Nos últimos días o Sector do Vacún da Carne do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de debater a proposta chegada por parte da industria e da distribución que forma parte da IXP Tenreira Galega de abrir un diálogo que levara á posibilidade de introducir novas razas dentro da IXP Tenreira Galega, como o azul belga.
De xeito unánime, analizados os pros e contras desta medida, “o sector oponse á inclusión de novas razas dentro da IXP, en especial o que ten que ver coa introdución de razas como o azul belga, que nada teñen que ver co noso territorio, dentro da categoría Tenreira Normal.” O SLG iniciará nos vindeiros días unha campaña para que o sector coñeza a realidade que está atravesando e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas.
Un fondo malestar no sector produtor
A proposta, chegada dende a industria e a distribución, xerou un fondo malestar dentro das produtoras de vacún de carne do Sindicato Labrego Galego, “máis aínda nun contexto onde os prezos que están a percibir pola Tenreira Galega Suprema non deixa de baixar”. “Un dos aspectos que máis malestar xerou é ter que escoitar por parte da industria e distribución que é necesario incluír novas razas para a Tenreira Normal porque faltan animais, e ao mesmo tempo estanse xustificando as baixadas nos nosos animais da Tenreira Galega Suprema porque sobran animais…que é o que pasa? Semella que se están a rir de nós…non somos parvas!”, o Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
“Dende o SLG entendemos que a situación no mercado mudou por varias razóns, a principal o peche de granxas, pero o que non pode ser é que se nos diga que temos que apertarnos o cinto porque sobra carne e, ao mesmo tempo, que queiran incluír máis carne dentro da marca. O que vemos claro dende a nosa organización é que para a industria e a distribución non interesa a Tenreira Galega Suprema”, advirte.
Dende hai un tempo, a industria e a distribución levan insistindo na idea de incluír novas razas dentro da IXP Tenreira Galega, en especial o azul belga na categoría Tenreira Galega Normal.
Neste sentido, dende o SLG explican que “nas últimas semanas contactaron co Sindicato Labrego Galego para tentar abrir unha vía de negociación. Saben que o cambio que formulan, que é un dos cambios considerados da Unión Europea e, polo tanto, é Europa quen o autoriza e é moi difícil que o aproben se a produción tradicional nos opoñemos ou a proposta leva algún voto en contra”.
A este respecto dende o SLG advirten que “non temos ningún problema en reunirnos e debater, de feito, nas últimas semanas mantivemos dúas reunións a instancias de UUAA, para ver se era posíbel chegarmos a acordos as tres organizacións que temos representación na produción tradicional (UUAA, Gandeiros de Suprema e Sindicato Labrego Galego) sobre que contraprestacións pedir para abrir unha vía de negociación sobre esta proposta”.
“Incluír o azul belga na IXP sería entregarlle o control total á industria e á distribución”
Nesta situación, a organización labrega advirte de que “incluír novas razas como o azul belga dentro da IXP Tenreira Galega dentro da categoría Normal sería entregarmos o control total da IXP á industria e á distribución e moitas granxas de Suprema sobrariamos no territorio”.
“Querer negociar con quen nos ten no punto de mira porque lle sobramos non é unha boa opción nunca, as negociacións hai que dalas dende o respecto mutuo por ambas partes e a industria e a distribución estas últimas semanas baixando o prezo da Tenreira Galega Suprema o que está demostrando é que nos quere utilizar para os seus fins pero que as nosas granxas sóbranlles”, recoñece o vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP, o gandeiro Samuel Formoso.
“Nós o azul belga e máis cebado nun cebadoiro non lle vemos nin vinculación o territorio nin moito menos o xeito de cebo tradicional que nós temos nas nosas granxas de Suprema”, insiste.
Convocatoria do Consello Agrario e Mesa da Carne
Ante a situación de baixada de prezos no sector, dende o Sindicato Labrego reclaman á Consellería do Medio Rural “a convocatoria inmediata da Mesa da Carne co fin de acordar dunha vez por todas unhas canles para establecer uns custos de produción e desenvolver a Lei da Cadea Alimentaria no noso país”.
Así mesmo, ante a cantidade de temas que hai sobre a mesa, instan á Consellería do Medio Rural a que convoque o Consello Agrario de xeito inmediato. “No SLG advertimos que é importante esta convocatoria ante a inestabilidade vivida nos últimos meses, que compromete a viabilidade do sector en Galiza. Inestabilidade que comezou coa baixada do prezo do leite en abril, a baixada continuada da carne nas últimas semanas, a negociación da PAC en Bruxelas, etc. Estes meses xogamos o futuro da próxima década e nada sabemos nin de que están defendendo en Bruxelas en relación á próxima PAC, nin si se se está a facer un seguimento do MERCOSUR, nin como imos desenvolver a Lei da Cadea… ”, advirten.
Galego









Control OJD