Os adiantos da PAC poderían comezar a cobrarse a próxima semana

A partir do 16 de outubro xa se poderían anticipar ata o 70% das axudas. Unións Agrarias reclámalle a Medio Rural que non reteña as axudas ata finais de ano

Os adiantos da PAC poderían comezar a cobrarse a próxima semana

Logo de que a Comisión Europea aprobase un incremento do adianto da PAC pola forte seca rexistrada nos últimos meses, as axudas poderían comezar a cobrarse a partir do día 16 de outubro, o vindeiro mércores. Os anticipos poden abranguer dende o 50% ó 70% do total. As ganderías galegas poderán acceder a preto de 170 millóns de euros dos fondos de axudas directas da Unión Europea para a comunidade.

Neste sentido, dende o sindicato Unións Agrarias pídenlle á Consellería de Medio Rural que non reteña estas axudas ós gandeiros e agricultores e recordan que o ano pasado estes pagos se adiaron ata o mes de decembro.  Repróchanlle á Xunta que aínda non fixera público que se poderán cobrar na vindeira semana.

Unións reclama que a libranza destes fondos sexa áxil para aliviar a situación das familias do rural. Inciden en que este ano moitas explotacións sufriron importantes perdas nos forraxes e prados polos ataques do xabaril e “dispoñer destes ingresos serán un balón de osíxeno para as granxas de leite galegas que sofren os prezos entre os máis baixos das rexións produtoras de Europa”, indican.

A Xunta e a Universidade de Santiago elaborarán un plan estratéxico para que a nova PAC teña en conta as singularidades de Galicia

O Consello da Xunta autorizou este xoves un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a elaboración do Plan estratéxico da PAC en Galicia Horizonte 2030, co obxectivo de que Galicia teña unha participación activa nas diferentes fases do proceso de elaboración doPlan estratéxico nacional da PAC 2021-2027, que está coordinado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

Para poder elaborar esa estratexia nacional, cada comunidade autónoma enviará as súas liñas de acción que recollan a situación e obxectivos en cada rexión. Deste xeito, o Plan estratéxico para Galicia pretende ser un exercicio de reflexión estratéxica, no cal se defina a visión da agricultura e do medio rural no futuro do país. Así, é preciso coñecer a situación de contexto do rural galego, elaborar unha análise DAFO, unha avaliación das necesidades e propor unha estratexia de intervención no medio rural galego.

Neste sentido, e no marco deste convenio de colaboración, créase un grupo de traballo multidisciplinar formado por persoal da Consellería do Medio Rural e da USC, establecendo cinco subgrupos que agruparán os ámbitos relativos aos nove obxectivos da PAC para o próximo período 2021-2027, que xiran arredor da modernización do sector agrario, a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización nas zonas agrarias e rurais.

Deste xeito, búscase a viabilidade económica das explotacións agrogandeiras desde unha perspectiva integral, apostando polo I+D+i neste sector estratéxico galego, co fin de mellorar a competitividade das granxas e conseguir unha renda digna para os profesionais que traballan no medio rural.

O Goberno da Xunta aposta por un único plan estratéxico da PAC para toda España

Ademais deste obxectivo xeral que persegue a política agraria común, o grupo de traballo nado deste convenio tamén buscará ser compatible con certos sectores e temas de especial relevancia en Galicia. Así, integraranse unha serie de iniciativas de gran peso para a comunidade galega como é o Plan estratéxico para o sector lácteo, a ordenación e mobilización produtiva das terras agroforestais, o Plan forestal de Galicia, a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e o Plan estratéxico galego de agricultura ecolóxica.

Neste sentido, desde Galicia apóstase por un único plan estratéxico por Estado que recolla as singularidades de Galicia para así simplificar a tramitación e garantir a igualdade de oportunidades entre os beneficiarios. Así mesmo, a consellería insiste na necesidade de que a nova PAC siga estando baseada en dous piares: as axudas directas e o desenvolvemento rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información