O acordo asinado hai tres semanas entre produtores, industria e distribución para mellorar o prezo en orixe dos animais amparados baixo a IXP Ternera Gallega non está a dar os froitos agardados no curto prazo.
Desde Unións Agrarias, promotores da iniciativa, esperaban unha suba inmediata próxima a un euro en quilo, que queda moi lonxe do que se está a dar na práctica, cun incremento desigual en función do comprador e que no mellor dos casos se aproxima aos 40 céntimos.
A carne de Suprema subiu entre 20 e 30 céntimos e a convencional entre 10 e 15, moi por debaixo das expectativas creadas
Os produtores insisten en que esa mellora é insuficiente para cubrir a alza nos custos de produción do último ano, cun último episodio este mesmo mes coa suba do penso como consecuencia da guerra en Ucraína, e non están dispostos a deixar pasar a oportunidade que brinda a sinatura do protocolo, que foi subscrito por primeira vez por todos os elos da cadea, para mudar o sistema de comercialización da carne de calidade galega, coa vista posta fóra das nosas fronteiras.
A Xunta traballa xa na elaboración do estudo de custos para establecer o prezo mínimo por debaixo do cal non se poderá pagar ás explotacións
Mentres se dá saída ao atasco habitual de animais dos meses de febreiro e marzo, incrementado este ano como consecuencia do paro do transporte, a Consellería traballa xa na elaboración do Estudo de Custos que debe marcar a liña vermella por debaixo da cal, segundo establece a Lei da Cadea, non se pode pagar ás explotacións.
Existe certa sensación de compás de espera no sector, agardando que a posta en marcha por parte da Xunta das medidas contempladas no acordo (AICA galega e Observatorio de custos) sirva para rachar definitivamente as reticencias de determinados matadoiros e cadeas de supermercados a subir os prezos, neste momento sobre todo por parte de Novafrigsa e de Vegalsa-Eroski, según apuntan desde parte del sector.
“É fundamental vender a carne de Suprema fóra de Galicia e Novafrigsa ten aí unha oportunidade”
José Ramón González é o responsable de gandería extensiva de UUAA e unha das persoas que negociou o acordo subscrito cos matadoiros e as cadeas de supermercados. “Estamos satisfeitos polo acordo e ao mesmo tempo recelosos porque intuímos unha resistencia a cumprilo por parte dalgunhas das persoas que o asinaron”, admite.
Con todo, di ser “optimista” porque “se alguén se senta na mesa e asina un acordo é para cumprilo, non para reventalo”, considera. José Ramón explica que “algunhas industrias anunciaron subas de entre 20 e 50 céntimos” e pensa que todas elas van ir incrementando prezos a medida que pasen as semanas e se implementen a totalidade das medidas establecidas.
“O acordo vai ser fructífero. Falta que a Xunta cumpra agora os seus compromisos, o observatorio de prezos e o estudo de custos porque esas son as ferramentas fundamentais que garantirán que o acordo se cumpra”, explica.
Horizonte favorable
Ademais, argumenta, “imos entrar nuns meses bos para a comercialización e a situación fóra de Galicia tamén axuda porque hai prezos altos”. “Febreiro e marzo xa os pasamos; o horizonte agora é máis favorable de cara ao verán e temos aínda tempo para que a campaña de promoción da carne galega que vai poñer en marcha a Xunta funcione”, di.
A situación do mercado fóra de Galicia tamén axuda porque hai prezos altos
Sin embargo, asegura, “neste momento hai aínda stock de becerros de Suprema polo exceso de produción habitual dos meses de febreiro e marzo e o peche da industria durante a folga do transporte tampouco axudou”, afirma.
Cambio estrutural
Para o responsable do sector de vacún de carne de UUAA, a posta en marcha do acordo asinado entre produtores, matadoiros e supermercados ten que levar a “un cambio estrutural”. “Temos que cambiar a comercialización da Ternera Gallega por completo. Arrastramos un problema e é que se nos meteu na cabeza vender a carne galega en Galicia, cando o que hai que facer é sacala fóra”, defende.
“A Ternera Gallega é a carne con máis prestixio para o consumidor en España e iso hai que aproveitalo. Agora mesmo estamos posicionados en prezo coa nosa carne nos liñais dos supermercados ao lado da carne de importación, un produto de moita menos calidade, e mesmo hai cadeas que usan a carne galega como produto reclamo. Cambiar iso é unha decisión empresarial”, asegura.
Se Novafrigsa non aposta pola calidade, vai haber empresas que o aproveiten
Neste sentido, José Ramón está convencido de que “Novafrigsa vai reflexionar porque ten a oportunidade de darse a coñecer en toda España como referente da carne galega de calidade, xa que o resto de industrias teñen menos capacidade para vender fóra de Galicia porque teñen menos volume e infraestrutura e non contan cunha rede potente de comercialización”.
O cambio recente no Regulamento da IXP Ternera Gallega para permitir o despece das canais fóra da nosa comunidade abre a porta tamén a que outras empresas de fóra de Galicia poidan estar interesadas en vender a nosa carne noutros destinos. “Se Novafrigsa non aposta pola calidade, vai haber empresas que o aproveiten”, di.
“Isto é como vender viño xenérico a granel ou viño embotellado con denominación de orixe. Temos un produto diferencial que é a nosa carne de Suprema, pero agora é como ter un viño de 50€ e vendelo no menú do día de 10€”, compara.
“O acordo, de momento, está a ser papel mollado”
Os máis prexudicados pola situación de baixos prezos que se arrastran desde o confinamento están a ser os becerros de Suprema e os seus produtores están a ser tamén os máis reivindicativos.
Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, insiste en que “de momento o acordo está a ser papel mollado e non está a cumprirse”. “O único que se aproxima é o matadoiro de Baixo Miño, que está pagando pola Mesa de Prezos os animais postos alí nas súas instalacións, pero se ten que facer a recollida xa rebaixa ese prezo en 20 céntimos cando carga menos de 5 becerros; 15 céntimos de 5 a 10 animais e 10 céntimos con máis de 10 xatos”, detalla. “Ese sistema marxínanos ás explotacións pequenas”, evidencia.
O resto de matadoiros, di, “non fai caso á Mesa de Prezos”, con subas inferiores ás marcadas como referencia. Novafrigsa, por exemplo, que é a que máis gando sacrifica, subiu só 25 céntimos con respecto ás semanas anteriores.
De nada vale darlle outra subida á Mesa de Prezos se ninguén a cumpre
A Mesa de Prezos de Amio, de referencia para a carne con IXP, decidiu este mércores manter os prezos da semana pasada, na que establecera unha suba en todas as categorías de ata 50 céntimos. “Nós estamos na Mesa de Ternera Gallega e decidimos manter os mesmos prezos da semana pasada para ver se a xente se anima a cubrir polo menos o que se pon, porque de nada vale darlle outra subida se ninguén a cumpre”, lamenta o presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
Compás de espera polo Estudo de Custos
Os produtores de Suprema, que asinaron o acordo, presionan para que se cumpra e xa advirten de que “se non cambia isto rapidamente de rumbo teremos que volver facer mobilizacións”. “Tendemos a man e firmamos o acordo como un voto de confianza. Agora estamos á expectativa de que saia o cálculo dos custes de produción por parte da Xunta, estamos nese compás de espera”, din.
Se non cambia isto rapidamente de rumbo teremos que volver facer mobilizacións
A Fundación Juana de Vega está a recoller xa datos nas ganderías para establecer o que custa producir un quilo de carne. “Para a semana que vén ou como moito nun prazo de 15 días debería estar rematado”, reclama Santiago, que considera que será “un estudo fiable ao que é a realidade”. “A nosa asociación participa nese traballo que está a facer con varias ganderías. Este tipo de explotacións de carne somos bastante uniformes, pero aínda así colléronse ganderías de distintas zonas e tamaños para que a mostra fose representativa”, detalla.
Axudas discriminatorias para o sector da carne
Para paliar o encarecemento dos custos de produción ao que están a facer fronte as ganderías vén de habilitarse unha liña de axudas por parte do Ministerio, vía fondos europeos, ás que terán dereito tanto as explotacións de vacún de leite como as de carne, pero con contías diferenciadas.
A axuda de 55 euros por vaca nodriza parécenos insuficiente, queremos que se nos iguale aos gandeiros de carne cos de leite
Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema consideran “discriminatorio” o reparto. “Xa fixemos chegar o noso malestar ao conselleiro pola axuda de 55 euros por vaca nodriza que estableceron desde o Ministerio, parécenos unha falta de respecto aos gandeiros de carne pola gran diferenza que hai cos de leite. Estamos esperando a ver cal é a partida que aporta a Xunta para incrementar esa axuda, para que sexa polo menos como as do leite, porque menos non sería xusto. Nós non temos nada en contra de que cobren 210 euros por vaca as explotacións de leite, pero o que non podemos é cobrar menos as de carne, porque o sector da carne necesita eses cartos con máis urxencia aínda, xa que aos gandeiros de leite revalorizóuselles o prezo nos contratos asinados esta primavera pero a nós o prezo da carne non”, argumenta Santiago.
“Para que o prezo suba hai que contar co consumidor”
Ramón Álvarez ten un cebadoiro en Sober e forma parte de Proterga, a cooperativa que aglutina aos cebadoiros de Ternera Gallega da provincia de Lugo. Estivo presente o día 28 de marzo na sinatura do acordo en Santiago e considera que “existe unha predisposición extraordinaria de todas as partes para revalorizar o prezo da carne” pero matiza que ese obxectivo é difícil de conseguir “dun día para outro”.
“Hai que darlle tempo, unha marxe de tempo mínima e non afogar nun vaso de auga á primeira de cambio. Ogallá a subida fora máis rápida e canto máis mellor, pero sendo sensatos, subir 1 euro de golpe paréceme imposible. É moito máis factible logralo de maneira escalonada de aquí ao verán porque o consumo tamén axuda e os acordos están ben, pero a oferta e a demanda é a que manda ao final”, razoa.
Ao acordo hai que darlle tempo, non afogar nun vaso de auga
Por iso, di, “hai que contar co consumidor, porque se trata dun produto perecedoiro e sumamente delicado e a situación económica é a que é e o prezo que se estableza ten que haber quen o pague, ten que acompañar o mercado”, engade.
O parón da folga do transporte inflúe
Ramón lembra que nesta época do ano sempre hai “certo atasco” á hora de saír os animais dos cebadoiros pola acumulación de gando de Suprema (becerros nados nas explotacións nos meses de abril e maio que se comercializan en febreiro e marzo do ano seguinte) e di que a esta situación estrutural da produción de carne en Galicia engadiuse este ano o paro do transporte.
Cómpre un mes para volver á normalidade e ir sacando o gando acumulado
“A folga non axudou nada. Cómpre un mes para volver á normalidade e ir sacando o gando acumulado para que os efectos do acordo asinado se poidan ir notando nos prezos”, considera.
No seu caso, esta semana non cargou animais e os 5 que sacou a semana pasada, todos da categoría R de Ternera Gallega convencional, fixérono a 4,50€/quilo, cunha suba de tan só 5 céntimos que non considera representativa.
Cadrar os números
Aínda que Ramón é partidario de ter un pouco de paciencia para comprobar a efectividade do acordo, recoñece que a situación é crítica. “Cando me sento na oficina e me poño a facer os números quedo descolocado, non ves maneira de cadralos”, di.
O penso representa xa máis do 60% do noso custo de produción, cando tiña que ser como moito o 40%
Os cebadoiros son moi dependentes dos insumos externos e non teñen forma de mitigar os custos de alimentación do gando, como poden facer en certa medida as ganderías de vacas nodrizas por medio do pasto nesta época do ano ou do silo de herba e a herba seca no inverno.
A palla e os cereais, que son a base da alimentación dos xatos nos cebadoiros (un becerro pode chegar a comer 1.500 kilos de penso), non deixaron de subir no último ano, ao que se engadiu un novo repunte como consecuencia da guerra en Ucraína.
Está claro que nesta situación ou sobe o prezo da carne ou lévanos á ruína
“O penso subiu outros 30€/tonelada este mes e din que aínda pode haber máis subidas. Estaba o ano pasado a 240€/tonelada e está agora a 380. E o leite en po para os becerros pequenos subiu tamén 1€ en kilo. No noso caso neste momento o gasto en concentrado pode estar representando entre o 60 e o 70% do custo de produción, cando tiña que ser como moito o 40%”, detalla.
Ás subas da alimentación do gando súmase a do gasóleo e a electricidade. Alroma SC conta con separador para o purín que producen os becerros e a factura da luz triplicouse nos últimos meses. “Está claro que nesta situación ou sobe o prezo da carne ou lévanos á ruína”, conclúe.