As organizacións agrarias piden que os Gobernos forcen unha solución no prezo do leite

O sector empraza ó Ministerio a facer cumprir o Acordo Lácteo do 2015, no que as cadeas de distribución se comprometían a “valorizar o leite” e promover contratos coas industrias que permitisen “manter o valor do produto nos primeiros escalóns da cadea”. Demándase tamén a convocatoria en Galicia dunha Mesa Sectorial do Leite

As organizacións agrarias piden que os Gobernos forcen unha solución no prezo do leite

Industria láctea. / Arquivo.

O agro está á expectativa dunha solución para o prezo do leite, logo de que Naturleite e Pascual protagonizaran as primeiras subas no campo. Entre o resto de industrias, a maioría declárase disposta a mover ficha se as cadeas de supermercados soben o prezo das marcas brancas nos lineais. Unha suba de 3 céntimos nos lineais de tódolos supemercados, como a que comprometeu Mercadona, podería chegar en cadea ás granxas, permitíndolles enfrontar a suba de custos de produción dos últimos meses, principalmente pensos, electricidade e carburantes.

Para que esa suba en cadea do leite se produza, as organizacións agrarias chaman a actuar ós Gobernos, tanto ó Ministerio de Agricultura como á Xunta. Desde colectivos como a Fruga ou Asaga -sucesora de Asaja Galicia-, pídese que o Ministerio faga cumprir o Acordo Lácteo do 2015 ou que, no seu defecto, impulse un novo Acordo a tres bandas entre gandeiros, industrias e cadeas de distribución.

No Acordo do 2015, as cadeas de distribución comprometéranse a “valorizar o leite” e a promover contratos coas industrias que permitisen “manter o valor do produto nos primeiros escalóns da cadea”. Nada máis lonxe da situación actual, na que as granxas vense contra as cordas pola suba dos custos de produción, sen que ese aumento de custos se poida trasladar ás industrias e ós supemercados.

Petición para resucitar unha Mesa Sectorial do Leite en Galicia

Desde organizacións como a Fruga ou Sindicato Labrego tamén se demanda a recuperación en Galicia da Mesa do Leite, un foro que reunía a organizacións agrarias, cooperativas e industrias coa intermediación da Xunta.

As organizacións agrarias consideran que a Xunta estase desentendendo das súas competencias na materia e que conta con instrumentos para forzar ás industrias a negociar, pois cada ano a maioría de industrias asentadas en Galicia son perceptoras de axudas públicas para investimentos nas súas plantas.

Nas últimas convocatorias de reunións do sector que intentara a Administración con ánimo mediador, no 2017, fora notoria a ausencia das industrias, que co argumento de que ese tipo de encontros podería ser sancionado por Competencia, renunciaran a comparecer, delegando nun representante da Federación Nacional de Industrias Lácteas.

Ese argumento de Competencia non é válido sen embargo ante as organizacións de produtores, pois a normativa comunitaria fai precisamente excepcións de Competencia ás negociacións entre organizacións de produtores e industrias, o que pon sobre a mesa de novo as posibilidades de mediacións institucionais entre as partes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información