A Asociación Defensa da Ulla Verde, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Plataforma Sí a un Rural Vivo, manifestan nun comunicado conxunto o seu “contundente rexeitamento ao proxecto da Adega Martín Códax de implantar 18,5 hectáreas de novos viñedos no Concello de Vedra”.
Martín Códax ten presentada solicitude de cambio de uso das parcelas e neste momento a proposta de avaliación de impacto ambiental simplificada vén de ser publicada e atópase en fase de exposición pública e consulta.
Segundo estes colectivos, a nova plantación traería aparellados os seguintes conflitos e problemas á zona:
-
Contaminación das augas, do aire e do solo por abonado, herbicidas e pesticidas
-
Perda de biodiversidade e impacto paisaxístico coas talas de monte e de especies autóctonas.
-
Ameaza para as pequenas adegas que se verían desprazadas dos mercados locais e de proximidade pola presión das grandes adegas
-
Ameaza para os viticultores que venden a uva ás adegas que poden sufrir importantes baixadas de prezos ou non ter quen lles merque as uvas
-
Impacto na produción hortícola que pode verse seriamente afectada por residuos de pesticidas do viñedo.
As organizacións xa anuncian que van poñer en marcha asembleas co obxectivo de informar do proxecto e para facilitar a presentación de alegacións ás persoas afectadas. Os lugares afectados son as parcelas “Revolta das Devesiñas” en Trobe, “Sarandón” en San Pedro de Sarandón e “Palomar e Almestro” na parroquia de Ponte Ulla.