A Plataforma Sí a un rural vivo, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde veñen de expresar o seu rexeitamento á implantación dun novo viñedo industrial promovido pola adega Altos de Torona no concello de Boqueixón.
Segundo informaron este 25 de abril, o proxecto afectaría ás zonas de Donas, Sucira, Codeso e Paradela, engadindo 4,82 hectáreas máis de viñedo a unha contorna que, afirman, xa se atopa profundamente degradada pola presenza deste tipo de cultivos. As organizacións sinalan como exemplo negativo o viñedo que a mesma empresa ten xa implantado en Donas, cualificándoo de “desfeita”.
Esta acción de protesta súmase á que xa tiveran o pasado 16 de abril contra outro proxecto similar da adega Martín Códax en Vedra, que pretendía establecer novos viñedos nas parcelas coñecidas como “Revolta das Devesiñas” en Trobe, “Sarandón” en San Pedro de Sarandón e “Palomar e Almestro” na parroquia de Ponte Ulla.
As entidades denuncian tamén “a nula información por parte das Administracións á veciñanza”, o que dificulta ou mesmo imposibilita a presentación de alegacións dentro dos prazos establecidos. Fan un chamamento ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, para que asegure a comunicación e a transparencia nos procesos relacionados coa implantación de novos viñedos industriais.
“Demandamos igualmente do alcalde e da Corporación Municipal de Boqueixón que como Administración afectada informen da incompatibilidade deste novo viñedo coa saúde, coa biodiversidade e co medio ambiente”, indican.
A crítica non se limita só á información, senón tamén á viabilidade destes proxectos dende unha perspectiva medioambiental e social.
No plano económico, consideran que estes proxectos ameazan a subsistencia das pequenas adegas e dos viticultores e viticultoras que traballan con modelos de produción máis sustentables.
Por último, as entidades impulsoras deste comunicado lamentan que estes proxectos estean fortemente subvencionados polas administracións públicas, considerando que só benefician a grandes capitais e non contribúen á fixación de poboación no rural.
“Instamos ás administracións públicas a deixar de subvencionar estes proxectos e destinar estes fondos a promover proxectos labregos de agricultura, viticultura, fruticultura e gandaría con métodos de produción agroecolóxicos, como única garantía dun desenvolvemento económico das áreas rurais”, piden dende as organizacións.