Os Biosbardos, un proxecto centrado na agricultura rexenerativa

Esta pequena empresa naceu para ofrecer alimentos sans, saudables e ecolóxicos, e atópase inmersa en proxectos como os ecocomedores ou Leiriños Solidarios, unha iniciativa de apoio á economía social

Publicidade

Os Biosbardos-Cultura de Leira defínese como un proxecto de agricultura centrado nos principios da permacultura: agricultura permanente e sustentable, que propicia o deseño de contornas que reproducen patróns da natureza; o coidado da terra e as persoas, e a creación de ecosistemas agroforestais inspirados nos bosques coa finalidade de producir alimentos e conservar a natureza.

Miguel Ángel Roig, creador desta iniciativa, relata como foi o proceso para pasar dun traballo centrado na tecnoloxía ao campo. “Por cuestións da vida necesitaba un cambio e en 2019 decidín darlle vida a esta iniciativa. Asentámonos en Cambre porque na procura de terreos, apareceron unhas 5 hectáreas dunha herdanza e aproveitei a oportunidade para emprender”, explica Roig.

Desde un primeiro momento tiveron claro que o proxecto debía estar certificado en ecolóxico e formar parte do sistema de certificación, “de maneira que ofreza unha garantía e seguridade de cara ao consumidor posto que hai un organismo que auditoría o que facemos”. Conxuntamente coa permacultura, logran unha iniciativa de agricultura certificada en ecolóxico e, ademais, sustentable a medio e longo prazo.

Cada vez hai máis interese por comer ben, san, ecolóxico e coñecer a trazabilidade do que leva á boca

Nese mesmo sentido, o profesional destaca que actualmente viven catro persoas desta iniciativa, as cales traballan a tempo completo en Os Biosbardos. Atópanse nun punto de inflexión, “xa que logramos, ademais da sustentabilidade ambiental, a sustentabilidade económica”.

Procesos rexenerativos para obter alimentos sans
Os tres alicerces nos que se basea Os Biosbardos son: a innovación, a difusión e a colaboración. A innovación porque “é algo que levo nas veas” e destaca a importancia de achegar innovación tecnolóxica para todo o proceso de produción. A difusión pola necesidade de divulgar o que realizan a través deste proxecto. Finalmente, a colaboración porque “para que haxa futuro no rural, hai que crear sinerxías e asociarse, buscar iniciativas e reinventarse”.

Con estes alicerces, asentaron a iniciativa que busca ofrecer unha alimentación saudable, sa e ecolóxica. “Realizamos xornadas de portas abertas e observamos que hai un perfil de persoas que se interesa polo mesmo: xente que busca comer ben, san, ecolóxico e coñecer a trazabilidade do que comen”, describe o emprendedor. Por iso, Roig formouse e informouse para poder traballar “da mellor maneira a terra e ofrecer este tipo de produtos”.

Nos procesos céntranse en rexenerar o chan e buscan que estea en “perfectas condicións”, de maneira que o propio chan alimente as plantas e as protexa contra pragas. Non empregan ningún produto de síntese química, posto que contan co certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega). Roig confesa que os resultados que obteñen “traen beneficios a longo prazo”.

Ofrecen descontos aos clientes que compran directamente nas súas leiras para evitar a loxística de envío

Venda online
Os produtos que se poden atopar en Os Biosbardos son 100 % orgánicos e proveñen de horta agroecolóxica. Contan con variedades tanto autóctonas como propias seleccionadas, traballando de forma consciente da man coa biodiversidade e respectando o ciclo anual de cada variedade. Desta maneira, cultivando hortalizas de tempada, conseguen conservar todo o seu sabor e frescura, mantendo as súas propiedades nutricionais, ademais das calidades organolépticas.

Nestes momentos, pódese atopar desde cabaza, col kale, tomates, millo, repolos, brécol, coliflor ou espinacas de Nova Zelandia, entre outras froitas e verduras, e en cada un destes produtos indícase a tempada na que están dispoñible. En definitiva, en Os Biosbardos hai unha horta variada e de tempada. Á parte, traballan plantacións de aguacates, de maceiras e de froiteiras variados que se dean ben na zona.

Para poder adquirir estes produtos pódese realizar un pedido a través da web e tamén se atopan dispoñibles nalgunhas tendas de barrio. Precisa que ofrecen un desconto para incentivar as compras nas propias leiras e “así axilizamos os trámites loxísticos”.

Tamén traballan con restaurantes e forman parte da Reserva da Biosfera “e como unha iniciativa dentro disto, estamos no proxecto ecocomedores, que consiste en prover de alimentos de calidade, ecolóxicos e de proximidade a quilómetro cero á rede de colexios que están na nosa contorna”, indica Roig.

Leiriños Solidarios, unha iniciativa de apoio á economía social

Miguel Ángel Roig, impulsor de Os Biosbardos, durante o Foro Sustentable

Miguel Ángel Roig, impulsor de Os Biosbardos, durante o Foro Sustentable

Co obxectivo de profundar e crear sinerxías, Roig tamén lanzou o proxecto Leiriños Solidarios. Trátase dunha iniciativa de apoio á economía social, “de maneira que as empresas poden canalizar os seus fondos de responsabilidade social corporativa ou empresarial a través desta proposta”. É dicir, colaboran con ONG’s ás que as entidades doan unha cantidade de diñeiro, o que permite axudar á causa social da organización e tamén potenciar o hub agroecológico.

En concreto, trátase dun tipo de aluguer dunha pequena parcela, pero que desde Os Biosbardos cultivan e coidan, “aínda que se queren poden vir os propios arrendatarios”. Dispoñen dun bancal modular agroecolóxico de 7m2 cun coste fixo anual. Contan con agricultores que forman parte do seu hub e nas “leiriñas” cultivan esa parte proporcional da doazón realizada pola entidade”, describe.

Engade que a produción que se xera na leira, posteriormente destínase a un axente social. “Desta maneira evitamos que as doazóns sempre vaian para o mesmo, facer plantacións no Amazonas, que está ben, e así focalizalas a un proxecto local e que necesita un grande impulso”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información