O Diario Oficial da UE vén de publicar o regulamento polo que autoriza o anticipo nos pagos da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2022 ata o 70% nas axudas directas e ata o 85% nas medidas de desenvolvemento rural. Igual que o pasado ano, auméntase a porcentaxe de anticipo, pois o establecido na normativa é o 50%. O motivo do aumento, solicitado por España e por outros Estados membros, é o de proporcionarlle máis liquidez ós agricultores e gandeiros nuns momentos complicados polo aumento de custos e a guerra de Ucraína.
De cara a que os anticipos se poidan abonar a partir do 16 de outubro, a Comisión Europea decidiu tamén flexibilizar as medidas de control das solicitudes da PAC, tal e como xa fixera en anos anteriores pola Covid. Así, poderanse reducir algunhas mostras de control e substituír visitas a campo polo uso de imaxes satélite, ortofotos ou fotos xeoetiquetadas.
En España, prevese un adianto de 3.386 millóns de euros da PAC para 648.000 produtores, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.