“Os asesores somos como a muller no rural: traballamos de maneira silenciosa pero somos esenciais para que todo funcione”

A inquedanza dun grupo de persoas que traballan no agro galego deu lugar á constitución, en setembro do ano pasado, da Asociación de Asesores Rurais de Galicia. Entrevistamos á súa presidenta, Elena Piñeiro, para falar dos obxectivos da asociación e dos problemas e horizontes do sector agrogandeiro galego

Asociación Asesores Rurais Elena Piñeiro2María Elena Piñeiro Sotelo (Cangas do Morrazo, 1968) pasou do mar á terra. Na súa infancia non houbo vacas (vén dunha familia de mariñeiros), pero hoxe non podería vivir sen elas. É enxeñeira técnica agrícola e leva 30 anos traballando no sector leiteiro na provincia de Lugo, axudando ás explotacións gandeiras a modernizarse e profesionalizarse, polo que viviu de primeira man a gran transformación que sufriu o sector produtivo nas últimas décadas. Declárase namorada do rural e fala del con entusiasmo.

– Como acaba entre vacas alguén de Cangas do Morrazo?
– Cheguei a Lugo para estudar Enxeñeira Técnica Agrícola na rama de Industrias Agrolimentarias, coa idea de dedicarme profesionalmente aos sectores que coñecía: as conservas ou o viño.

Ao finalizar a carreira, a miña visión xa era diferente, e grazas a unha beca do Igape comecei a traballar en Trabada, nunha cooperativa gandeira, o que me axudou a coñecer en profundade o agro lucense. Aí comezou a miña labor de asesoramento en explotacións agrarias, con 63 granxas como clientes e amigos.

A miña experiencia laboral comezou poñendo en marcha unha cooperativa de servizos en Trabada, Xestravia, e unha de envasado de leite pasteurizado, O Paleira

No ano 1998, cando nace o meu primeiro fillo, tiven a necesidade de conciliar a vida persoal e laboral, polo que decidín dedicarme á profesión libre. Nestes anos estábase a xestar a grande transformación  que se produciu nas explotacións agrarias galegas.

As cotas lácteas, a xubilación anticipada dos gandeiros, a incorporación de mozos,  a creación de asociacións de explotacións  mediante a constitución de SATs e a modernización e  transformación das explotacións tradicionais foron desde entón os piares fundamentais do meu traballo.

– Estás describindo toda unha reconversión do sector leiteiro galego
– É certo. Por poñerche un exemplo, cando empecei no ano 1998 o proxecto máis grande no que participei era dunha granxa con 70 vacas. Hoxe a maior parte dos meus clientes teñen entre 200 e 300 animais. É necesario, porque se ti queres que os rapaces novos poidan quedarse no campo teñen que ter unhas condicións de vida equiparables ás que teñen os seus compañeiros da cidade.

E para iso as explotacións teñen que ser rendibles e ter unha economía saneada, pero tamén ter libranzas e descansos, polo que as explotacións teñen que estar ben dimensionadas. Na miña traxectoria profesional, traballei no asesoramento para executar preto de 50 fusións de ganderías. Nesas granxas, en todas se incorporou xente moza porque ven que nese modelo de vida no rural poden librar as fins de semana e ter un mes de vacacións, igual que noutros traballos.

–  Como asesora rural, cales son, ao teu xuízo, os problemas actuais aos que se enfrontan as explotacións gandeiras en Galicia, especialmente as de leite?
– Agora hai un problema evidente de cálculo de custos de produción e do prezo de venta. Dende a Consellería de Medio Rural sacaron o programa da Conta Láctea, que resulta moi interesante para ver a rendibilidade das explotacións gandeiras de leite, e que creemos que é unha boa ferramenta para mellorar esa rendibilidade, sempre que sexa vinculante para a Lei da Cadea Alimentaria e estableza un prezo mínimo garantido para o produtor.

Desde a Administración debería fomentarse a formación de persoas desempregadas de cara a traballar nas explotacións, para que esa formación non teña que recaer nas propias ganderías

Outro problema que habería que resolver é a falta de man de obra cualificada ou de relevo xeracional. Neste sector hai unhas oportunidades laborais moi interesantes. Tamén detectamos unha falta de formación dos donos das explotacións na xestión do persoal moi grandes. Falta unha oferta formativa profesionalizada nos CFEAs, con prácticas e programas de intercambio noutros países (Francia, Irlanda, Nova Zelanda, etc)

Desde a Administración debería fomentarse a formación de persoas desempregadas de cara a traballar nas explotacións, para que esa formación non teña que recaer nas propias ganderías, e formar aos empresarios agrarios na contratación de persoal.

As zonas onde houbo concentración parcelaria é onde se acumulan as explotacións rendibles

Nalgunhas zonas é acuciante a escaseza de base territorial, que está a limitar o crecemento natural das explotacións gandeiras, condicionando a súa rendibilidade e dificultando o cumprimento das novas normativas. É unha evidencia que as zonas onde houbo concentración parcelaria é onde se acumulan as explotacións rendibles pero esas explotacións están escasas de base territorial, e porén noutras zonas do interior e da montaña, en especial das provincias de Lugo e Ourense, existe moita superficie de terras abandonadas pero sen actividade agrogandeira ao redor.

Somos escépticos coa aplicación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. A maioría das veces nas aldeas modelo non existe un factor humano de partida capaz de manter a viabilidade do modelo produtivo no tempo

Somos escépticos coa aplicación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Agardemos que se acompañe de Regulamentos de aplicación que axuden cando menos a manter o tecido existente, máis aló de centrarse en aldeas modelo, nas que na maioría das veces non existe un factor humano de partida capaz de manter a viabilidade do modelo produtivo no tempo.

– Estamos nun momento de cambios normativos importantes en moitos aspectos que afectan ás ganderías: benestar animal, antibióticos, abonado, fitosanitarios. Estáselles esixindo un esforzo extra ás granxas nun momento complicado para elas?
– A cantidade de lexislación que afecta a unha explotación é enorme e o gandeiro non dispón do tempo suficiente para actualizar os seus coñecementos a diario, polo que os asesores agrarios temos un papel fundamental na súa divulgación porque o gandeiro non pode estar todos os días lendo o boletín oficial. 

O gran problema que nos atopamos á hora de aplicar algunha normativa é que hai normas que non se adaptan á nosa maneira de producir. O Decreto de xurros vai crear problemas na Galicia que non ten concentración parcelaria e naquelas zonas de montaña ou con pendentes pronunciadas. Para eses casos ten que haber excepcións.

Pídense 26 metros cúbicos de capacidade de almacenaxe de purín por UGM e iso non ten sentido para vacas que saen a fóra; están obrigando a moitas granxas en pastoreo a facer fosas absolutamente sobredimensionadas  

A lexislación ambiental de Galicia non ten en conta os sistemas mixtos de gando: estabulado e pastoreo ou soamente de pastoreo. Á hora de facer o cálculo do purín xerado por cabeza pídenche 26 metros cúbicos por UGM/ano  de capacidade da fosa e iso non ten sentido para vacas que saen a fóra; están obrigando a moitas granxas a facer fosas absolutamente sobredimensionadas.  

O Decreto de sanidade animal de bóvidos non hai por onde cóllelo, o que fixeron foi coller o de pitos e pasalo a vacas

Nós, como asociación, fixemos alegacións ao Decreto de sanidade animal de bóvidos, que non hai por onde cóllelo. Non se tivo en conta  a realidade onde se vai aplicar. Nós aspiramos a que cando menos se teña un pouco de sensibilidade normativa coa situación galega, porque non teñen sentido moitas das cousas que se recollen aí e se recolla a nosa singularidade e especificidade de granxas con carácter familiar, nas que na maior parte das veces a vivenda está asociada á propia granxa.

A cantidade de lexislación que afecta a unha explotación é enorme e o gandeiro non está lendo o boletín oficial todos os días

Agora, a maiores, avecíñanse cambios na PAC e os asesores rurais debemos guiar ás granxas nese cambio de modelo. Eu entendo que para Galicia hai certas cousas que van ben dentro da condicionalidade e dos ecoesquemas. Eu entendo que moitas das explotacións poderán acollerse a estes pagos extra, e as que non o poidan facer será porque están nun modelo moi intensivo que xa ten unha economía de escala distinta. Non temos por que estar todos no mesmo saco e cada un debe optar polo seu modelo de produción.

– Cando facedes traballos para unha explotación, tendes a sensación de que pasades moitas horas cubrindo papeis?
– Demais, traballamos moitas horas cubrindo burocracia que ás veces entendemos excesiva. Entendemos que se queremos ter unhas axudas debe haber uns controis, pero deberían simplificarse no posible os trámites, sairían gañando os titulares das explotacións, os asesores e a propia Administración.

Gastamos moitas horas en simple burocracia, habería que simplificar no posible os trámites

Atopamos na maioría das ocasións unha Administración con falta de ideas, onde se innova pouco e se sacan as mesmas ordes de axudas desde ano tras ano, como no caso das incorporacións e plans de mellora. Proba diso é a última orde que se publicou no DOG o día 9 de febreiro.

Un dos problemas que hai é de falta de ideas por parte da Administración, onde se innova pouco e se sacan as mesmas ordes de axudas ano tras ano

Os titulares das explotacións agrarias e os asesores rurais, fixemos propostas á Consellería de Medio Rural para mellorar e flexibilizar un sistema moi encorsetado, que impide que evolucionen ao mesmo paso ca o seu entorno. Moitas veces, a Administración traballa para mellorar as explotacións sen contar coa opinión das mesmas nin dos que traballamos no día a día con elas.

– Que vos parece a dixitalización do agro?
– Dende Europa fálase da dixitalización do agro. En Galicia aínda temos moitas zonas onde non hai posibilidade de conexión a internet ou a conectividade de datos funciona moi lenta. Por outra banda, pretenden que os gandeiros introduzan os datos nos programas que están desenvolvendo, polo que as novas tecnoloxías deben enfocarse cara a intelixencia artificial na que se facilite o máis posible esta toma de datos.

Agardemos que se amplíe o prazo dos plans de mellora e as axudas de incorporación, porque a ferramenta informática que se puxo este ano, que nos debería facilitar o traballo, o único que fai e entorpecelo

Desexamos que a Administración conte coa nosa opinión cando desenvolven aplicacións ou programas informáticos, como o Melles, posto en marcha este ano para a tramitación das propias axudas de incorporación e plans de mellora, que na primeira semana de tramitación non puido rexistrar ningunha solicitude por fallos graves no deseño. É moi inestable, parece máis unha versión beta.

Agardemos que nesta convocatoria a Dirección Xeral de Gandería. Agricultura e Industria amplie o plazo de presentación porque ao ritmo que nos marca unha ferramenta que nos debería facilitar o traballo e o único que fai é entorpecelo, moitos rapaces e rapazas van quedarse fóra por falta de tempo material para adxuntar toda a documentación e tramitala correctamente a través da aplicación que a Xunta puxo á nosa disposición.

“A investigación agraria, a formación e o asesoramento son os tres piares básicos para que o sector agrario galego siga modernizándose”

Xunta Directiva da Asociación de Asesores Rurais de Galicia

Xunta Directiva da Asociación de Asesores Rurais de Galicia

A transmisión de coñecemento cara os actores da base da pirámide de produción é unha asignatura pendente a día de hoxe en España, carente dun sistema público de asesoramento independente, coma o que existe noutros países, o que obrigou en moitos casos ás explotacións á contratación de asesores privados e mesmo a valerse dos coñecementos dos técnicos das distintas empresas de subministros, moitas veces con intereses comerciais polo medio.

A nova PAC 2023-2027 reserva fondos para a implantación de sistemas de innovación agrícola, denominados coas siglas en inglés AKIS, o que podería suponer unha oportunidade para que as explotacións puidesen acceder a formación e asesoramento sen que esta dependa das súas posibilidades económicas.

– Que é un asesor agrario?
– Un asesor agrario é calquera profesional que traballe en contacto co sector primario galego, profesionais con distintas titulacións, desde enxeñeiros a veterinarios, que desenvolven a súa actividade nas cooperativas, nas Axencias de Extensión Agraria, nas empresas ou directamente nas explotacións como profesionais autónomos.

O traballo dos asesores rurais foi o motor da grande transformación e modernización das explotacións e da agricultura en Galicia

É importante subliñar  que o traballo de todos estes profesionais foi o motor da transformación e modernización das explotacións e da agricultura en Galicia e cremos que é necesario que se coñeza e se poña en valor o traballo que facemos no día a día acompañando e asesorando aos nosos gandeiros e agricultores.

– Cal é o perfil dos membros da Asociación de Asesores Rurais de Galicia?
– A asociación xurdiu da man dun grupo de profesionais que vemos necesario unir esforzos co fin de apoiar ao rural galego no seu desenvolvemento sostible. Somos persoas con distintas titulacións profesionais, pero con formación específica e experiencia profesional en asesoramento agrario.  

A asociación xurdiu da man dun grupo de profesionais que vemos necesario unir esforzos co fin de apoiar ao rural galego no seu desenvolvemento sostible

Os  socios fundadores da asociación, e especialmente os compañeiros varóns, pensaron que era importante que fora unha muller a que presidira esta asociación. Con iso queremos render unha homenaxe a todas as mulleres do rural galego que de maneira silenciosa son o motor da familia, da economía familiar e do traballo nas explotacións agrarias galegas. Desde o noso ámbito estamos empurrando todos os días para que a muller rural gañe visibilidade e protagonismo nas explotacións e con isto tamén nós quixemos dar exemplo.  

As persoas interesadas en formar parte da asociación poden poñerse en contacto a través do teléfono 609324525 ou do email asesoresruraisgalicia@gmail.com

Somos unha asociación aberta a acoller a todo o mundo e gustaríanos que se integraran no noso colectivo todo tipo de profesionais, e tamén os técnicos das Axencias de Extensión Agraria, porque se somos un grupo representativo amplo, teremos máis forza para participar no deseño das políticas agrarias na nosa comunidade.

– A nova PAC para o período 2023-2027 pon o foco precisamente na labor de acompañamento que facedes a pé de campo os técnicos e asesores. Ten en conta a Administración o traballo que realizades?   
– As políticas de asesoramento que a Administración puxo en marcha no PDR anterior foron escasas e sen contido. Por iso un dos grandes retos do novo PDR  é precisamente ese, colocar o asesoramento como pilar principal do desenvolvemento  rural e da condicionalidade ambiental e social da nova PAC. Ese novo enfoque da Política Agrícola Común para os vindeiros anos lévanos a pensar que a nosa presenza é imprescindible.

Pretendemos poder sentarnos cos responsables políticos e aportar as nosas ideas de como  debera ser o modelo de asesoramento agrario no ámbito rural de Galicia

O asesor é en moitos casos o nexo de unión entre as explotacións e a propia Administración e pretendemos poder sentarnos cos responsables políticos e poder aportar as nosas ideas de como debera ser o modelo de asesoramento agrario no ámbito rural de Galicia. Non nacemos para criticar á Administración, nacemos para aportar solucións e ideas que axuden á Administración a facer políticas útiles para o sector agrario galego. Preténdese  transmitir o que nos din os nosos agricultores e gandeiros e o que nós mesmos pensamos sobre as políticas que se deseñan.

– Avecíñanse cambios importantes na PAC?
–  Eu entendo que para Galicia hai certas cousas que van ben dentro da condicionalidade e dos ecoesquemas, moitas das explotacións poderán acollerse a estes pagos extra e os asesores rurais debemos guiar ás granxas nese cambio de modelo que introduce a PAC. E aquelas outras explotacións que non poidan acollerse a estes ecoesquemas será porque están nun modelo moi intensivo que xa ten unha economía de escala distinta. Non temos por que estar todos no mesmo saco e cada un debe optar polo seu modelo de producción. 

Que papel debe ter a formación continua?
– É algo básico para que as explotacións galegas sigan modernizándose. Tanto a formación dos propios titulares das granxas e dos seus traballadores, como dos técnicos externos que lles axudamos. Promover a formación continua ou permanente dos asociados e colaborar coas Universidades para programar e realizar actividades de formación técnica e científica é un dos fins cos que naceu precisamente a Asociación.

Entendemos que nunha profesión como a nosa é imprescindible estar ao día, polo que consideramos a formación continua dos asesores  fundamental para mellorar profesionalmente e dar un bo servizo aos nosos clientes. A colaboración con asesores doutras comunidades e doutros países europeos axúdanos a coñecer outras experiencias e sistemas de traballo que enriquecen tamén a nosa formación.

As explotacións gandeiras que están máis desenvolvidas soen dispoñer dun eficiente servizo de asesoramento onde o técnico ou técnica sabe escoitar

Non podemos esquecernos que en Europa ten unha gran implantación o modelo AKIS (Sistema de coñecemento e información agrícola), onde o centro son os agricultores e gandeiros  axudados por tres importantes actores: a investigación agraria, a formación e o asesoramento. É dicir, a figura do asesor cobra un papel fundamental na nova PAC.  

É necesario que ese modelo se implante tamén aquí e vai haber fondos da PAC para iso, porque Europa xa destina unha importante cantidade de cartos para asesoramento e eses cartos hoxe estanse a perder, cando podían servir para financiar o traballo que nós facemos nas granxas.

sistema AKIS Pac– Falas de intercambiar experiencias a nivel europeo. Temos aínda moito que aprender ou xa non tanto?
– Coñecer outras realidades é sempre bo, pero nalgúns aspectos podemos mesmo ensinar cousas. O noso traballo do día a día é ir concienciando ao gandeiro en cambiar prácticas e hábitos. Son moitas veces pequenas cousas que non lucen, pero que dan resultado. Non é un traballo dunha única persoa, senón de todo un grupo, cada un no seu ámbito, e foi o que fixo que as explotacións galegas saíran adiante e estean hoxe na vangarda europea.

O avance producido é labor indiscutible dos gandeiros, pero tamén dos que estamos ao lado deles

Cando eu comecei fai 30 anos falar da calidade do leite que temos hoxe era algo impensable e en Europa dábannos mil voltas. Hoxe xa non é así. Xusto antes da pandemia fun cun grupo de mozos a visitar explotacións a Alemaña e Dinamarca e teño que dicir que hai moitas explotacións aquí que están por enriba das que vimos alí en moitos aspectos, desde instalacións a manexo ou alimentación.

– Que papel pensades que debe ter o asesoramento público e as oficinas agrarias?
– Nós o modelo de asesoramento que defendemos é mixto, público-privado, porque a onde non chega un chega o outro. Lamentablemente o asesoramento público hoxe é insuficiente e nós defendemos que as oficinas agrarias deben estar no nivel que se merecen.

Hoxe o asesoramento público é insuficiente e nós estamos complementando o labor das oficinas agrarias comarcais

Cando eu comecei no ano 1998 as oficinas de Extensión Agraria funcionaban moi ben, pero hoxe contan con poucos medios e fan unha labor máis burocrática que de asesoramento. Nós estamos paliando esas eivas e complementando o seu labor, pero pensamos que as oficinas agrarias cumpren unha función esencial e pedimos que se potencie e se reforce o asesoramento público, porque o gran despegue do sector agrogandeiro galego produciuse precisamente naqueles anos nos que a sinerxia entre as oficinas agrarias e os profesionais libres funcionaba á perfección.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información