Máis de 500 apicultores galegos está previsto que participen este ano no primeiro programa de carácter científico, coordinado por investigadores da Universidade de Vigo, para tratar de frear a expansión da Vespa Velutina en Galicia. Trátase do programa Stop Vespa Velutina promovido pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que este sábado foi presentado en Arzúa coincidindo co Día do Apicultor.
O programa, que está financiado en exclusiva por AGA con 52.000 euros de fondos propios, extenderase ao longo de todo o 2016 en diferentes fases e márcase como obxectivo atopar o método de trampeo e o atrainte máis eficaz e selectivo para capturar exemplares de Vespa Velutina, algo que ata agora non foi testado de forma científica.
O obxectivo que se marcan dende AGA para esta primavera é capturar 30.000 exemplares de raíñas de Vespa Asiática mediante un trampeo masivo con 3.000 trampas e 25.000 doses de atraintes, algo que contribuiría en grande medida a frear a imparable expansión desta praga por Galicia, a onde chegou no ano 2012.
A nivel científico, a encargada de coordinar o programa é Sandra Rojas Nossa, doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.
Ante un auditorio de máis de douscentos apicultores de toda Galicia, Sandra Rojas presentou onte o programa Stop Velutina de AGA, que constará de dúas fases: unha primeira de marzo a xuño e unha segunda do xullo e ata o outono.
“Na primeira fase o obxectivo é capturar raíñas fundadoras en primavera mediante o emprego de 3 tipos diferentes de trampas e outros 3 tipos de atraintes, o que nos da 9 combinacións que testaremos para ver cal é o sistema máis efectivo”, explicou Sandra Rojas.
Sandra Rojas: “Queremos realizar un control integral da praga, algo que non se fixo ata agora”
E é que a baixa eficacia e a pouca selectividade son os principais problemas dos sistemas actuais para capturar vespas asiáticas. Neste sentido, a coordinadora científica do programa informou de que “a partir dos datos que nos proporcionaron apicultores do Val Miñor durante o ano 2015, tanto os sistemas comerciais como os caseiros non atrapaban máis de 6 Velutinas ao día e ademais, son pouco selectivos xa que o 89% dos insectos que atraparon, no caso dos sistemas caseiros, e o 70% no caso dos comerciais, non eran Vespa Velutina”.
Neste sentido, o programa persegue facer un control integral da praga, algo que ata o de agora non se ten feito en Europa, atopando o sistema máis adecuado para atrapar Vespa Velutina en cada fase do seu ciclo de vida.
O obxectivo é capturar unhas 30.000 raíñas fundadoras de Vespa Velutina
“Imos intentar capturar o maior número de raíñas fundadoras posibles, o noso obxectivo é chegar a 30.000 e con isto evitaremos que formen outros tantos niños”, salienta Sandra Rojas.
Para iso realizarase un trampeo masivo entre os meses de marzo e xuño, cando as raíñas fundadoras saen do seu letargo invernal para fundar niños primarios, cun total de 9 combinacións de trampas e líquidos atraintes.
Este material é financiado nun 75% por AGA e distribúese aos apicultores a través das delegacións da asociación nas distintas comarcas de Galicia. O atrainte ten unha vida activa de 15 días ao cabo da cal o apicultor deberá sacar a trampa e facer un reconto dos exemplares de Velutina, cantas delas son raíñas e tamén que outros insectos caen nas trampas. Os datos serán enviados ao Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e a partir deles poderá realizar un estudo científico sobre cales son os métodos de trampeo e os líquidos atraintes máis eficaces.
O día 4 de xuño celébrase en Arzúa a Mostra Galega de Apicultura e prevese que neste foro xa se podan presentar os primeiros resultados.
Segunda fase: ver cal é o sistema de protección das colmeas máis eficaz
O programa Stop Vespa Velutina de Aga tamén contempla unha segunda fase dende xullo e ata outubro na que se traballará no estudo dos distintos sistemas de protección mecánica das colmeas. E é que nesta época, e sobre todo nos meses de agosto e setembro, é cando se producen a maior parte dos ataques de Vespa Velutina ás colmeas.
O 1 e o 2 de setembro celebraranse en Lugo as Xornadas Internacionais sobre Vespa Velutina
Na presentación do programa Stop Velutina de AGA tamén se informou de que os días 1 e 2 de setembro celebraranse en Lugo as Xornadas Internacionais sobre a Vespa Velutina, organizada polo doutor veterinario Xesús Feás, da Facultade de Ciencias de Lugo. Baixo o título “A avespa asiática: unha especie invasora en Europa: ¿Que nos depara o futuro?”, expertos internacionais debaterán sobre os métodos para controlar a expansión desta praga.
Por último, o secretario xeral de AGA, Xesús Asorey, informou de que o 3 de marzo viaxará a Bruxelas, xunto con outros apicultores do Norte de España para expoñer no Parlamento Europeo a problemática que representa a Vespa Velutina e outros perigos para o futuro da apicultura en Europa.
Xesús Asorey: “A Comisión Europea ten que destinar máis axudas aos apicultores”
“O que imos pedir é que a Comisión de Agricultura ten que incrementar as axudas aos apicultores para poder comprar trampas e atraintes, e que non pase como agora en Galicia, onde no vindeiro Plan Apícola a Xunta si vai incluír axudas para este material, pero coa mesma partida, co cal se detraerá das axudas para a loita contra a varroa ou outras enfermidades”, explicou Xesús Asorey.