Oito candidaturas concorren ás eleccións da D.O. Rías Baixas

Os comicios celebraranse o 19 de febreiro

Publicidade
Oito candidaturas concorren ás eleccións da D.O. Rías Baixas

As eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, do mesmo xeito que outros Consellos Reguladores agroalimentarios de Galicia, celebraranse o domingo 19 de febreiro. Serán as terceiras que se organizan desde o Consello Regulador e foron convocadas segundo a Orde do 7 de novembro de 2022 da Consellería do Medio Rural. Nas presentes eleccións estarán implicadas 179 adegas e 4.984 viticultores.

O Pleno do Consello Regulador, na sesión celebrada o día 12 de xaneiro, validou as oito candidaturas presentadas, que serán sometidas a exposición pública ata o 17 de xaneiro na sede do Consello Regulador. Durante ese prazo, as persoas interesadas poderán presentar as alegacións que estimen oportunas. De habelas, o Pleno do Consello Regulador decidirá o 20 de xaneiro se as acepta ou non.

Os 22 vogais elexibles do Pleno repártense en 3 censos: o de viticultores, con 9 representantes (que á súa vez se reparten en 5 vogais para os que posúan 2 hectáreas ou menos, e 4 para os rexistrados que teñan máis de 2 hectáreas); o de adegas/elaborador, con 9 vogais (repartido entre as industrias cuxa media de viño amparado nos tres últimos anos sexa igual ou menor a 100.000 litros, aos cales lles corresponden 2 vogais, e 7 para as de máis de 100.000 litros); e finalmente o censo de cooperativas, que ten 4 vogais. Ademais destes, a Consellería do Medio Rural designará outros 2 vogais delegados.

Ao censo de viticultores polas subzonas do Salnés e Ribeira do Ulla, tanto nos que posúen 2 ou menos hectáreas como máis de 2, presentáronse a Asociación Agraria Galega (ASAGA), Unións Agrarias–UPA e Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas. Pola subzona de Condado do Tea e Soutomaior, polos de menos ou igual de 2 ha., optan á elección UA-UPA, Asociación Agraria Galega (ASAGA) e Sindicato Labrego Galego (SLG), mentres que ao censo de máis de 2 ha. presentáronse SLG, ASAGA e Federación Rural Galega (FRUGA). Finalmente, no censo de viticultores pola subzona do Rosal coinciden SLG e ASAGA, tanto nos de menos como nos máis de 2 hectáreas.

Xa no censo de adegas/elaboradores, ás de igual ou menor a 100.000 litros en todas as subzonas concorre ASAGA, SLG e a agrupación formada polas Asociacións Adegas do Salnes & Adegas Artesás Rías Baixas; mentres que nos de máis de 100.000 litros de Salnés e Ribeira do Ulla, Condado e Soutomaios e Rosal, só se presenta a Asociación de Empresarios, Adegueiros e Viticultores de Rías Baixas. Ao último censo, o de cooperativas, preséntase a candidatura única de Adegas Cooperativas de Rías Baisas – AGACA.

Actualmente as Oficinas Agrarias Comarcais, Sede do Consello Regulador, AGACAL e xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural teñen a exposición os censos definitivos.

Concluídos os prazos de exposición e alegacións, o día 3 de febreiro iniciarase a campaña electoral que se prolongará ata o 17 de febreiro. A votación terá lugar o domingo 19 de febreiro en horario ininterrompido de 10:00 a 17:00 horas. O número de mesas previsto para a votación será de 15, para os votantes das subzonas do Condado do Tea e Soutomaior en Arbo e Salvaterra; outra no Rosal para os votantes desa subzona; a de Ribeira do Ulla en Vedra e os de Val do Salnés poderán facelo nas dúas mesas de Cambados, Meaño e Ribadumia, mentres que Portas, Sanxenxo e Vilanova de Arousa contarán cunha en cada localidade.

Tras as votacións do día 19 de febreiro está previsto que o 21 do mesmo mes a Xunta Electoral Central proclame os vogais electos e que, a partir do 22 de febreiro, se abra un prazo para que a Consellería do Medio Rural convoque aos novos vogais electos para tomar posesión das súas actas. Nesa mesma sesión elixirán por maioría ás persoas que haberán de ostentar os cargos de presidente e vicepresidente, que non teñen por que estar vinculados ao sector.

Districtos electorais

Os viticultores , deberán votar no concello onde teñan inscrita a maior superficie de explotación ou a adega. Para exercer o seu dereito a voto, as persoas físicas deberán presentar o DNI ou pasaporte, e as persoas xurídicas poderán facelo a través do documento validado pola Xunta Electoral Central que habilitará a unha persoa física a exercer este dereito en nome da empresa.

As mesas electorais estarán distribuídas da seguinte maneira:

• Mesa en Vedra (subzona Ribeira do Ulla) para as localidades da Estrada, Boqueixón, Padrón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

• Mesa no Rosal (subzona Rosal): localidades do Rosal, Tomiño, Tui (Pexegueiro, Areas, Malvás, Ribadelouro, Rebordáns, Pazos de Reis, Randefe e Tui).

• Mesa en Arbo (subzona Condado do Tea) para as localidades da Cañiza, Arbo e Crecente.

• Mesa en Salvaterra do Miño (subzona Condado do Tea): As Neves, Mos, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Tui (Guillarei, Páramos, Baldráns, Caldelas de Tui).

• Mesa Vilanova de Arousa (subzona do Salnés) para as localidades de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

• Mesa Portas (subzona do Salnés) para as localidades de Barro, Caldas de Reis e Portas.

• Mesa Sanxenxo (subzona do Salnés) para O Grove e Sanxenxo.

• Mesas en Cambados I (Subzona do Salnés) para viticultores de Cambados, censados da Á a L.

Mesa Cambados II para viticultores censados da M á Z.

• Mesas en Meaño I (Subzona do Salnés) para viticultores censados de Meaño da Á a G.

Mesa Meaño II para viticultores de Meaño censados da H á Z.

• Mesa Ribadumia I (Subzona do Salnés) para viticultores de Meis e Ribadumia, censados da Á a L.

Mesa Ribadumia II para viticultores de Meis e Ribadumia, censados da M á Z.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información