As organizacións agrarias instan a Medio Rural a dotar de fondos suficientes ás axudas de agricultura ecolóxica

O Sindicato Labrego considera unha “neglixencia” a situación, en tanto Unións Agrarias valora que “non é serio” deixar a produtores fóra dos apoios

As organizacións agrarias instan a Medio Rural a dotar de fondos suficientes ás axudas de agricultura ecolóxica

Gandería en ecolóxico. / Arquivo.

A falta de fondos este ano para as axudas de agricultura ecolóxica leva a que arredor dun 43% das hectáreas solicitantes se poidan quedar fóra dos apoios, segundo os datos que manexa a propia Administración. Medio Rural presupuestou 3,2 millóns de euros para as axudas de agricultura ecolóxica no 2022, cando para cubrir o volume de solicitudes precisaríanse 5,6 millóns de euros. Ante esta situación, as organizacións agrarias instan á Consellería a dotar de fondos suficientes á liña de agricultura ecolóxica.

O Sindicato Labrego emitiu un comunicado de prensa no que empraza a Medio Rural a correxir “a súa neglixencia”. “É intolerábel que a Administración galega non levase un control do número de solicitudes en relación aos apoios dispoñíbeis. A PAC procura fomentar a agricultura ecolóxica pero a Consellería ningunea ó sector mentras desvía fondos cara a agroindustria”, sosteñen.

Desde o Sindicato Labrego, a gandeira e economista especializada na PAC, Ana Rodríguez, considera que a Consellería debería terse informado a comezos de ano do volume de inscripcións que estaba recibindo o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica. “Con estes datos, Medio Rural podería ter informado previamente ás persoas de que os fondos non van chegar e se van empregar criterios de priorización, non esperar a que pase todo ano e dicir a final de ano que non hai fondos para tantas solicitudes”, cuestiona.

En similar liña se expresa Unións Agrarias, O responsable de producións extensivas de Unións, José Ramón González, apunta que “non é serio convocar este ano unha axuda sen dotala de fondos suficientes. Debense poñer fondos suficientes, xa que do contrario ata un terzo dos produtores en ecolóxico pode quedar fóra dos apoios”, critica.

As organizacións agrarias inciden en que a agricultura ecolóxica é unha liña estratéxica marcada por Europa, que quere chegar a un 25% da terra agraria en ecolóxico no 2030. “O problema aparece cando a xente responde, pero Administracións como a galega non”, conclúe Ana Rodríguez.

Axudas para convivir co lobo
O Sindicato Labrego advirte ademais de que na futura PAC, no deseño das agroambientais feito pola Consellería do Medio Rural, “hai unha axuda complementaria da de extensificación de granxas gandeiras, que consiste en complementar con 75 euros / hectárea no caso de que se realice o pastoreo en zonas con presenza de grandes carnívoros. O problema é que as ganderías de ecolóxico que soliciten a agroambiental de ecolóxico non teñen acceso a este complemento, algo ilóxico porque fan pastoreo e están, como as outras ganderías, en concellos con presenza de lobo”, lamentan.

Custos
Outra cuestión que apunta ó sector refírese ós custos extra que xa asumiron as explotacións que se inscribiron en ecolóxico este ano, contando cunha axuda agora en cuestión. “Darse de alta no CRAEGA implica un gasto por parte das granxas de 450 euros de inscrición e uns 500 euros adicados a cuestións como corrixir pequenas incidencias detectadas na inspección de inscrición, así como unha baixada de produción no primeiro ano e a perda da axuda da agroambiental de pastoreo que se viña cobrando ate ese momento, e que é incompatible coa axuda de ecolóxico”, enumera o Sindicato Labrego.

A organización cuestiona ademais que parte das explotacións en ecolóxico teñen que vender a súa produción ó prezo da produción convencional, sobre todo no caso da gandería de vacún de carne, que produce en ecolóxico pero vende en convencional polo desinterese das industrias transformadoras en crear unha liña diferenciada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información