Organizacións ecoloxistas e sindicatos piden unha lei que protexa os montes veciñais

Presentan en Compostela unha declaración conxunta contra a privatización destas terras

Publicidade
Organizacións ecoloxistas e sindicatos piden unha lei que protexa os montes veciñais

Imaxe da Organización Galega de Comunidades de Montes.

A Organización Galega de Comunidades de Montes, xunto a Adega, CIG, Ecoloxistas en Acción, Fruga, Ingateco, Orgaccmm e o SLG, presentou en Compostela unha declaración conxunta para reclamar unha nova lei de montes veciñais que reforce o carácter xermánico destas terras e promova unha xestión sustentable e multifuncional.

As organizacións reivindican que a futura normativa debe reforzar o carácter xermánico dos montes veciñais, garantindo que sigan sendo propiedades colectivas da veciñanza comuneira.

Os montes veciñais en man común ocupan un cuarto do territorio galego e un terzo da superficie forestal. “Son terras inalienábeis, imprescritíbeis, indivisíbeis e inembargábeis e sen asignación de cotas”, indican dende a organización.

A declaración presentada en Compostela reclama que a futura lei recoñeza a titularidade veciñal como unha máis, equiparándoa en dereitos ás titularidades pública e privada. “Porén a Consellaría do medio rural pretende mediante a nova lei permitir a privatización dos montes veciñais para entregarllos á industria madeireira”, explican.

Ademais, as organizacións anunciaron un calendario de reunións cos partidos políticos e coa Federación Galega de Municipios e Provincias para expor as súa demandas e buscar apoios.

As entidades asinantes consideran que a protección dos montes veciñais é clave para garantir a sustentabilidade e o beneficio das terras. Por iso, piden á Xunta que rectifique sobre a súa proposta para apostar por unha xestión que respecte a súa natureza comunal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información