“Os abonos orgánicos son moito máis beneficiosos para o solo que os químicos”

Abordamos co enxeñeiro agrónomo Ignacio Simón o papel dos abonos orgánicos no agro. Coñecemos algunhas das vantaxes que proporcionan este tipo de fertilizantes así como outras solucións que procuran un maior equilibrio e biodiversidade dos solos

Publicidade
Publicidade
“Os abonos orgánicos son moito máis beneficiosos para o solo que os químicos”

O enxeñeiro agrónomo Ignacio Simón.

A fertilidade dos solos é un dos eixos tanto da agricultura como da gandería actuais e mantense o debate sobre as actuacións máis aconsellables para garantila. Afondamos, da man o enxeñeiro agrónomo procedente de México, Jesús Ignacio Simón Zamora, na utilización dos abonos orgánicos.

Simón Zamora é un dos especialistas, recoñecido a nivel mundial, no emprego deste tipo de abonos. É o fundador e director da empresa Gaia , centrada na asesoría do uso e elaboración de abonos orgánicos e outros produtos empregados na agricultura ecolóxica, como os fungos entomopatóxenos, as bacterias benéficas, os biofertilizantes ou os caldos minerais, ademais de complexos minerais naturais como as fariñas de rochas.

Abordamos co experto o emprego de abonos orgánicos e doutras solucións de fertilización respectuosas co solo tanto na agricultura en xeral como na viticultura. De feito, Simón participou recentemente nunha xornada sobre viticultura rexenerativa, organizada por un grupo de viticultores en ecolóxico en Ribadavia. Con el tratamos tamén a incidencia que determinados tratamentos empregados mesmo na agricultura ecolóxica poden ter para os solos.

-Por que elixir hoxe en día un abono orgánico para os cultivos?
Na actualidade, recuperar os solos converteuse nunha tarefa imprescindible. A deterioración do chan e a súa fertilidade leva a proporse non só empregar abonos orgánicos, senón a necesidade de cambiar de prácticas agrícolas. É preciso comezar a pensar en non renovar os solos, desbotar o uso de herbicidas do tipo do glifosato, entre outras prácticas.

-Ó falar de abonos orgánicos, son produtos totalmente respectuosos co medio ambiente?
Os abonos orgánicos non só son respectuosos, senón que axudan a rexenerar o medio ambiente.

“A deterioración do solo lévanos a propornos non só empregar abonos orgánicos senón cambiar prácticas agrarias”

-Conséguense producións competitivas con estes abonos fronte ás solucións químicas?
Aínda que estea moi estendida esa crenza de que se conseguen mellores producións con fertilizantes químicos é preciso cuestionar se as colleitas foron realmente rendibles con químicos. Seica sacar uns quilos máis en bruto fai un cultivo competitivo? Temos que pensar nos custos que isto realmente ocasiona. A agricultura con velenos e fertilizantes químicos é máis barata ou económica?

-As propostas de fertilización química gañaron terreo ós abonos orgánicos e levan anos sendo moi populares e empregadas, pero están a ter moitas contrapartidas? Provocan un desgaste do solo aínda que se utilicen axeitadamente?
Para abordar esta cuestión é preciso botar unha ollada ó que se fixo crer acerca das ‘bondades’ da agricultura convencional. Apúntase a que este tipo de agricultura ten un menor custo, pero a realidade desa afirmación é que non se consideraron os custos reais de recuperación dos solos que este tipo de prácticas implica. Un fertilizante químico altera a vida do solo pero, ademais, xa provoca que ese cultivo sexa dependente ó proporcionarlle todo de xeito soluble á planta.

“Os abonos orgánicos rexeneran os solos, non os degradan como fan os químicos”

Tamén é preciso valorar que se precisa moito combustible fósil para producir fertilizantes químicos, mentres que para conseguir o abono orgánico non é necesario ningún gasto de combustible, ó contrario este tipo de abonos xera enerxía, no canto de consumila. Ó mesmo tempo, os abonos orgánicos rexeneran os solos, non os degradan como ocorre cos químicos.

-Hai unha tendencia a recuperar os abonos orgánicos?
Claramente o emprego dos abonos orgánicos converteuse nunha corrente mundial logo de ser recoñecidos pola comunidade agronómica tanto europea como americana. Temos que ser conscientes de que sen materia orgánica os solos están perdidos.

-Ademais dos abonos orgánicos, hai alternativas como o uso de bacterias benéficas que tamén se consideran unha opción respectuosa co medio ambiente e que son utilizadas por agricultores e gandeiros. Que beneficios achega este tipo de bacterias?
Os microorganismos convertéronse no recoñecemento á vida do solo. Estes microorganismos mobilizan nutrientes, coidan ás plantas de enfermidades, descompoñen materia orgánica residual e convértena en humus e moitas outras calidades máis.

“Quérese conseguir un solo estéril no canto de promover solos vivos, con diversidade de microorganismos”

-Que frea que non sexan unha opción máis popular? Hai riscos a longo prazo para os chans ou os cultivos coa utilización destas bacterias? Pode producirse tamén unha descompensación do equilibrio do chan por utilizalas?
Só é medo. A mesma industria dos químicos promove este medo fomentando a esterilidade dos solos. Fálase de inocuidade e quérese conseguir un solo estéril no canto de promover solos vivos, con diversidade de microorganismos actuando neles.

-Apúntase en que a solución á falta de produtividade dos terreos é lograr un chan diverso, como se consegue?
A fórmula é realmente moi simple. Abonda con promover no solo o aumento de materia orgánica, microorganismos e emendas de fariña de rocas que complementen a fertilidade.

-Insiste na importancia de optar por organismos autóctonos fronte a outras alternativas que presentan as grandes empresas para conseguir solos de calidade. Que desvantaxes detecta nestas solucións comerciais que prometen rexenerar os solos?
Os microorganismos autóctonos ou nativos axúdannos a rexenerar o microbioma do solo e realízase dende os microbios que evolucionaron co mesmo. Se nos atemos ós microbios de laboratorio, aínda de empresas grandes, terán que pasar anos para que se aclimaten ás condicións do solo no que se engaden, por iso é tan importante contar contar con microorganismos autóctonos.

-En que medida os complexos minerais naturais poden ser unha solución para atallar pragas como o nematodo da pataca?
Apostamos polas fariñas de rochas por ser unha fonte de nutrientes. Ademais, este tipo de complexos contribúen a que proliferen os fungos que atallan a diversos nematodos.

“Os abonos verdes son das mellores opcións para os solos”

-Centrándonos na viticultura, que valoración fai dos abonos foliares? Cales son os máis efectivos en viñedo?
Existen varios tipos de abonos foliares. Adoitamos recomendar os feitos a base de microorganismos acidolácticos e as fermentacións.

-Que influencia teñen os tratamentos con cobre en viñedo na fertilidade do solo?
Tense comprobado que un exceso de cobre pode chegar a contaminar o solo.

-Como valora os abonos verdes?
Sen dúbida son unha das mellores propostas para incrementar tanto a materia orgánica como a saúde dos solos.

-Un dos maiores problemas do viñedo neste momento son as enfermidades da madeira, como a iesca. Que papel cre que pode xogar a xestión do solo na prevención ou na loita contra este problema?
O incremento da poboación de microorganismos dun solo pode chegar para reducir a presenza de diversas enfermidades. Aínda que, tamén hai preparados de caldos minerais que poden axudar a reducir o seu ataque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información