Os anticipos da PAC 2021 poderán pagarse a partir do 16 de outubro

Os anticipos da PAC 2021 poderán pagarse a partir do 16 de outubro

A Comisión Europea autorizou a España a que inicie o pago dos anticipos da PAC 2021 a partir do 16 de outubro. Os anticipos das axudas directas poderán acadar ata o 70% nas axudas directas e ata o 85% en medidas de desenvolvemento rural, segundo o regulamento aprobado pola Comisión, que decidiu incrementar as coantías permitidas para os anticipos da PAC.

Na campaña 2021, houbo un total de 667.000 solicitantes de axudas da PAC, segundo os datos do Ministerio, e prevese que os beneficiarios das axudas directas poidan recibir un adiante de arredor de 3.350 millóns de euros.

Esta decisión da Comisión, solicitada polo Ministerio de Agricultura, permitirá “unha importante inxección de liquidez no agro nun ano complicado pola prolongación da situación de crise sanitaria derivada da Covid”, apunta o Ministerio.

En relación á PAC 2020, o Ministerio lembra que o seu pago tiña que estar rematado a 30 de xuño, se ben as comunidades autónomas teñen de prazo ata outubro para liquidar os pagos dalgún expediente que puidese quedar con trámites pendentes.

Puntos quentes do debate da PAC a partir do 2023: ecoesquemas e definición de agricultor xenuíno

O secretario general de Agricultura, Fernando Mirando, tivo esta semana unha reunión coas comunidades autónomas para avanzar na definición dos ecoesquemas. O compromiso ó que chegou o Ministerio coas comunidades da Cornisa Cantábrica, entre elas Galicia, foi o de adaptar os ecoesquemas ás características da gandería do Norte de España, de xeito que tódalas explotacións teñan polo menos un ecoesquema ó que poidan acollerse.

Esta semana houbo tamén unha reunión do Ministerio coas organizacións agrarias, que continúan molestas polo deseño da PAC que propón o Goberno. Desde a COAG lamentan que a PAC se lle vaia seguir pagando en España a 250.000 perceptores que a penas teñen ingresos agrarios, pero que seguirán cobrando a PAC por percibir menos de 5.000 euros ó ano.

“Son perceptores que terán acceso ademais ás axudas redistributivas, ás axudas asociadas e ós ecoesquemas, en detrimento das explotacións profesionais, que son as que crean desenvolvemento rural” -cuestiona a COAG en nota de prensa-. “Con esa decisión benefíciase a falsos activos e a absentistas”, critican.

Desde outra organización, Unión de Uniones, sempre defenderon que para cobrar a PAC se esixa un mínimo dun 25% de ingresos agrarios xunto coa afiliación á seguridade social agraria. Como excepción, propoñen que aqueles perceptores con menos de 1.250 euros de axuda poidan cobralas. “Ampliar ese tope a 5.000 euros, como pretende o Ministerio, é un erro e non deixa marxe para unha redistribución xusta das axudas para os profesionais”, cuestionan.

Este é o estado da negociación da PAC e o seu impacto en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información