O emprego de queimas controladas en monte durante o inverno e inicios da primavera, unha práctica habitual en Galicia, estase atopando coa oposición ecoloxista. A Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ considera preocupantes estas queimas, que cómpre lembrar que son autorizadas e executadas pola Administración. Os ecoloxistas trasladáronlle algunhas das queimas á Fiscalía de Medio Ambiente e piden que os lumes prescritos se deteñan en zonas de Rede Natura ou Reservas da Biosfera.
Coas queimas controladas, adoita buscarse unha mellora do hábitat para o gando extensivo ou para especies cinexéticas. Trátase así de controlar o mato e de facilitar a xeración de pastos. O habitual é facelas en pequenas superficies inferiores a 10 hectáreas, previa solicitude dos montes veciñais ou propietarios interesados.
De xeito indirecto, no sector forestal considérase que tamén teñen un efecto de prevención dos lumes, pois evítanse posibles lumes posteriores cun obxectivo de ‘limpar’ o monte.
A polémica cos lumes prescritos saltou este mes ó perderse o control dalgunha das queimas, segundo os ecoloxistas, que inciden no caso de Folgoso do Courel (Lugo), no lugar de Hórreos, onde sinalan que unha queima controlada derivou nun incendio forestal que afectou á Rede Natura.
A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ subliña tamén que este mes a fauna está en pleno periodo de apareamento e cría, polo que considera que os lumes “afectan gravemente” ós animais. Outra cuestión a ter en conta, segundo os ecoloxistas, é a erosión e degradación dos ecosistemas que provocan estes lumes, así como as emisións de dióxido de carbono á atmósfera.