (264.300 euros procedentes de animais para a vida e 237.000 euros dos de abasto). As vendas de gando asnal supuxeron 26.350 euros e as de gando ovino foron de 1.080 euros.