A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Optimizar o manexo do xurro reduce custos e mellora a nutrición dos cultivos”

A empresa galega Transfober, especializada na xestión e aplicación de xurros, defende a necesidade de mellorar a xestión do abonado orgánico en campo, na liña das prácticas que xa se seguen en países como Alemania ou Dinamarca, onde visitaron recentemente a fabricantes e empresas de servizos

“Optimizar o manexo do xurro reduce custos e mellora a nutrición dos cultivos”

Equipo de Transfober en Alemania co director do fabricante de aplicadores Vogelsang, terceiro pola esquerda.

A mellora do manexo do xurro no agro é unha solución para as granxas e para o medioambiente. Así o defende a empresa galega Transfober, especializada na xestión e aplicación de xurros, que avoga por optimizar o abonado orgánico nas explotacións galegas, na liña que xa se segue noutros países de Europa de tradición láctea, como Alemania ou Dinamarca.

A dirección e traballadores de Transfober visitaron recentemente en ambos países a fabricantes de aplicadores e cisternas (Vogelsang, Wienhoff), así como a empresas de servizo, como parte dun seminario de formación no que puideron comprobar como fan alí as aplicacións en campo.

“A clave pasa por optimizar a xestión dos nutrientes do xurro. Temos que saber exactamente os nutrientes que ten e aportalos na cantidade e no estado que necesitan os cultivos” -valoran na dirección da empresa-. “Explicóunolo moi ben unha empresa de Dinamarca. Preguntáronnos: “¿En Galicia botades xurro ou abonades?. En Dinamarca abonamos”.

“Temos que saber os nutrientes que ten o xurro e aportalos na cantidade e no estado que necesitan os cultivos”

No país nórdico, a optimización do manexo dos xurros está a levar a aforros claros nos fertilizantes químicos. “Cultivos de inverno como as pradeiras e o cereal estanos sacando xa só con xurros e hai experiencias tamén de cultivo de millo con 0 abonos químicos. É unha liña de traballo que aforra custos nas granxas e é positiva para o medioambiente, ao reducir o emprego de químicos, utilizando principios da economía circular, coa valorización do purín”, destacan.

Calidades nutricionais do xurro
Nas empresas de servizos de aplicación de xurros que visitaron, está popularizándose o uso de dispositivos que miden as calidades nutricionais do xurro, de xeito que se saiba exactamente a cantidade de nutrientes (nitróxeno, fósforo, potasio, etc.) que se aplica en cada parcela.

“Se eles o fan, esa é a vía pola que deberiamos de ir nós. O camiño é chegar a dicirlle ó cliente con exactitude os nutrientes que está aplicando por hectárea” -valoran en Transfóber-. “Dese xeito, pódense axustar as aplicacións de fertilizantes químicos ó que o cultivo realmente necesita. A parte de reducir custos, estamos mellorando así o estado das praderías e a alimentación das vacas”, subliñan na empresa galega.

Transfober incorporou o pasado ano un aplicador con inxectores dotado de caudalímetro, de xeito que pode facer aplicacións variables nunha parcela. En combinación co GPS do tractor, o aplicador varía o caudal de xurro en función dos mapas de rendemento da parcela. Ese servizo, que xa dá o dato dos litros aplicados por finca e hectárea, pódese mellorar con análises do valor fertilizante do xurro, unha liña cara a que se enfoca a firma galega.

Manexo no almacenamento en granxa
Outra vía de mellora pasa pola xestión do xurro nas propias granxas. “Vimos en Alemania e Dinamarca que nas granxas é habitual ter aireadores ou remexedores na foxa, que removen o xurro co obxectivo de acelerar o proceso de nitrificación cando é preciso. Por exemplo, en febreiro, cando aplican nas pradeiras xurro tralos cortes de limpeza, é habitual que usen xurro remexido anteriormente porque así ten máis porcentaxe de nitróxeno nítrico, máis directamente asimilable polas plantas”, explican.

O vídeo amosa unha aplicación de xurro en pradeira en Alemania, o pasado outono, cun aplicador Vogelsang, con brazo articulado adaptable ás irregularidades do terreo.

“En cambio, cando sementan millo en maio, a penas removen o xurro con anterioridade, para que así teña máis porcentaxe de nitróxeno ureico, que é lento e que se convertirá a amoniacal e nítrico ó cabo dunhas semanas, cando a planta xa teña 4-5 follas e precise maiores aportes”, comparan.

Pradeira en Alemania trala aplicación do xurro.

Pradeira en Alemania trala aplicación do xurro.

Profesionalización
Desde Transfober, por último, avogan por un cambio de mentalidade no concepto de traballo, coa idea de evitar calquera queixa veciñal que se poida producir no entorno agrario. “Temos que procurar que os olores e as emisións sexan as mínimas, e facer un traballo que xere as menores molestias, sen deixar terra nas pistas e evitando calquera outra incidencia”.

“No agro temos o problema de que hai parte da sociedade que, por descoñecemento, ve no xurro un problema, cando en verdade é unha solución para o medioambiente, pero temos que manexalo correctamente e profesionalizarnos; en resumo, aprender a traballar sen molestar ós demais”, conclúen.

Premio á excelencia empresarial
Transfober vén de recibir o premio á excelencia empresarial, na categoría de ‘Loxística Agraria’, que outorga o diario La Razón. Na terceira edición destes premios, entregados a pasada semana, o xurado valorou o liderazgo da firma galega en solucións de loxística agraria, tanto en xestión de puríns, como no transporte de palla ou madeira, áreas nas que tamén opera a firma.

Contacto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *