
No acto, participaron as organizacións UUAA, SLG, Agromuralla, Elas Eles e FRUGA.
As explotacións de vacún tanto de carne como de leite precisan de todo o xurro que producen para o cultivo de forraxes. Polo tanto, non poden destinalo á elaboración de biogás. É a principal conclusión dos especialistas e representantes de organizacións agrarias que mantiveron un encontro informativo este sábado na vila luguesa de Antas de Ulla. Ademais, coincidiron en que existe unha tendencia a identificar as granxas como focos de contaminación da auga, da terra e do aire e que se está a estender entre os gandeiros a idea de que a UE vai prohibir a aplicación dos xurros como fertilizantes, algo que negaron categóricamente. O encontro veu motivado pola posibilidade de que se instale neste concello da comarca da Ulloa unha planta de biometano.
Xoán Castro, enxeñeiro agrónomo da organización Elas Eles, afirmou que na meirande parte das comarcas gandeiras de vacún a produción de xurros sería insuficiente para que as plantas fosen rendibles, polo que habería que engadirlles residuos procedentes de industrias, depuradoras urbanas ou matadoiros. “Sería mesturar residuos como os lodos, que si son lixo, cun recurso fertilizante de alta categoría como é o xurro das nosas vacas. E eso si que sería contaminante nos lugares onde se establezan”.
Castro asegurou que algunhas empresas de biogás están a trasladar a mensaxe de que a UE vai prohibir o uso de calquera xurro para convencer os gandeiros dos beneficios das plantas e dixo que esa posibilidade é totalmente falsa.
Xulio Fernández, do Sindicato Labrego Galego, explicou que a media de emisións de xurro de dúas vacas na comarca da Ulloa é de 26 metros cúbicos por ano e, polo tanto, de 156 quilos de nitróxeno anuais. Deste xeito, unha carga gandeira de 2 vacas por hectárea estaría incluso por baixo dos límites de fertilización dunha zona vulnerable ó nitratos (170 Kg. nitróxeno por hectárea e ano), circunstancia na que non se atopa a Ulloa, con posibilidades de fertilización superiores.
“Estas cifras demostran que a gandería nesta comarca non é contaminante e nin sequera produce o xurro necesario para as explotacións. O que hai que facer é dar axudas para ampliar as fosas e formación para o uso axeitado do xurro e non crear plantas de biogás que, ademais, reciben importantes subvencións.”
Fernández citou as sucesivas normas europeas que regulan a aplicación e xestión de xurros como proba de que non se vai prohibir o seu emprego.
Pola súa parte, Elías Somoza, da Federación Rural Galega, puxo o foco no vacún de carne. “En moitas comarcas está a haber problemas de falta de xurro porque a produción das granxas é insuficiente e na contorna non hai gandería intensiva non vencellada á terra (avícola e porcino) para solucionar esa carencia. De modo que non tería sentido destinar a biogás o pouco xurro que hai.” Somoza considera que o maior foco de contaminación é a falta de gandeiros, “que provoca lumes, plantacións de eucaliptos e perda de biodiversidade”.
Dende Unións Agrarias, Jacobo Feijóo indicou que a UE é deficitaria en enerxía e que as súas políticas verdes, que tenden a suprimir os combustibles fósiles, levan a que sexa preciso recurrir ao biogás ata cubrir o 30% do total e a crear unha reserva para situacións de crise como a guerra de Ucraína. “O gando galego consume 6,6 millóns de toneladas de alimento anuais, pero Galicia só produce o 55% desa cantidade. Polo tanto, temos que mellorar a eficiencia nos cultivos e ser conscientes do valor fertilizante dos xurros. Non se poden desbotar as plantas de biogás en Galicia, pero deberan funcionar cos xurros máis contaminantes que proceden de explotacións sen uso de terra”, defendeu.
José Luís Pérez Barreiro, en representación de Agromuralla, opina que todo o sector vacún está en contra de que os xurros se usen para fins enerxéticos. “Non só pola perda dun recurso fertilizante senón tamén porque o gandeiro pasaría a depender da empresa gasística. É decir, se contas con que a empresa vai levar o xurro e que co que dean por el vas poder abonar as leiras, xa non invistes en ampliar fosas. Pero, se a empresa pecha -como xa pasou en plantas de Asturias ou en Sarreaus- quedas vendido.”
Por último, o representante do colectivo Elas e Eles, Adrián Riádigos, propuxo solucións alternativas ás plantas de biogás. “Na área metropolitana de Vigo hai máis de 400.000 persoas que van todos os días facer as súas necesidades. Tería máis sentido ubicar alí as plantas de biogás e aproveitar ese ´xurro humano´ que trasladar os residuos urbanos para completar a produción de biogás no medio rural.”
Riádigos tamén aposta pola creación de balsas de xurro -cun tope de tres millóns de litros por balsa- procedente de explotacións porcinas para poñelas a disposición dos gandeiros de vacún en cada comarca. “Dese xeito faríase un uso proveitoso dese fertilizante e evitaríase que estivese excesivamente concentrado en puntos determinados.”
O acto informativo estivo organizado polo colectivo ecoloxista ADEGA, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A xornada celebrouse logo de que a empresa CCC Energo, con sede en Asturias, manifestase a súa vontade de crear unha planta de biogás en Antas de Ulla e mantivera encontros cos veciños e coa administración local. Con todo, polo momento non se presentou ningunha documentación que explique os detalles técnicos do proxecto nin o seu impacto na comarca da Ulloa.