Organizan talleres para a xestión de plantacións de castiñeiros na provincia de Ourense

Medio Rural realizará formacións este mes en Beade, Quintela de Leirado, Barbadás e na Rúa. Haberá unha parte teórica sobre as necesidades de auga das árbores e pragas que lle poden afectar, así como unha demostración de poda dun castiñeiro novo

Organizan talleres para a xestión de plantacións de castiñeiros na provincia de Ourense

A Consellería do Medio Rural organiza este mes talleres sobre a xestión de plantacións de castiñeiro. Nas formacións abordarán de xeito teórico e práctico cuestións como a poda, o control de enfermidades e pragas e o cálculo de necesidades hídricas das árbores.

Os obradoiros impartiranse ó longo deste mes nos Centros de Desenvolvemento Agroforestal do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). En concreto, en Beade será este mércores día 14; en Quintela de Leirado, o día 22; en Barbadás, o 23; e na Rúa o día 27. As xornadas levaranse a cabo en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, para un máximo de 13 participantes.

A formación está dirixida á poboación xeral, principalmente a persoas titulares de masas de frondosas. Os interesados en participar poderán inscribirse en cada un destes obradoiros no Inorde.

Un dos obxectivos principais deste curso é fomentar o coñecemento da cidadanía das necesidades das masas de frondosas autóctonas como o castiñeiro e achegar a información necesaria para manter o compromiso da poboación na súa xestión. Así, o taller terá unha primeira parte teórica, baseada nunha explicación dos parámetros a ter en conta nunha plantación, como a cantidade de auga demandada ou as diversas enfermidades que se poden chegar a producir nos castiñeiros. Por outro lado, tamén contará cunha demostración de poda dunha árbore nova desta especie.

Esta acción formativa enmárcase dentro do Convenio entre a Xunta e o Inorde, no establecemento dun programa específico de identificación, restauración e promoción de xestión forestal activa e sustentable para o período 2023-2024.

Xestión activa das frondosas

Con este tipo de iniciativas, dende a Consellería de Medio Rural buscan contribuir á xestión activa das frondosas. Neste senso, a Xunta activou tamén axudas á mellora da xestión activa das masas consolidadas de frondosas autóctonas, que se convocaron este ano por primeira vez cun orzamento de preto de 2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información