As principais guías de alimentación, a Fundación Española da Nutrición (FEN) e expertos de referencia do ámbito médico, nutricional e científico téñeno claro. Deben tomarse unha media de tres lácteos ao día para garantir unha dieta equilibrada e saudable, como a mediterránea ou a atlántica, acompañada de hábitos de vida activos onde non pode faltar a práctica de exercicio regular.
As nosas dietas de toda a vida caracterizábanse por incluír unha gran variedade de alimentos, como froitas, verduras, peixe e carne en doses adecuadas, legumes, aceite de oliva virxe extra e, por suposto, lácteos como o leite, o queixo ou o iogur.
Pero é imprescindible tomar estes últimos ou podemos eludilos? Para Rosaura Leis, catedrática da Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, “facer unha restrición alimentaria na nosa dieta non é baladí, xa que supón cambios no patrón alimentario e pode representar un risco nutricional importante”.
A evidencia científica recomenda tomar unha media de tres lácteos ao día durante toda a vida, reitera esta investigadora principal do grupo de Nutrición Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; membro do Ciber de Obesidade; presidenta da Fundación Española da Nutrición (FEN) e do Comité de Nutrición e Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría.
De feito, estes alimentos proporcionan unha inxesta de macro e micronutrientes que axudan a cumprir as recomendacións para unha boa saúde. Son a principal fonte de calcio, pero tamén de vitaminas liposolubles, proteínas de alto valor biolóxico e compoñentes bioactivos, entre outros, apostila a prestixiosa catedrática.
Unha ración de leite equivale a 200-250 mililitros (unha cunca ou vaso), mentres que a ración de iogur sitúase nos 250 gramos (2 iogures). Respecto dos queixos, a porción de semicurado ou curado recomendada rolda os 30 gramos e, a de queixo fresco chega até os 60 gramos.
Rosa María Ortega, referente indiscutible en España no campo da nutrición e a ciencia dos Alimentos (catedrática de Nutrición e Ciencia dos Alimentos, da Facultade de Farmacia, Universidade Complutense de Madrid) advertiu, pola súa banda, que máis dun 75% dos individuos teñen inxestas de calcio inferiores ás recomendadas, e dado que máis do 50% do calcio da dieta provén de lácteos, “aumentar o seu consumo é recomendable”.
Segundo indicou Ortega, os lácteos son alimentos de elevado valor nutricional e útiles no contexto dunha alimentación correcta. “O consumo de leite e lácteos, na cantidade aconsellada nas Guías de Alimentación nacionais e Internacionais é de gran axuda na mellora nutricional e sanitaria de individuos e colectivos”, argumenta.
O consumo aconsellado de alimentos lácteos é de entre dúas e catro racións (de aí, a media recomendada de 3 ao día). As maiores racións (3 ou 4) corresponderán cos grupos que teñen as necesidades de calcio máis elevadas como adolescentes, embarazadas, durante a lactación, en idades avanzada e para os deportistas. E, a posibilidade de alternar o consumo de diversos alimentos como leite, iogur, queixo facilita alcanzar ese consumo aconsellado toda a vida.