As organizacións agrarias demandan fondos suficientes para cubrir tódalas axudas de incorporación ó agro

Unións Agrarias e o Sindicato Labrego calculan que quedarán polo menos unhas 200 persoas mozas sen apoios. Unións pide tamén un cambio nos plans de mellora, para que dean preferencia ás incorporacións dos últimos 5 anos

As organizacións agrarias demandan fondos suficientes para cubrir tódalas axudas de incorporación ó agro

Obra de ampliación dunha gandería con plan de mellora. / Arquivo.

As organizacións agrarias están descontentas coa fusión das convocatorias 2025 e 2026 de incorporación ó agro. A decisión da Consellería do Medio Rural de non resolver as solicitudes da axuda de incorporación á actividade agraria convocada no ano 2025 deixou en espera a 380 solicitantes da incorporación. Este luns publicou a orde de axudas para o ano 2026 para a incorporación á actividade agraria (MR404A) e plans de mellora, pero as organizacións agrarias vena insuficiente, tanto por falta de fondos como polas condicións marcadas.

Ante isto, o Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias emitiron senllas notas de prensa nas que instan á Xunta a consignar fondos suficientes para atender as solicitudes que quedaron pendentes do 2025 e as de 2026, e reclaman que se inclúa na preferencia de plans de mellora aos mozos que se incorporaron nos últimos cinco anos.

Dende o Sindicato Labrego indican que esta orde xera alarma entre as mozas e os mozos que solicitaron a súa axuda na convocatoria non resolta pola propia Consellería no ano 2025 e nas que van a solicitar neste 2026. A organización asegura que o presuposto é “claramente insuficiente” para dar aprobación a todas as solicitudes de incorporación que hai na actualidade . O presuposto contemplado para o ano 2026 é de 23 millóns de euros, é dicir, 7 millóns máis que a cantidade aprobada inicialmente para o ano 2025.

“Cómpre resaltar que con estes 23 millóns teñen que aprobar as 380 solicitudes do ano 2025 e todas aquelas que se soliciten no ano 2026, que analizando as solicitudes e aprobacións dos últimos anos -cando no ano 2024 aprobaron 320 e o ano pasado solicitaron 380- estimamos que no ano 2026 vai haber entre 350-400 novas solicitudes, o que nós fai pensar que moitas mozas van quedar sen esta axuda de vital importancia para iniciar novos proxectos e dar o relevo en moitas granxas”, denuncia Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.

“Se os cartos non chegan isto vai ser como xogar á lotaría, tocaralle a axuda a quen lle toque” (Sindicato Labrego)

O Sindicato Labrego engade que a Consellería sabe que ás 380 solicitudes do ano pasado lle vai ter que sumar outras tantas deste ano, co cal vai xuntar máis de 750 solicitudes “cando só ten presupostado fondos para aprobar 530” -cuestionan-. “Se os cartos non chegan isto vai ser como xogar á lotaría, tocaralle a axuda a quen lle toque e quen non tirará, nalgúns casos, dous anos da súa vida, e incluso moitas inversións, sen que ninguén responda a esta situación”, asevera Brais.

Na organización dubidan da legalidade desta situación e afirman que están estudando todas as opcións posíbeis para que as persoas solicitantes do ano 2025 vexan recoñecidos os seus dereitos. “Valoramos tanto acudir á xustiza como á Valedora do Pobo para que se respecten os nosos dereitos democráticos”, din.

“Nos plans de mellora, Xunta e Ministerio só achegan o 21 % do total, xa que o resto corresponde a financiamento europeo” (Unións Agrarias)

Plans de mellora

Dende Unións Agrarias instan a modificar as condicións que restrinxen o acceso aos plans de mellora, pois entende que limitar a preferencia ós incorporados no último ano é un “prexuízo inaceptable para os mozos e mozas que nos últimos cinco anos recibiron apoio para a incorporación e, porén, non puideron optar a un plan de mellora”.

As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas -destaca Unións-, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade.

Segundo sinalan dende Unións Agrarias, nos plans de mellora, Xunta e Ministerio só achegan o 21 % do total, xa que o resto corresponde a financiamento europeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información