A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A ordenación e planificación forestal, claves para crear riqueza no monte galego

A ordenación e planificación forestal, claves para crear riqueza no monte galego

Monte no concello coruñés de Cedeira xestionado pola Consellería de Medio Rural

A Xunta de Galicia está apostando fortemente pola ordenación forestal, un sector no que Galicia é a novena potencia forestal de Europa. Supón o 1,8% do PIB galego; xera nada menos que o 12% do emprego industrial ao longo da súa cadea de valor, move en torno a 2.000 millóns de euros anuais e dá emprego a unhas 70.000 persoas.

Porén, esta é só unha pequena parte do potencial de creación de riqueza que ten o monte galego. Neste sentido, a Xunta de Galicia márcase como obxectivo estratéxico no Plan Forestal multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas, pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e garantindo, evidentemente, a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte. E todo iso coa mesma superficie: arredor dun millón de hectáreas.

E para lograr o desenvolvemento do monte galego resulta clave a planificación e a ordenación forestal. Un primeiro paso nesa dirección foi crear unha dirección específica, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, que separou estas funcións das relacionadas coa prevención e extinción de incendios, seguindo así, as recomendacións do ditame do Parlamento Galego en materia forestal e atendendo unha demanda do sector.

Dende a Xunta de Galicia defenden un equilibrio do monte galego no que teñen cabida todas as especies e todos os usos. Neste senso, avogan por unha aposta decidida pola preservación das especies autóctonas e da biodiversidade.

Pero ademáis, estanse a poñer en marcha unha serie de decretos que desenvolven as directrices da Lei de Montes de Galicia e responden tamén ao establecido polo ditame da Comisión forestal do Parlamento galego. Estas novas normativas que axudarán á creación de riqueza no sector forestal galego son:

Rexistro de frondosas:

Recentemente creouse o rexistro de masas frondosas consolidadas. O obxectivo desta norma é mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia.

Deste xeito, os titulares que rexistren estas masas terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable. Os seus propietarios, así como os titulares dos aproveitamentos, terán tamén vantaxes e incentivos fiscais.

Cómpre sinalar que a extensión actual das masas de frondosas autóctonas na comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego. De aí a necesidade e a importancia de contar cunha ferramenta deste tipo.

Plan Forestal:

Este inventario forestal ademais servirá de guía para a revisión do Plan Forestal de Galicia. A través deste Plan, apóstase por garantir un monte sustentable, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, co fin de asegurar un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal.

Ademais, o plan aposta por un equilibrio entre conservación e produción e non demoniza ningunha especie. A planificación ten en conta tamén as necesidades en canto a produción sustentable de madeira, orientadas cara o mantemento da riqueza e o emprego que xera o sector.

Precisamente, un exemplo palpable de monte multifuncional é a creación dun bosque periurbano na contorna de Vigo, que conta cun orzamento de case 1,4 millóns de euros e no que xa se está a traballar. Para levalo adiante, asinouse un acordo de colaboración entre a Xunta e a mancomunidade de montes de Vigo, así como con cada unha das comunidades de montes veciñais en man común de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns.

Este acordo ten por obxectivo restablecer o valor ambiental, económico e social da contorna da cidade de Vigo e que suporá unha restauración total da masa forestal nestes catro montes veciñais.

A maiores, é preciso lembrar o acordo de colaboración entre a Xunta e o Banco Santander para acometer a rexeneración ambiental, da paisaxe e preventiva da zona afectada polo lume de Ponteareas de 2017, que tamén chegou aos concellos limítrofes de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, Soutomaior, Pontecaldelas e Cotobade. Esta iniciativa está dotada cun orzamento de preto de 860.000 € para impulsar diferentes actuacións, xa en execución, coma o cambio de uso de dúas parcelas, unha de 135 hectáreas e outra de preto de 11 para a súa transformación en pasteiros, a realización de tratamentos para a vexetación noutras 72 hectáreas e a creación de descontinuidades en valgadas, coa plantación de ata 105.000 bidueiros.

Outros decretos forestais:

Co fin de seguir desenvolvendo a Lei de Montes, a Xunta aprobou para o seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia o Decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta norma beneficiará aos titulares tanto dos terreos como dos aproveitamentos, xa que redundará nunha simplificación dos trámites e nunha axilización e redución dos prazos, proporcionando maior seguridade xurídica aos cidadáns.

Aproveitamento da resina

Aproveitamento da resina

Ademais, cómpre destacar que no novo decreto regúlase por primeira vez o aproveitamento de resina, que está tendo nos últimos anos un forte pulo e que está moi ligado á fixación de poboación no rural. Ao tratarse dun aproveitamento en constante evolución, facilita tamén as accións de formación e investigación.

En particular, este decreto regulará a autorización única para os aproveitamentos. Desta forma, será a Consellería do Medio Rural a que solicite e valore os informes preceptivos dos distintos organismos da Xunta, emitindo unha única autorización, nun prazo máximo de dous meses, con silencio positivo.

Ademais, a Xunta aprobou os novos pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies madeirables (eucaliptos, piñeiros e acacias) en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público (zonas de protección de estradas autonómicas, policía de leitos de ríos e regatos de competencia galega e de conservación do patrimonio natural).

Así, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable da persoa interesada na corta, comprometéndose ao cumprimento dos requisitos específicos contemplados para as cortas en cada un destes espazos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

15.000 solicitudes

Deste xeito, amplíanse os supostos de declaración responsable, polo que a Xunta estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites.

Un ano de prazo para facer as cortas

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto (Eucalyptus spp), o piñeiro galego ou do país (Pinus pinaster), o piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), o piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) e a acacia negra (Acacia melanoxylon), respectando as peculiaridades establecidas en cada prego.

Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural.

Os aproveitamentos previstos están supeditados á presentación da correspondente declaración responsable na sede electrónica da Xunta de Galicia  segundo o modelo MR604H, e o aproveitamento realizarase no prazo máximo dun ano desde a presentación desta declaración. A corta da madeira levarase a cabo sen abandonar ningún tipo de material que poida resultar tóxico para as augas, a flora ou a fauna acuática e terrestre, como por exemplo plásticos, aceites, recambios usados, etc.

Exclúense montes de máis de 15 hectáreas sen plan de ordenación

No caso de superficies de aproveitamento superiores a 15 hectáreas, os propietarios terán que solicitar autorización previa do plan de cortas mentres o monte non dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio. É o caso dos Montes Veciñais en Man Común que carezan de plan de ordenación. Unha vez obtida a autorización deste plan xa poderá presentarse a oportuna declaración responsable.

Tampouco poderán, en ningún caso, ser obxecto dunha declaración responsable aqueles usos que requiran a realización dunha avaliación ambiental.

Non afecta ao dominio público estatal

A orde afecta unicamente a montes a carón de estradas ou regatos de competencia autonómica. No caso de dominio público competencia do Estado (estradas nacionais, bacías hidrográficas que afectan máis dunha comunidade autónoma -en Galicia os ríos que están dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o río Eo-, montes afectados pola Lei de Costas, ou espazos afectados pola rede ferroviaria), en cuxo caso segue a rexer a normativa básica de aplicación e os trámites en vigor até o de agora para a totalidade das cortas de madeira.

Tamén cabe destacar o inicio da tramitación do anteproxecto de Decreto polo que se rexerán os contratos temporais de xestión pública e o fondo de melloras.

Mediante estas figuras, a Administración autonómica prestará financiamento previo e asistencia técnica aos propietarios forestais que subscriban ditos contratos para a posta en valor dos seus montes. Os titulares dos terreos, pola súa banda, asumen o compromiso de devolver aquela porcentaxe do investimento que sexa cualificada como anticipo reintegrable e a remunerala cos xuros establecidos.

O obxectivo destas medidas é incidir na boa gobernanza dos montes e na súa xestión sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, ao tempo que se garante a seguridade xurídica para as partes asinantes, fomentando a colaboración público-privada nesta materia.

Una idea sobre “A ordenación e planificación forestal, claves para crear riqueza no monte galego

  1. Suso

    Fotos de masas infinitas de eucaliptos e ainda falades de ordenacion forestal?.
    Dades vergonza defendendo o indefendible. Galicia esta morta a nivel de biodiversidade pola incompetencia da Xunta ao servizo de ENCE e esquecendose da desfeita xa irreparable.
    Seguide asi que o facedes moi ben como escravos do voso dono.

    Un saudo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *