Os apicultores celebran a prohibición do uso de neonicotinoides ao aire libre na Unión Europea

Publicidade
Os apicultores celebran a prohibición do uso de neonicotinoides ao aire libre na Unión Europea

Os Estados membros da UE aprobaron este venres ampliar a prohibición sobre os pesticidas neonicotinoides a todos os usos ao aire libre. A Comisión Europea pediu unha votación logo de ditaminar que tres neonicotinoides (clotianidina, imidaclopride e thiametoxam) “xa non poden considerarse seguros debido aos riscos identificados para as abellas”.  A Asociación Galega de Apicultura-AGA celebra este paso para mellorar a protección das abellas.

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou a súa revisión científica en febreiro, sen deixar ningunha dúbida de que os neonicotinoides son perigosos para as abellas.

Dende a Asociación Galega de Apicultura lembran que “levamos 24 anos nesta loita, primeiro fóra e logo dentro da Coordinadora Apícola Europea Bee Life”. “Custou moitos cartos e medios humanos, pero pagou a pena; hoxe é un día que temos que celebrar. Quedou demostrado, despois de 1.500 traballos científicos que esa era a causa da desaparición masiva das nosas abellas, un 40 % por cada ano”, destacan.

Neste sentido, estiman que o custo para os apicultores galegos ronda os 200 millóns de euros, “pois supuxo a perda dun millón de colmeas neste período, ademais da valorización da polinización e mais doutros insectos polinizadores”.

España votou a favor desta prohibición, xunto con Francia, Alemaña, Italia, o Reino Unido, os Países Baixos, Austria, Suecia, Grecia, Portugal, Irlanda, Eslovenia, Estonia, Chipre, Luxemburgo e Malta, que representan o 76,1 % da poboación da UE. Entre os opositores, Romanía, a República Checa, Hungría e Dinamarca. Os que se abstiveron: Polonia, Bélxica, Eslovaquia, Finlandia, Bulgaria, Croacia, Letonia e Lituania.

O Sindicato Labrego Galego advirte de que seguirá loitando contra outros neonicotinoides

Tamén dende o Sindicato Labrego Galego congratúlanse da prohibición destes tres insecticidas neonicotinoides na Unión Europea. Nos últimos días, o SLG foi unha das 110 organizacións que se dirixiron á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que a postura do Estado Español respecto destes insecticidas fose contraria.

Ademais, destaca que en Galiza no ano 2012 constituíuse a Plataforma contra as Fumigacións -con 56 colectivos e 7 partidos políticos- (http://fumigacionsnon.org) “para loitar contra a intención da Consellaría de Medio Rural de aplicar flufenoxuron (Cascade) contra o gorgullo do eucalipto por medios aéreos, contra os insecticidas que matan as abellas coma estes neonicotinoides ou contra herbicidas coma o glifosato”.

“Grazas ao traballo en rede entre centos de colectivos e organizacións na Galiza e en Europa, entre as que nos atopamos todas as que integramos a Vía Campesina, paralizamos en Galiza as fumigacións aéreas, acadamos que o glifosato se atope ao borde da prohibición na Unión Europea e agora conseguimos a prohibición destes tres neonicotinoides aos que xa se lles impuxeran fortes restricións en 2013”, subliñan.

Porén, dende Sindicato Labrego Galego advirten de que “seguiremos loitando, sexa en solitario ou sexa en rede, contra outros tóxicos tan perniciosos coma os que veñen de prohibirse pero que seguen a ser legais, como os tamén neonicotinoides acetamiprid, tiacloprid, sulfoxaflor e flupyradifuron; ou insecticidas coma o ipermetrin, deltametrin e clorpirifos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información