Os becerros carniceiros alcanzan o maior prezo en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou esta mañá o maior prezo medio da súa historia na categoría de becerros carniceiros, con 1.273,08 euros

Os becerros carniceiros alcanzan o maior prezo en Silleda

Na mañá de hoxe tivo lugar unha nova sesión da poxa na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, na que se conseguiu unha nova marca. Nesta ocasión, alcanzouse o maior prezo medio da súa historia na categoría de becerros carniceiros, con 1.273,08 euros (a anterior marca estaba nos 1.210,46 euros, rexistrados o pasado 23 de xullo).

Segundo indican, o prezo medio foi favorecido por unha alza de prezos derivada da escaseza deste tipo de animais para consumo ante a súa alta exportación a países do Magreb.

En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe asistiron un total de 1.110 animais, dos cales foron adxudicados 1.049.

Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 140 euros, 31 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 205 euros, cun incremento de 41 euros, e os de máis de 50 días a 251 euros (+44 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 428 euros (+41 euros), mentres que as femias vendéronse a 305 euros (+51 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 495 euros (+32 euros) e as femias subiron 22 euros e quedaron en 356 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 707 euros (+82 euros) e as femias de 430 euros (-14 euros).

Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 91 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.309 euros; as femias subiron até os 1.143 euros (+134). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.417 euros de media os machos, o que supón unha subida de 100 euros e que as femias incrementaron o seu valor medio en 184 euros, até os 1.213 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron 107 euros o seu valor e fixan unha media de 1.399 euros por animal.

15_10_2024_page-0001

No vacún maior houbo suba nas categorías extra, de 30 euros e fixando un valor medio de 2.204 euros, e primeira, cun incremento de 2 euros, alcanzando un prezo de saída de 1.145 euros. Na categoría segunda, o prezo caeu até os 762 euros (-38) e na de refugallo baixou 182 euros, até os 300 euros. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia baixaron o seu valor medio 173 euros, alcanzando un prezo de saída de 1.455 euros.

Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan baixadas con respecto á pasada semana. Así, houbo un descenso de 0,30 no selecto (1,645) e no normal (1,62); mentres que no de canle II a caída foi de 0,39 (2,104. O de desvieje queda igual: 0,76/0,82.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros; ambos presentan unha baixada de 1 euro.

O mercado do ovo, pola contra, presenta subas de 0,4 en todos os tamaños: os da XL cotizáronse a 3,05; os da L a 2,45; os da M a 2,12 e os da S a 1,83 euros.

O prezo do coello sobe 0,1 e está nos 2,5 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

15_10_2024_page-0002

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información