Os avisos por velutina descenden á metade con respecto ao ano pasado

O teléfono 012 recibiu 23.454 chamadas até o 31 de outubro, fronte ás 56.598 contabilizadas no 2023. A campaña de trampeo en primavera levada a cabo por Seaga logrou capturar 113.274 raíñas en 20.545 trampas colocadas por toda Galicia

Luisa Piñeiro, durante a súa intervención no Simposio celebrado en Chantada, onde aportou os datos deste ano

Luisa Piñeiro, durante a súa intervención no Simposio celebrado en Chantada, onde aportou os datos deste ano

Os datos oficiais confirman que este ano non foi favorable para a vespa velutina, que sufriu un retroceso en todo o territorio galego. A empresa pública Seaga, que ten encomendado o control da praga e a retirada dos niños, recibiu até o 31 de outubro un total de 23.454 avisos, fronte aos 56.598 contabilizados o ano pasado, segundo detallou este sábado a súa xerente, Luisa Piñeiro, no Simposio Internacional sobre velutina celebrado en Chantada.

Dos case 23.500 avisos recibidos, foron atendidos un total de 20.000. Nun 15% dos avisos recibidos, non se trataba de niños de velutina. “Hai un gran número de avisos que non son de velutina”, recoñeceu a xerente de Seaga.

Simposio Internacional velutina AGA Chantada datos 2024 1Dos 20.000 niños sobre os que se actuou, 6.626 foron retirados e 7.591 neutralizados mediante o lanzamento de perdigóns envelenados. No resto dos casos, ou ben o aviso estaba duplicado ou o niño xa inactivo, ou ben non se puido actuar por atoparse no entorno de cauces fluviais ou a unha distancia inaccesible.

Dos 20.000 niños sobre os que se actuou, 6.626 foron retirados e 7.591 neutralizados con perdigóns

Por provincias, A Coruña (8.862 niños) e Pontevedra (6.029) foron nas que máis avisos foron atendidos este ano, mentres que Lugo e Ourense, con 2.585 e 2.544 avisos, manteñen un nivel de incidencia inferior. “A parte oriental de Lugo e Ourense son as zonas de Galicia onde menos avisos se recollen”, indicou Luisa, que recoñeceu que esta realidade ten relación directa co grao de despoboamento destas áreas de montaña.  

Simposio Internacional velutina AGA Chantada datos 2024 2Nos últimos 5 anos (2020-2024), a poboación galega deu 191.000 avisos ao 012 por niños de velutina, cunha media de case 42.500 avisos por ano que foi amplamente superada en 2023 e que se atopa por debaixo neste 2024.

Este ano o ciclo da velutina vén máis tardío: deixou sacar o mel pero está empezando a asediar os colmenares

“Houbo moitísima menos actividade desta especie sobre o territorio este ano e débese a dous factores: a climatoloxía e o trampeo realizado por toda Galicia”, asegurou a xerente de Seaga. Os maiores descensos déronse en Lugo e Ourense. “Lugo este ano ten os mellores resultados desde o 2020; o número de avisos deste 2024 é tres veces menor que o do ano pasado: 2.711 este ano fronte aos 8.955 do 2023”, detallou.

Agosto volveu ser o mes con maior actividade na retirada de niños (6.424 avisos), fronte aos máis de 4.000 dos meses de xullo, setembro e outubro. A actividade mantense alta en novembro, xa que o ciclo da velutina este ano vén máis tardío e ao caer a folla das árbores nas que se atopan vense máis os niños.

Campaña de trampeo primaveral

Simposio Internacional velutina AGA Chantada datos 2024 3Tras verse sobrepasada no ano 2023, onde de acumularon retrasos de tres semanas á hora de atender os avisos, a Xunta optou por primeira vez neste 2024 por realizar unha campaña de trampeo primaveral para a captura de raíñas fundadoras de novos niños no momento da súa saída da hibernación, cando precisan andar na procura de comida e de material co que confeccionar os niños embrionarios e primarios.

Tan só 3 concellos colaboraron na campaña de trampeo posta en marcha pola Xunta

A xerente de Seaga aportou os datos da campaña realizada, na que se colocaron un total de 20.545 trampas, que capturaron en conxunto un total de 113.274 raíñas. Na colocación das trampas, ademais do persoal contratado por parte da empresa pública, colaboraron as brigadas forestais da Conssellería do Medio Rural e as asociacións de apicultores, pero tan só 3 Concellos.

Foi un trampeo xeolocalizado sobre o territorio, selectivo e controlado

Luisa Piñeiro defendeu a utilidade do trampeo realizado, valorando aspectos como a protección doutras especies. “Este trampeo contaba coa autorización da Consellería de Medio Ambiente; o noso obxectivo era facer algo que non prexudicara á biodiversidade. Por iso foi un trampeo moi selectivo e moi controlado, non foi un trampeo masivo ao chou, senón que os lugares de colocación das trampas estaban prefixados en función dos lugares onde se retiraran niños o ano anterior”, explicou.

“Estamos agardando a ser convocados á Comisión de Seguemento; temos moito que aportar”

José María Bello, intervindo xunto aos veterinarios de AGA Joaquín Lozano e Gonzalo Calvo

José María Bello, intervindo xunto aos veterinarios de AGA Joaquín Lozano e Gonzalo Calvo

O Simposio Internacional sobre a loita contra a velutina celebrado o sábado en Chantada foi organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), que incide na necesidade de manter e perfeccionar a campaña de trampeo iniciada este ano.

Para iso, esperan ser incluídos pola Xunta á Comisión de Seguemento prevista para analizar os datos desta campaña. “Estamos agardando a ser convocados; temos moito que aportar”, asegura José María Bello. “Semella que o Goberno galego se está a tomar a cousa máis en serio e é máis receptivo”, engade. 

O trampeo foi iniciado este ano de maneira tardía e con deficiencias: modelo de trampas escollido, lugar de colocacón e mantemento realizado

“Este ano a campaña de trampeo tivo eivas, pero é un gran paso que se accedera por parte da Administración a facela”, recoñece. “Pero hai que perfeccionala, existe aínda moita marxe de mellora e seguimos tropezando na mesma pedra, porque non se toma en consideración a experiencia que nisto temos os apicultores. Ningún de nós teriamos colocado eses modelos de trampas porque non son as máis eficientes”, di.

Hai que valorar que se deu un paso, pero hai que melloralo

Despois das probas realizadas na comarca do Morrazo, decántase polo modelo antigo de Avispaclac, o tipo de trampa repartido durante anos pola Consellería do Medio Rural. “Mellora substancialmente a eficacia das capturas, porque cando a temperatura se eleva acelérase a fermentación e o reclamo funciona mellor”, insiste.

Aínda que tamén por iso, advirte, “é unha trampa que require máis mantemento”. “Ao principio, a finais de febreiro e primeira quincena de marzo, pode estar 25 días, pero logo  o período de mantemento redúcese a 4-5 días cando a temperatura diúrna ascende. Con temperaturas superiores a 22 ou 25 grados é conveniente retirala a zonas de semisombra para evitar que o sol incida directamente nela nas horas centrais do día e degrade o atraínte”, recomenda Chema.

O modelo de trampa colocado non é o adecuado e o atraínte utilizado tampouco

Ao igual que o modelo de trampa colocado non foi o adecuado, o atraínte utilizado tampouco. “Os líquidos comerciais que se usaron non son os apropiados”, di. El recomenda unha mestura de zume de arandos (400 ml), azucre (150 gr) e levadura (12 gr). “Por cada trampa a cantidade de atraínte necesaria sería a equivalente a 3 vasos de iogur de zume, 1 vaso de azucre e media pastilla de levadura”, detalla.

“É mellor poñer menos trampas e atendelas mellor”

O lugar de colocación da trampa e o seu mantemento, tamén son dous factores fundamentais para a súa eficacia. “É mellor poñer menos trampas e atendelas mellor. Nós na comarca do Morrazo con 400 trampas colliamos 20.000 raíñas, con medias de entre 40 e 60 raíñas por trampa; mentres que as medias da campaña de Seaga deste ano son de 5 velutinas por trampa”, compara.

Hai que ter moi claro cando hai que poñer as trampas en cada punto do territorio e ter unha previsión de cando hai que facer o mantemento. Non é o mesmo colocala nas comarcas das Rías Baixas que na Mariña, aínda que sexan os dous lugares costeiros, e non é o mesmo colocar unha trampa en Lalín que en Bandeira, aínda que estean ao lado, porque hai condicionantes locais que varían moito”, salienta.

Por iso recomenda botar man de Meteogalicia, xa que “pode facer un traballo de apoio a Seaga para indicar en que lugares se está ofrecendo xa o punto de partida para a colocación das trampas, a partir de 11 graos de temperatura mínima.

É necesario maior grao de formación e capacitación do persoal que vai facer o trampeo

“O trampeo é unha cuestión moi complexa”, asegura Chema. Por iso, di, “é necesario maior grao de formación e capacitación do persoal que o vai facer”. “Non é o mesmo colocar a trampa nun salgueiro ou nunha alambrada detrás dun contedor do lixo que nun camelio en flor que ao mellor está ao lado, aínda que non todos os camelios valen. A do salgueiro collerá 10 velutinas en toda a campaña e a do camelio xuntará 50 ou 60 capturas”, exemplifica.

“O que ocorre este ano é unha ilusión”

Desde AGA piden á Administración que non baixe a garda pola menor incidencia da velutina este ano, xa que advirten: “O que ocorre este ano é unha ilusión e se non se toman medidas nun ou dous anos estaremos de novo nas mesmas”, afirma o veterinario Joaquín Lozano.

O seu compañeiro Gonzalo Calvo pide combinar distintos métodos de loita, como o trampeo en primavera e o envío de troianos no verán. “O verdadeiramente eficaz é o control remoto nas súas distintas variantes”, asegura.

“O noso territorio é tremendamente favorable para a expansión da especie por varios factores: o primeiro a climatoloxía, tanto as condicións de temperatura como de humidade; e o segundo pola despoboación e a baixa densidade de poboación. Onde menos avisos hai é precisamente onde menos poboación hai; non é que alí non haxa velutina, senón que o que non hai son ollos que a vexan. Neses lugares a velutina campa ás súas anchas”, di Chema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información